Cen anos de soidade no Monte Neme

O pasado 10 de febreiro, a rotura dunha das balsas mineiras do Monte Neme deixou ao descuberto unha vez máis a absoluta falta de control que en moitas ocasións as administracións públicas semellan ter sobre o tema mineiro en Galicia.

Algúns tentan crear polémica sobre a situación do monte cando as propias análises efectuadas pola Xunta non deixan lugar a dúbidas ao indicar atos niveis de acidez (medicións de pH baixo) e aluminio nas augas, cuxa toxicidade impide o seu consumo para uso humano e/ou rego de cultivos polos nocivos efectos que poden derivarse para a saúde e o medio ambiente.

De feito, a presenza de augas ácidas é un fenómeno na que a actividade mineira actúa de axente potenciador e por desgraza máis habitual do que debera en explotacións de todo o mundo nas que nalgún momento levouse a cabo unha explotación de carácter metalífero sin que chegase a efectuarse restauración algunha, provocando a contaminación de augas e sedimentos fluviais. Neste sentido, as zonas mineiras no seu conxunto pódense considerar como áreas fonte de drenaxes ácidas.

No caso do Monte Neme, o desastre vai máis alá, pois a presenza dos altos niveis de aluminio detectados supoñen un grave problema de saúde ambiental, dado que este elemento ten un carácter bioacumulable (acumúlase no organismo máis non se elimina) e actúa tamén como disruptor endocrino, coa capacidade de alterar as funcións metabólicas en animais e persoas. Hai estudos médicos, ademáis, que vinculan a presenza deste metal cunha maior incidencia de enfermedades dexenerativas. Por iso é un tema que debe -ou debería- considerarse sempre coa maior das atencións por parte de calquera administración e a calquera nivel.

Por iso cómpre lamentar profundamente a notable falta de criterio que demostraron algúns representantes públicos na xestión de toda a problemática asociada ao Monte Neme, antes e despois do accidente, tanto na falla de previsión coma en posteriores valoracións efectuadas tanto sobre o estado do monte coma sobre o pretendido proceso de restauración.

Porque as excelencias do "Plan de Clausura e Peche" das operacións mineiras levan camiño de convertirse nun mal soño. Primeiro ao centrar a maioría dos recursos na concesión 'Rima', operada a carón da bonanza nos mellores anos da especulación inmobiliaria pero sin considerar a evidente devastación de moitas das antigas concesións adicadas á extracción de wolframio e estaño. E a continuación, polo uso plantexado para os terreos afectados logo da intervención como fonte de obtención de pasto e forraxe de gandeiría, cando nen tan sequera se coñece o grao de contaminación dos solos da zona.

En definitiva, o sucedido deixou e deixa en evidencia que a falta de vixilancia dos nosos representantes polo medio ambiente pode derivar en situacións indesexadas a nivel de saúde pública, que baixo ningunha circunstancia deben ser aceptadas polas poboacións cercanas a grandes proxectos industriais, xa sexan mineiros ou non. Por todo iso, resulta lamentable que teña que ser a cidadanía a que exerza a tarefa de fiscalización e control que en ocasións os representantes políticos non saben -ou non queren- levar a cabo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.