Literaturhaus

Tiven a honra de participar no Literaturhaus, en Kiel (Alemaña), unha importante cita literaria que durante cinco días permite a autores e autoras de toda Europa encontrarse, falar das súas obras, do traballo editorial, e, en definitiva, dun mollo de cuestións que lles ocupan e preocupan no día a día dos seus traballos. Acudín á cita na compaña da escritora María López Sández. Xuntos, tivemos ocasión de, por unha banda, celebrar o Día das Letras Galegas coas alumnas da universidade que estudan galego. Por outra, de manter encontros con outros profesionais do libro, da tradución e do mundo editorial para intercambiar experiencias, interactuar e, en definitiva, para soñarmos o mundo xuntos dende as palabras, cada un de nós nas nosas falas propias, e os libros.

Resultoume especialmente ilusionante o encontro coas rapazas estudantes de galego. Foi moi emocionante escoitalas falar co seu xermánico sotaque na nosa fala

A min resultoume especialmente ilusionante o encontro coas rapazas estudantes de galego. Foi moi emocionante escoitalas falar co seu xermánico sotaque na nosa fala. Emocionante, tamén, sentilas interesadas en saber como escribimos. Pendentes das nosas producións literarias. Atentas a nós e ao que dende este curruncho do Vello Continente podemos darlles. E digo que é emocionante porque non sendo galegas son quen de entender o valor da lingua, da nosa lingua e culturas e, así, como acontece en tantas e tantas ocasións, rematamos atopando cómplices nesta batalla pola existencia e visibilidade da osa literatura onde menos o esperamos (ao tempo que volvemos comprobar a parvura de tantas galegas e galegos que afirman con rotundidade as súas dificultades para aprender galego...estas persoas poden, e só asisten ás aulas unha vez á semana. E non só poden aprender o galego e falalo, senón que, ademais, son quen de se mergullar nas nosas literaturas e enchouparse  das complexas historias que viven dentro dos libros que escribimos). E digo e repito e reitero que foi unha experiencia "emocionante" porque coa súa actitude, interese e boa disposición colocan a literatura galega ao mesmo nivel de calidade e dignificación que as demais literaturas europeas do continente. Iso é algo que teñen clarísimo: a literatura galega é unha das moitas literaturas europeas pero non unha das literaturas españolas.

Puiden explicar o heroico do labor das editoriais galegas, que compiten nun espazo socio-económico hostil que lles pon todo moi difícil pero que, ainda así, teiman en dar a batalla

Ocasión tiven tamén de participar nunha mesa redonda onde se debateu arredor do negocio literario. Puiden explicar o heroico do labor das editoriais galegas, que compiten nun espazo socio-económico hostil que lles pon todo moi difícil pero que, ainda así, teiman en dar a batalla. E que o que nos move ás empresas editoriais galegas non é o "negocio", senón a aposta por un país, a conciencia de sabermos importantes para que a cultura e a lingua permanezan. As editoriais galegas non están aí movidas polo afán de lucro e vendo a maneira de forrarse. Están por responsabilidade e por amor.

E en Kiel, tan lonxe da nosa terra, entendérono e valorárono.

Mentres, por aquí, aínda temos que soportar milleiros de persoas diante das que só podemos dicir que non nos entenden. Non. Igual se lles falaramos en alemán facían o esforzo de nos entender. Igual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.