Xustiza? Que Xustiza?

O ano 2014 comezou dun xeito especialmente tráxico no que a violencia de xénero se refire. Os asasinatos de mulleres non deixan de medrar, con xa 18 falecidas en apenas tres meses, e 5 de elas en só 48 horas.

E no medio de tanta dor, de tanto despropósito, hai poucas semanas atopámonos coa arrepiante nova de que un xuíz da Audiencia Provincial de Jaén dita unha sentenza pola que se lle dá via libre a Sebastián M.C.,maltratador reincidente da sua esposa, e da cal xa tiña unha orden de afastamento, a compartir o domicilio conxugal porque  “non ten onde ir”.

Eu pregúntome, como podemos dicirlles as vítimas, as familias, que denuncien os casos de malos tratos ante semellante despropósito?. Como podemos  confiar na xustiza se quen a imparte lle outorga ao agresor a licenza para matar?

Porque, por desgraza, todas e todos sabemos cal será, probablemente, o final de esta historia. E, en calquera caso, non hai disculpa para obrigar a esta muller a continuar vivindo unha vida de medo e vexacións.
Moitas lembramos aínda o caso de Ana Orantes, a muller a que un xuíz matou, si matou, cando a sua sentenza a obrigou a compartir vivenda co seu agresor e que acabou por queimala no xardín da propia casa.

"Tan culpable é quen agrede como quen consente"

Alega a defensa que o agresor precisa coidados e que a muller non se opón a prestarllos. Que clase de profesionais velan pola seguridade das vítimas que ignoran os signos máis elementais, como son a anulación, o sometemento e a falta de vontade de estas mulleres, amén de estar na maioría dos casos ameazadas e aterrorizadas?.

Eu preguntarialle a este xuíz, que pasaría se o agresor fose a parella da sua filla, da sua irmá? Ou mellor aínda, gustaríame que por un único dia puidese vivir o que padece unha vítima de violencia de xénero, que soubese o qué e compartir mesa, cama e mantel co terror máis absoluto.

E, para rematar, faríalle unha última pregunta. É quen de mirarse no espello cada dia e non avergoñarse? Tan culpable é quen agrede como quen consente, non o esqueza, Sr. Xuiz, e rebusque ben, pode que no medio de tanto lixo atope a sua conciencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.