0 Gardados para despois

Manuel A. Fortes Torres

O síndrome “Sanromá”

Alá por xaneiro de 1979, no seu número 28 a revista El Viejo Topo (na súa “primeira época”) iniciaba “unha serie de conversas que (tiña) por obxecto dar un rápido repaso en directo ás principais formacións políticas e ideolóxicas situadas 'á esquerda da esquerda' (é dicir, á esquerda do PCE)”. As conversas foron cos líderes dos máis importantes partidos dese espectro político. Non se trata de facer un repaso nin un recordatorio nostálxico do que se puido ler; ademais, de feito, case ningún partido deses permanece “vivo” actualmente; algún “re-nacido” e outros  máis ou menos convertidos noutro tipo de organizacións, cando non simplemente desaparecidos.

Para os que non estabamos daquela nin na ORT  nin no PTE, estes eran partidos xemelgos. Naturalmente, iso non era así para os membros desas dúas organizacións

Do que se trata é de facer memoria por se ten algo de proveito o que entón se dicía; e estou seguro que moito de proveito se dixo en moitas das entrevistas. Pero o que me interese, neste caso, é algo que puidese semellar máis “anecdótico” e “breve” e “menos relevante de contido”, pero que penso tamén que pode ser moi ilustrador e de proveito para o día de hoxe.

Trátase da entrevista ao daquela líder da ORT, José Sanromá, e dunha frase (pouco máis) en concreto. Como contexto cómpre ter en conta dúas cousas: a primeira, que a revista era mensual e que a entrevista formaba parte, xa o dixemos, dun proxecto ao longo de bastantes números e, polo tanto, que esa conversa puido realizarse con bastante antelación; polo menos, especulamos, cun mínimo dun mes de antelación. E a segunda cousa a ter en conta, que moito ten que ver co que imos referirnos das palabras de José Sanromá, que, para os que non estabamos daquela nin na ORT  nin no PTE, estes eran partidos xemelgos. Naturalmente, iso non era así para os membros desas dúas organizacións. Non vou entrar en se desde fóra se vía máis ou menos semellanza entre as demais organizacións, pero penso non estar equivocado ao considerar que entre outras as diferenzas teóricas eran máis manifestas e localizábeis desde “dentro e desde fóra”. Por exemplo, entre LCR e MC, entre CNT e EIA, entre UPG e PCE m-l; e entre todos estes. Naturalmente, tamén, entre outros, os distingos non eran tan notorios e, de feito, chegaron a producirse procesos de fusión entre eles. Aparentemente, con éxito todas as fusións, agás a realizada entre o MC e a LCR, pero esta realizada bastantes anos despois e en situación política “complicada”. Naqueles anos ninguén apostaría por unha fusión entre MC e LCR, pois “pertencían” a “ámbitos políticos” que se recoñecían ben distantes (maoísmo e trotskismo). Non era o caso de PTE e ORT que, para “todos” (os que non militaban nin no PTE nin na ORT), era unha idea común que formaban parte da mesma “familia”. Pero xa se sabe, os litixios “de familia” son “os peores”, como ben sabemos por todos os tempos e tamén polos tempos presentes.

Xa se sabe, os litixios “de familia” son “os peores”, como ben sabemos por todos os tempos e tamén polos tempos presentes

Ao líder do PTE non lle preguntaron a súa opinión sobre a ORT, pero ao dirixente deste último si lle pediron a súa opinión sobre o PTE; e a súa resposta foi a que era de esperar (cito de memoria, pero estou seguro que non me afasto un milímetro, agás pola súa tradución ao galego, da resposta de José Sanromá): “O PTE é un partido de pequeno burgueses que nada teñen que ver coa revolución”. Estou seguro que iso mesmo pensaban no PTE da ORT, así como cada un dos outros partidos “da esquerda da esquerda” dos demais, agás excepcións, que sempre hai, grazas a deus.

Realmente esa resposta non tería provocado ningunha sorpresa. Lémbrese que probabelmente a entrevista se realizou un mes ou máis antes da súa publicación. O que nos fixo moita graza aos que non estabamos no PTE nin na ORT era que uns quince días antes (da saída á venda dese número) acordaran publicamente ambas as dúas organizacións iniciar un proceso de fusión. Iso no fondo non era nada estraño, a fusión, pois xa falabamos da “proximidade familiar”; o estraño era que tan pouco tempo antes uns pensaban dos outros o que pensaban e, mesmo, chegaban a expresalo publicamente. 

