0 Gardados para despois

Alberte Araúxo

As sete brincadeiras do director xeral

O Director Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Sr. Félix Rubial, respondeu na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego, ás preguntas da deputada do BNG, Ana Pontón, sobre a situación do Hospital Psiquiátrico de Conxo e a atención pública aos enfermos mentais.

A entrada do D. X. foi contundente: “…mire vostede, a atención á saúde mental constitúe unha prioridade para o Servizo Galego de Saúde... así de tallante llo digo, ... e dígollo con partitura, non de oída” (sic). Fronte a esta obertura tan firme, agardábase unha composición musical e unha interpretación dun virtuosismo case manuquiroguesco. Máis aínda ao sinalar que basearía a súa afirmación “na evidencia e nos feitos”. Todo apontaba a que clarificaría, en sede parlamentar, as dúbidas e cuestionamentos da deputada nacionalista, cunha información incontestábel.

Comezou fintando e evitando falar da paralización do Plan Estratéxico de Saúde Mental (2006-11) (PESM). En contas diso distrae cunha serie de documentos, que en absoluto sustitúen un plan de saúde mental: Estratexia SERGAS 2014, Plan Marco Sociosanitario 2013 e Proxecto Nise. A seguir, debullou os datos (“feitos e evidencias”) que demostrarían como, para o goberno de Feixóo, a saúde mental é unha prioridade tras 5 anos de goberno. Enuncia pois os dispositivos “máis salientabeis que se teñen posto en marcha nos últimos anos”. Velaí van as sete brincadeiras do D. X.:

1.- “A Unidade de Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, de referencia para todo Galicia”. Inaugurada no 2012 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), conta con 7 camas: para toda Galiza! (por poboación comprirían 20-25). A modificación da lexislación sobre o menor, e as advertencias de ilegalidade pola carencia de dispositivos específicos, fixou este obxectivo prioritario no PESM para 2007. Malia todo, o desinterese na atención mental a nenos e adolescentes conlevou unha demora de sete anos. A maioría das comunidades do Estado con plans estratéxicos teñen unha ratio de camas infinitamente superior. Aínda así, benvido sexa este recurso insuficiente. Primeira brincadeira.

2.- “Apertura dos Hospitais de Día Psiquiátricos de Ferrol e de Pontevedra”. Levan en funcionamento dende moito antes do 2009. En Ferrol trasladouse o que xa había, ao Hospital Naval, cunha mellora das instalacións. O de Pontevedra, do ano 1990, foi trasladado a unha nova ubicación no Hospital Provincial, con mellora das instalacións, mais non da súa capacidade. O que non di é que en Pontevedra reducíronse as camas de curta estancia (UHP), -ao cancelar o concerto co Sanatorio da Merced, e non aumentar o dispositivo público-, matendo 18, en vez das 30 necesarias. Segunda brincadeira.

3.- “A Unidade de Agudos do H. U. “Lucus Augusti”. A UHP xa existía no vello hospital lucense: trasladárona ao HULA, melloraron as instalacións e número de camas. Terceira brincadeira.

4.- “Unidade de Desordes do Comportamento Alimentario”. Unidade inaugurada no 1999. Trasladada este ano ao Hospital Médico Cirúrxico de Conxo, cunha mellora das instalacións.Cuarta brincadeira.

5.- “Téñense aberto dúas Unidades de Rehabilitación Psiquiátrica -no Hospital Psiquiátrico de Conxo-”. Esas Unidades xa existían dende hai moitos anos. Aproveitando o incendio dunha delas, realizouse unha mellora xeral. Supoñen 50 prazas, atendidas por só 2 psiquiatras. Cómpre saber ademais que hai un único psicólogo clínico para todos os dispositivos do Hospital Psiquiátrico de Conxo! O D.X. fala de “salto de calidade de varias décadas” (hai bocas nas que colle de todo). Quinta brincadeira.

6.- “Equipo Comunitario de Continuidade de Coidados”, e “Unidade de Hospitalización Domiciliaria para enfermos mentais”, no CHUS. O primeiro ECC do H. Psiquiátrico de Conxo data de 2004. Tralo peche de dúas unidades do manicomio, créase outro no 2012. Actualmente o persoal destos dous equipos suman dúas enfermeiras, dúas auxiliares e un psiquiatra a tempo parcial, que atenden domiciliariamente a case 50 pacientes na área sanitaria (dende Porto do Son a Vedra, de Santa Comba a Trazo). A sobresaturación de traballo é máis que evidente, e a carencia de persoal manifesta. A Unidade de Hospitalización Psiquiátrica Domiciliaria, nada ten a ver cos anterior, senon cos pacientes en descompensación aguda (UHP). Decidíuse crear ese programa -non Unidade- co obxectivo de reducir camas de hospitalización (o persoal detraeuse da UHP). A día de hoxe é un programa fracasado, ao non se adaptar as características da área sanitaria. “Accións estructurais e organizativas...”: vestir un santo, espindo outro.  Sexta brincadeira.

7.- “Non está prevista a creación de Unidades de Rehabilitación nestas dúas cidades -A Coruña e Ferrol-”. Os pacientes desas áreas sanitarias terán que seguir desprazándose a Santiago de Compostela para os programas de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria. Insistía sen pestanexar o D. X.: “mantendo as mesmas características de equidade e accesibiliade que as que actualmente posúe”.  É dicir sen respectar a equidade e a accesibilidade, como até agora. Sétima brincadeira.

O D.X. falou de “priorización” ou “prionización”? Non dixo a verdade, e mais parece que o seu goberno o que ten é un plan de obras (“reformas, alicatados e saneamentos”). Informou dun aumento de prazas concertadas residenciais, pisos protexidos e  centros de rehabilitación social e laboral. Recursos extremadamente necesarios, e actualmente concertados en boa medida cas asociacións de familiares de enfermos -que seguen a asumir o papel de proveedores de servizos-. Mais, nada impedirá nun futuro próximo, que a administración entregue esa provisión a empresas privadas depredadoras, que xa actúan no sistema sanitario. A denuncia de plans de privatización feitos pola deputada Ana Pontón era ben acertada. O goberno do PP, tamén en saúde mental, contempla a anemización até a morte por inanición do sistema público, potenciando en todo caso o concerto de recursos que, segundo a oportunidade, serán entregados aos “negociantes amigos”.

Acerca de Alberte Araúxo

Alberte Araúxo é psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e profesor asociado de Ciencias da Saúde da USC. Membro da Coordenadora Nacional do Movemento Galego da Saúde Mental.