Euroresignación

Na España de finais dos setenta falar de Europa era amentar o demo. E facíasenos a boca auga imaxinar os seus cornos lustrosos, o seu rabo longo e revirado e a súa mirada candente de paixón desenfreada. Deus non é que morrera, pero estabamos xa tan fartos del ...! De Europa viñan os Beatles e mailos Rolling, as suecas de pernas interminables, os rexos coches alemáns, os traxes Armani e Chanel ... todo envolvido en finas sedas de democracia e liberdade. Si, vale, tamén nós tiñamos os Brincos, os Seat 1430 e algunha maría josé cantudo; pero non deixaban de seren copias, mais ou menos logradas: os orixinais habitaban alén dos Perineos. Despois de medio século de illamento e orapronobis, era tan fermosa Europa! Nalgúns amores platónicos é tanta a urxencia e a ilusión acumulada coma triste e desolador pode ser o posterior desengano.

Na España de finais dos setenta falar de Europa era amentar o demo. E facíasenos a boca auga imaxinar os seus cornos lustrosos, o seu rabo longo e revirado e a súa mirada candente de paixón desenfreada

Unha vez asentada a democracia, e coa idea de achegamento da Administración ao cidadán e acalmar as ansias de vascos e cataláns, puxemos en marcha a descentralización territorial, partillando España en 17 anacos. Por que en 17 e non en 3 (Euskadi, Cataluña e Resto de España), que sería o mais lóxico? Pois para quitarlle importancia ao asunto catalán e vasco, porque non é o mesmo ser unha parte dun trío que selo dunha multitude (matematicamente, 1/3 > 1/4 > 1/5 >...> 1/17) O que non sei é o por que paramos no número 17. Se cadra era un número máxico ou se cadra, daquela, non sabiamos contar mais aló. E nesas estabamos, intentando achegar a Administración ao administrado, cando foi o do ingreso na Unión Europea, e nunha especie de movemento de acordeón, había cousas que se acercaban e outras que se alonxaban aínda mais. Se antes nos parecía lonxe Madrid, agora había cousas que viñan dun lugar ignoto chamado Bruxelas; coma quen di, do mais alá. Aviados estabamos outra vez!

A comezos dos 80, España era a oitava potencia industrial do mundo. A día de hoxe, ocupa o posto número dezasete, e baixando. Entremedias, o país viviu un claro proceso de desindustrialización auspiciado e imposto pola Unión Europea. Non tiña sentido, dicíannos, tratar de gañar aos alemáns no terreo da fabricación de automóbiles porque xa eles os facían mellor e incluso estaban dispostos a prestarnos os cartos para mercarlles os seus mercedes e bemeuves; tampouco tiña sentido investir na produción leiteira, xa que os franceses tiñan leite para asolagar medio mundo e poñíannola diante da casa a menor prezo ca nosa sen saír da fábrica; tamén era bo ir desfacéndonos dos aparellos de pesca e desmantelando os estaleiros, xa que nunha economía global había que compensar a outras zonas mais produtivas e eficientes. Europa quería unha España convertida nun gran complexo turístico e vacacional, un inmenso areal de praias con bandeira azul, caixeiros automáticos, servizos empresariais e solares onde poder construír casas, hoteis e apartamentos. E polos cartos, que non nos preocupáramos, que a Unión Europea cicharía fondos FEDER para facer estradas, aeroportos e anchear camiños de troiteiro polas beiras dos ríos. Os nosos guías, primeiro Felipe González ( a esquerda) e logo José María Aznar (a dereita) asentiron, e o ben guiado pobo español dixo amén. A eles non lles foi mal; ao pobo español, non tanto.

Xa sei que é moi doado botar contas da feira unha vez rematada. Tampouco sei se a posición de España a respecto de Europa permitía unha mellor negociación. Pero vistos os resultados, o que si podo afirmar é que a belida Europa soñada non era esta

Xa sei que é moi doado botar contas da feira unha vez rematada. Tampouco sei se a posición de España a respecto de Europa permitía unha mellor negociación. Pero vistos os resultados, o que si podo afirmar é que a belida Europa soñada non era esta. Case trinta anos despois de asinar o Tratado de Adhesión, o proceso de integración europea pouco avanzou e nada novo hai baixo o sol: o norte segue a ser rico e húmido, e o sur, soleado e pobre. Ou sexa, que segue a chover cara abaixo e os porcos a fozar na merda. Polo camiño, España perdeu boa parte do seu potencial industrial, en aras dunha “competitividade amañada” a nivel global e dunha unión europea que non é tal; e cedeu a soberanía dun Banco Central, en aras dun BCE que non é tal nin funciona como tal. Ou sexa, que ficou sen armas para sobrevivir pola súa conta se viñan mal dadas.

A día de hoxe, e mirados os resultados, convertinme nun eurodesenganado; ou mellor dito, nun eurorresignado, unha mistura de resignación cristiá e parsimonia xenética

Eu non era euroescéptico, mais ben todo o contrario. Confeso que me atraía a idea dunha Europa unida e víaa necesaria, e imprescindible, para facerlle fronte ao poderío económico dos Estados Unidos, de Rusia e dos países asiáticos. Pero a día de hoxe, e mirados os resultados, convertinme nun eurodesenganado; ou mellor dito, nun eurorresignado, unha mistura de resignación cristiá e parsimonia xenética, de xeracións e xeracións vendo como chove miudiño chove e agardando que algún día escampe. Porque se para entrar no club tivemos que baixar os pantalóns, mellor non pensar no que nos custaría botar porta fóra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.