O síndrome Sanromá está vivo e moi vivo. Que aqueles ben próximos para os que “non son eles” ás veces soen verse “tan distantes”, sen que unha análise racional o xustifique, que acaban converténdose no “maior inimigo”

Como é ben sabido a fusión acabou en implosión e o que semellaba ía ser o “gran partido” da “esquerda da esquerda” (á esquerda do PCE) “implosionou”. Non só foi un fracaso a fusión, senón que “na mesma” se “queimaron” as dúas organizacións. Tampouco resultaba sorprendente se estamos a ver con que vimbios se estaba a construír o proxecto; e non creo enganarme se afirmo que a posición de partida do PTE non era ben diferente. Ou sexa, que semellaba, penso que é unha boa hipótese que seguro poderán confirmar “superviventes” da historia, que, ao modo en que fan moitas empresas, pretendían “acabar coa competencia” cunha “fusión por absorción”, só que os dous pretendían ser os que “absorbesen” ao outro; e, claro, “pasou o que pasou”.

E todo isto a que vén, preguntaranse algúns. Pois a que o síndrome Sanromá está vivo e moi vivo. Que aqueles ben próximos para os que “non son eles” ás veces soen verse “tan distantes”, sen que unha análise racional o xustifique, que acaban converténdose no “maior inimigo”; e, á final, “a contradición principal” é entre eu e a miña irmá ou o meu irmán.

Nestes momentos podemos mencionar dúas grandes sanromanadas que se están a realizar por parte de hábiles revolucionarios para poñer en evidencia aos “contrarrevolucionarios enmascarados”

Conceptos como “fanatismo” e “sectarismo” son moi próximos ao síndrome do que estamos a falar. Recorrentemente, desde posicións que calquera “observador imparcial” consideraría moi próximas, xorden as críticas máis “feroces” e máis “afiadas”; precisamente esa proximidade permite establecer as temáticas nas que establecer os debates máis “apaixonados” cos cualificativos máis “definitivos”. Falacias ad hominem e xuízos de intención están á orde do día. En fin, a cuestión, no fondo, está ben xustificada, hai que desenmascarar aos “pequeno burgueses que nada teñen que ver coa revolución”. Resulta que, “obxectivamente”, son “os peores”.

Nestes momentos podemos mencionar dúas grandes sanromanadas que se están a realizar por parte de hábiles revolucionarios para poñer en evidencia aos “contrarrevolucionarios enmascarados”. Por unha banda, no ámbito estatal, o obxectivo é poñer en evidencia aos “esquerdistas de salón” (“obxectivamente dereitistas”) que se ocultan tras PODEMOS: hai que desenmascarar os partidos que, pretendéndose de esquerdas e radicais no fondo lle están a facer o caldo gordo ao réxime ofrecendo unha alternativa que simplemente pretende entregar á clase obreira atada de pés e mans aos explotadores, presentando propostas dun reformismo asumíbel que o único que pretende (ou non, pero que, “obxectivamente” ese é o seu sentido) é impedir calquera transformación rupturista revolucionaria: a desmobilización da clase obreira.

A outra gran sanromanada está a realizarse nas nosas proximidades nacionais: consiste en quitarlle o anteface aos españolistas que se ocultan baixo unha retórica demagóxica

A outra gran sanromanada está a realizarse nas nosas proximidades nacionais: consiste en quitarlle o anteface aos españolistas que se ocultan baixo unha retórica demagóxica; que falan de nacionalismo, pero que se venden ao españolismo por un puñado de votos (ou por un puñado de escanos). E se algún cantamañanas pretende que os “hábiles críticos” ao mellor tamén “se venderon” aos españolistas por un puñado de consellerías ou de alcaldías, hai que recordarlles que unha cousa son os acordos e coalicións preelectorais e outra cousa os acordos postelectorais. Non son o mesmo (?).

