Longa noite de lume

Longa noite de lume. Un estado, e collo a licenza do grande bardo Celso Emilio Ferreiro, no que os galegos parece que xa estamos acostumados a vivir. O mércores morreu un brigadista en Castrelo de Val, tentando controlar un dos diversos lumes que novamente volven castigar este monte noso, e en absoluto daqueles que lle prenden. E digo que lle prenden porque namentres escribo estas liñas o lume no val de Ourense, pasou de un a dous, logo a tres e ata catro focos na mesma zona; unha zona xa desfeita pola tolemia de alguén que de seguro coñece ben os montes da bisbarra. Vaia, que é veciño. E atreveríame a dicir que se non foi ou foron os mesmos, de seguro que algo saben do lume que devastou a mesma contorna (Vilar de Astrés) en agosto do pasado verán.

Quero poñer coma exemplo outros países e sociedades cando teñen que enfrontrarse a estas desgrazas 

De novo quero poñer coma exemplo outros países e sociedades cando teñen que enfrontrarse a estas desgrazas. En Polonia, un país que tampouco é Alemaña e co que sen dúbida os galegos nos poderíamos ver reflexados, no xornal de turno cando hai unha nova sobre os lumes, aparece un despece informativo remitido polos bombeiros ou os brigadas forestais que resume o seguinte:
 
Cando se queima o monte:

1- Poden morrer persoas e/ou perder todo o seu patrimonio.
2- A terra perde fertilidade.
3- Emítense químicos tóxicos para humanos e animais.
4- O fume impide as abellas o aceso as leiras e mata aos insectos. Ao diminuír a polinización das flores, diminúen as colleitas.
5- Morren animais domésticos e salvaxes, destruíndo os seus hábitats.
6-Morren formigas que evitan pragas, e vermes que enriquecen o chan.
7- Periga a vida das persoas pola intoxicación do dióxido de carbono e provoca accidentes de tráfico cando o fume entra nas entradas.
8- Se o chan é de turba, os lumes poden manterse en capas subterráneas ao longo de meses.

E o día despois do incendio calquera ten esa información a man. Agora eu pregunto, que xornal, radio, ou televisión galega (fago fincapé nos medios galegos posto que a lacra dos lumes e mais nosa que do resto) fai iso cando informan sobre un lume? Esa é unha información de utilidade, educativa, e non a pura e fría métrica de hectáreas que o único que fai e xogar cos números, coma se os políticos ao tratar este tema estivesen apostando no casino da Toxa.

Esa é unha información de utilidade, educativa, e non a pura e fría métrica de hectáreas que o único que fai e xogar cos números, coma se os políticos ao tratar este tema estivesen apostando no casino da Toxa

É triste ter que dicilo, pero con estes desgraciados ignorantes que lle plantan lume ao monte un día si e outro tamén, só caben os paus para que aprendan. Aos pirómanos paus, e aos seus fillos, educación. O pau neste caso é, por exemplo e por non entrar en moitas disquisicións, unha lei que diga que prender lume nunha zona preto das casas, é, sen ambaxes, tentativo de homicidio, e polo tanto supón unha moi longa pena no cárcere. Pero nunca tan longa coma a noite de lume que tódolos galegos levamos sufrindo tanto tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.