0 Gardados para despois

Castor Fernández

Feijóo anúncianos os próximos recortes

Pregunta: Vailles repoñer no 2015 o salario aos funcionarios?

Resposta: Sempre lles agradecerei aos empregados públicos o que están facendo por Galicia. Pero non teño 150 millóns ao ano para facelo.

"Vailles repoñer no 2015 o salario aos funcionarios?" "Sempre lles agradecerei aos empregados públicos o que están facendo por Galicia. Pero non teño 150 millóns ao ano para facelo"

Así se despachou o Sr. Presidente da Xunta diante da cidadanía galega nun coñecido xornal. Entre tanto, os funcionarios, a través das organizacións sindicais, litigan nos xulgados reclamando unha parte da paga detraída, a parte devindicada do 2012, e ducias de sentenzas recoñecen xa a ilegalidade da medida sen que sirvan para nada, Feijóo non paga.

Está claro que os funcionarios non son os mariñeiros do cerco nin son os traballadores da industria do metal; nin representan o máis mínimo problema ou preocupación para Feijóo nin para os da súa clase. Os funcionarios cobran de máis para o que fan, son uns privilexiados e extremadamente dóciles, resulta moi fácil manexalos, total…

Entre tanto, os funcionarios, a través das organizacións sindicais, litigan nos xulgados reclamando unha parte da paga detraída, a parte devindicada do 2012, e ducias de sentenzas recoñecen xa a ilegalidade da medida sen que sirvan para nada

Porque o que dixo Feijóo na entrevista é que non ten intención de devolver os cartos nin agora nin despois. O presidente despáchase a gusto, cheo de sinceridade: "non teño 150 millóns, e o ano que vén teremos que recortar o déficit público ao 0,7 % do PIB, ou sexa, gastar aínda menos". Ollo! que está a falar en primeira persoa, non se necesita máis para saber o que nos espera, máis do mesmo.

Pero coidado, para sanear os bancos ten cartos, tenos para as axudas á venda de automóbiles, tamén para reflotar as autoestradas, para a Igrexa, para as eléctricas, para Sogama, para os acredores e especuladores de débeda pública, para encher as carteiras de todos os corruptos, para obras faraónicas como a Cidade da Cultura, etc.

Pero coidado, para sanear os bancos ten cartos, tenos para as axudas á venda de automóbiles, tamén para reflotar as autoestradas, para a Igrexa, para as eléctricas, para Sogama, para os acredores e especuladores de débeda pública

E de onde saen os cartos para esas axudas? Pois saen dos recortes en sanidade e o repagamento sanitario, dos recortes en educación, dos recortes en dependencia, dos recortes en servizos sociais, dos recortes en emerxencias, dos recortes en saúde laboral, dos recortes en seguridade e mantemento da rede viaria, dos recortes na seguridade social, dos recortes nas prestacións por desemprego, dos recortes nas prestacións por xubilación, da venda e privatización de toda a empresa pública e moitos servizos públicos, da supresión de ducias de milleiros de empregos públicos, dos recortes dos salarios das empregadas e empregados públicos, de todos estes recortes e algúns máis, saen eses cartos.

No 2015 as empregadas e empregados públicos da Xunta teremos máis recortes e os nosos salarios serán máis baixos, dío o presidente Feijóo.

Acerca de Castor Fernández

Castor Fernández Soto é secretario de Comunicación da Federación de Servizos a Cidadanía de CCOO de Galicia