Para rematar, aclarar dous posíbeis malentendidos. Nin se está a apoiar a bondade de calquera acordo preelectoral, que habería que discutir “en concreto”, nin tampouco se está a xogar con iso tan “de sentido común” e, polo tanto, tan baleiro de contido como é “a unión da esquerda”. Esa “unión da esquerda” ten o seu correlato na outra afirmación, tamén tan “de sentido común” e tan baleira tamén que é aquela de que “todos son iguais”. Claro; hai certas “unións” que acaban por aparentar (ou peor) que “todos son iguais”.

Pódese discutir durante horas que é iso de “ser de esquerdas”; e ese non é o tema agora; mais, por poñer un único exemplo, que non penso ofreza ningunha dúbida, a ninguén lle vai parecer que sexa compatíbel ser de esquerdas con estar de conselleiro delegado en Gas Natural, Endesa, Iberdrola, Santander, BBVA, ou calquera outra multinacional; os intereses desas empresas e os dos seus traballadores así como os intereses desas empresas e os dos traballadores de calquera lugar no que estean ninguén diría que poden ser harmonizábeis; o que, evidentemente, non é obstáculo para que algúns conselleiros delegados se presenten como de esquerdas, así como os partidos nos que “militan”; nin tampouco que desde eses partidos lles reclamen algún tipo de coherencia  co seu presunto “esquerdismo”; todo o contrario, mesmo, coa graza que lles caracteriza, tense dito algo así como que “de algo teñen que vivir”. Un brinde polo sentido do humor!

Pódese discutir; pero, para evitalo, xa alguén dixo, e por triplicado, xa hai moito tempo, en base a que nos podemos unir: “programa, programa, programa”. E habería que engadir, tamén, consecuencia co programa

Pódese discutir; pero, para evitalo, xa alguén dixo, e por triplicado, xa hai moito tempo, en base a que nos podemos unir: “programa, programa, programa”. E habería que engadir, tamén, consecuencia co programa. Pois hai moitos casos de programas moi radicais que, ao día seguinte da noite electoral, por mor dun pacto postelectoral, se deixan hibernando á espera dunha próxima consulta á cidadanía, na que se volva a mostrar o radical e de esquerdas que se é, até que haxa que chegar a pactos para facer non se sabe que; desde logo non o que estaba no programa electoral, pero co que se mantivo a pureza revolucionario e/ou nacionalista ....   até o día seguinte á xornada electoral. Porque, evidentemente, senón gañaría a dereita, por iso hai que pactar coa “esquerda dos conselleiros delegados das multinacionais” ... Para así poder facer unha política de esquerdas (?), claro.

Non estou, pois, a falar de “unión de esquerdas”; senón de unión dos que “están na mesma familia” (o que implica superar o síndrome Sanromá); isto é, dos que teñen o mesmo programa e están dispostos a levalo a cabo.

Non estou, pois, a falar de “unión de esquerdas”; senón de unión dos que “están na mesma familia” (o que implica superar o síndrome Sanromá); isto é, dos que teñen o mesmo programa e están dispostos a levalo a cabo

Pero tamén ter o mesmo programa significa, ademais da dita consecuencia co mesmo, participar de quen é o suxeito que o debe levar a cabo; isto é, non confundir “eleccións” (“un momento” máis da loita de clases) con “electoralismo” (“o” momento); ou sexa, “democracia real” con “partitocracia”; traballadores con parlamentarios; participación política real con votar, simplemente; mobilizacións populares con acordos de “salón de plenos” (do concello ou do Parlamento). O como o quen e o que non son inseparábeis, senón que entre eles hai unha necesaria interdependencia (“relación dialéctica”). Cómpre, por tanto, a este respecto, lembrar aquela frase de Rousseau: “O pobo inglés pénsase libre; equivócase moito; só o é durante a elección dos membros do Parlamento; en canto foron elixidos é escravo, non é nada”.

Acerca de Manuel A. Fortes Torres

Manuel A. Fortes Torres (Vilagarcía de Arousa, 1957). Doutor en filosofía e Catedrático de filosofía de Instituto. Sobre temáticas de filosofía política ten publicado en www.rebelion.orgÁgora. Papeles de filosofía, A trabe de ouro, Aula Castelao de Filosofía, Bahía edicións... Militante de Anticapitalistas de Galicia