José Couso: 11 anos reclamando dignidade e xustiza

O 8 de abril de 2003, tan só un día antes de que Bagdad caese baixo dominio das forzas de ocupación, a Terceira División de Infantería Acorazada do exército dos EE.UU. realizaba un triplo ataque contra os tres lugares dende os que nese momento se realizaban emisións de televisión en directo: as sedes de Al Jazeera e Abu Dhabi TV e máis o Hotel Palestina, lugar de aloxamento da prensa internacional que cubría o conflito. As bombas estadounidenses acababan coa vida do produtor Tareq Ayoub e máis dos cámaras, Taras Proysiuck e José Couso, e deixaban máis de vinte persoas feridas. O obxectivo dese ataque resúmeo ben Juan Tortosa nun artigo no diario Público: “En el trasfondo de aquellas muertes, la de José Couso y sus dos compañeros el 8 de abril, está la obstrucción al trabajo informativo. El objetivo era acallar a la prensa, controlar el relato, dominar quién, cómo y cuándo se administraba la información de lo que estaba sucediendo en Irak justo en los días clave de la invasión”.

O Pentágono sabía claramente que no Hotel Palestina tan só había persoal dos medios de comunicación. Unha vez analizado o sucedido, todo parece indicar que conseguiron o que procuraban

Isto era o que procuraban: o ataque á liberdade de información e ás e aos xornalistas que traballaban naquel momento na capital iraquí malia que, tal e como quedou demostrado, o Pentágono sabía claramente que no Hotel Palestina tan só había persoal dos medios de comunicación. Unha vez analizado o sucedido, todo parece indicar que conseguiron o que procuraban: “no hay imágenes de Bagdad en las horas siguientes a los ataques, porque estábamos atendiendo a nuestros heridos, llorando a nuestros muertos, barajando lugares en los que refugiarnos”, sinala Olga Rodríguez, daquela corresponsal da Cadena Ser na guerra de Irak, nun artigo publicado en Periodismo Humano.

Nestes once anos os reveses xudiciais non foron poucos, os intentos de entorpecer o proceso moitos e o apoio dos gobernos, tanto de PSOE coma do PP, inexistente

Dende o primeiro momento, a dor pola morte de José Couso conviviu coa loita permanente da súa familia e máis dous seus amigos e amigas pola dignidade, a xustiza e contra impunidade e a mentira. O camiño non foi, nin segue sendo, doado pero, tal e como afirmaban as nais da Praza de Maio na Arxentina: “la única lucha que se pierde es la que se abandona”. Nestes once anos os reveses xudiciais non foron poucos, os intentos de entorpecer o proceso moitos e o apoio dos gobernos, tanto de PSOE coma do PP, inexistente. Tanto é así que, segundo revelaron as filtracións de Wikileaks, os sucesivos executivos españois cederon ás presións do goberno dos EE.UU. para deixar de investigar o caso do asasinato de José Couso.

O último revés xudicial produciuse durante o primeiro trimestre deste ano cando o Estado español decidiu limitar, até a súa case total anulación, a xustiza universal nunha decisión que a priori provoca o peche de diferentes procesos xudiciais abertos con implicación no ámbito internacional: delitos de tortura e xenocidio contra o pobo tibetano, asasinatos de sacerdotes no Salvador, torturas en Guantánamo... De momento, o xuíz encargado do caso, Santiago Pedraz, decidiu non aplicar a nova lei e mantén aberta a investigación aludindo que a “jurisdicción española sí es competente” para investigar a morte de José Couso.

De momento, o xuíz encargado do caso, Santiago Pedraz, decidiu non aplicar a nova lei e mantén aberta a investigación aludindo que a “jurisdicción española sí es competente” para investigar a morte de José Couso

Malia todo, esta loita tamén está inzada de vitorias, tal e como lembra Victoria Permuy nun artigo publicado en maio de 2013 en Mundiario: “el caso de José Couso es la única causa abierta en el mundo contra tres militares estadounidenses, sobre quienes pesa una orden internacional de busca y captura”. A outra victoria conseguida: manter vivo o caso e impedir o seu esquecemento. “En la reivindicación de la memoria, en la reivindicación de ese pasado que es mucho más reciente de lo que pensamos, ya se conquista un espacio de justicia”, sinalaba Olga Rodríguez en abril de 2013 nos actos de lembranza do X aniversario do asasinato de José Couso.

Reclamar xustiza para o caso Couso é apostar pola liberdade de información e pola dignidade e a memoria dos milleiros de vítimas inocentes que perderon a súa vida en Irak

La impunidad es hija de la mala memoria”, escribe Eduardo Galeano na súa obra Patas arriba. La escuela del mundo al revés, por iso non debemos deixar de reclamar investigación e xustiza, o lema que presidiu e preside a loita da familia Couso nestes 11 anos. Fixérono en Ribadeo, vila á que José Couso se achegaba con frecuencia e onde hoxe hai unha rúa que leva o seu nome; en Ferrol nun acto de homenaxe esta fin de semana na Praza da Paz José Couso; faino cada ano o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa convocatoria do premio que leva o nome de Couso; e temos a obriga de seguir facéndoo todas e cada unha de nós mentres sexa preciso. Porque reclamar xustiza para o caso Couso é apostar pola liberdade de información e pola dignidade e a memoria dos milleiros de vítimas inocentes que perderon a súa vida en Irak e nos centos de conflitos armados que se suceden ao redor do planeta.

Sei ben que a súa familia non quedarán parada, que non tirarán a toalla até conseguir que se faga xustiza. Deixábao ben claro Maribel Permuy, nai de José Couso, nos actos de homenaxe que se celebraron en Madrid este pasado domingo: “Mientras pueda pensarte, no habrá olvido”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.