O lugar de Compromiso

Afirmaba Antón Baamonde nun recente e lúcido artigo titulado “Galicia, progreso, nacionalismo” que Galicia precisa dunha ORGA do século XXI, “unha  organización  de  centro  esquerda,  de  amplo  espectro,  lonxe  das estreitas  fronteiras  que  debuxan  o  nacionalismo  actual,  que  deseñe  políticas  construtivas  e  non  só  de  oposición,  que  teña  unha  clara  vocación  de  goberno honesto  e  responsable (…)”. Somos moitos, aínda non suficientes, os que pensamos exactamente o mesmo e que estamos ademais traballando, mal que ben, para construír esa ferramenta que o autor de xeito argumentado anhela.  Estoume a referir a Compromiso por Galicia, organización que o mesmo Antón Baamonde etiqueta como “de momento, unha hipótese de traballo”. Non está mal de todo, estamos aí.

Conviven na nosa organización persoas con sensibilidades diferentes (dende o centro demócrata liberal ao socialismo democrático, por usar etiquetas tradicionais) que foron quen de encontrar un común denominador baixo esa definición

Compromiso atopou o seu equilibrio ideolóxico definitorio baixo a etiqueta de “galeguismo, progresismo e socialdemocracia renovada”; e digo equilibrio porque conviven na nosa organización persoas con sensibilidades diferentes (dende o centro demócrata liberal ao socialismo democrático, por usar etiquetas tradicionais) que foron quen de encontrar un común denominador baixo esa definición. Conservémola por moito tempo. Outro elemento fundamental no ADN de Compromiso é a aposta por un discurso construtivo e moderado, tanto no eixo social como no nacional, en contraste coas posicións extremas que hoxe caracterizan ás outras dúas organizacións de referencia no nacionalismo galego. É esa unha das razóns que ao meu ver máis pesou á hora de decidir participar xunto con PNV, CiU e CC na Coalición por Europa para as vindeiras eleccións Europeas do 25 de Maio. Aínda que son evidentes as diferenzas ideolóxicas con estas forzas políticas, agás quizais na visión construtiva e reformista de Europa, o feito de asociarse con organizacións que actualmente gobernan os seus respectivos territorios resulta congruente con un dos elementos fundacionais de Compromiso.

Non é moi diferente a decisión adoptada por Compromiso agora da que no seu momento tomara o BNG, liderado naquel momento por X.M. Beiras, cando (re)impulsou Galeuscat e se presentou ás eleccións europeas coas mesmas organizacións coas que agora se presenta CxG

Neste sentido, non é moi diferente a decisión adoptada por Compromiso agora da que no seu momento tomara o BNG, liderado naquel momento por X.M. Beiras, cando (re)impulsou Galeuscat e se presentou ás eleccións europeas coas mesmas organizacións coas que agora se presenta Compromiso. A diferenza ideolóxica entre o BNG e estas era sen dúbida bastante maior que a que teñen con Compromiso, mais daquela o BNG aspiraba a ser forza de goberno e líder da alternativa ao Partido Popular de Fraga. Eran outros tempos.

A pregunta que xorde nese escenario é a seguinte: Pode Galicia permitirse que o nacionalismo galego se exprese unicamente en termos de esquerda radical e antisistema?

É ben certo que a aposta pola moderación pode crear, na conxuntura actual, certas eivas para unha forza que acaba de nacer pois na bolsa do descontento político cotizan á alza os discursos radicais. De aí vén seguramente o éxito electoral de AGE e tamén de aí vén a actual carreira entre Anova e BNG por demostrar quen é máis de esquerdas. A pregunta que xorde nese escenario é a seguinte: Pode Galicia permitirse que o nacionalismo galego se exprese unicamente en termos de esquerda radical e antisistema? Coido que non. Tampouco se o que persigue é expresarse só en termos soberanistas e independentistas, como semella querer facelo o BNG. Nese sentido ten razón X.M. Beiras cando afirma que en Galicia non hai conciencia social suficiente para seguir os pasos de Cataluña. Iso si, cabería preguntarse se a hai para iniciar un proceso de ruptura coa segunda restauración borbónica ou coa Europa actual. Permítanme dubidalo. No contexto europeo as posturas rupturistas de esquerda son minoritarias, agás quizais en Grecia onde en todo o caso tampouco son maioritarias.

O lugar que pretende ocupar Compromiso está, hipoteticamente, máis claro e franco que nunca

Remato. O lugar que pretende ocupar Compromiso está, hipoteticamente, máis claro e franco que nunca. Pero para que esa hipótese deixe de ser de traballo e se confirme de vez, todas as mans e todas as cabezas son poucas. Ou nos poñemos a obra ou seguiremos varias décadas máis practicando o hábito, tan galego el, de queixarse polo que puido ou debería ter sido e non foi. Por min que non quede.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.