A monarquía non pode, isto é a historia

Pensaba escribir un día sobre a monarquía, pero está visto que xa non estamos en tempo de sentar a pensar e até a Casa Real comprendeuno e foi máis rápida. Aínda así pasouse de tempo, chega tarde. Todas as dúbidas que tivese o rei aclaráronselle tras o resultado das eleccións europeas do domingo.

O gran fracaso da política española, a frustración social, a liquidación progresiva da protección do Estado sobre as persoas e todo o malestar e a rabia pola corrupción expresáronse nunhas eleccións nas que o gran gañador moral foi Podemos

O gran fracaso da política española, a frustración social, a liquidación progresiva da protección do Estado sobre as persoas e todo o malestar e a rabia pola corrupción expresáronse nunhas eleccións nas que o gran gañador moral foi Podemos, un partido que fixo unha crítica política e tamén moral a todo o sistema. A abdicación de Juan Carlos I de Borbón é unha manobra calculada e pactada cos dous grandes partidos estatais hai meses e consecuencia, tamén, das eleccións do 25M. É a verdade.

Nestes momentos unha organización que aínda está a nacer ten a iniciativa política. Nin a TVE nin as cabeceiras de prensa tiveron tempo de tragar iso e asimilalo, non tiveron tempo de molestarse en dedicarlles unha entrevista aos seus líderes e resulta que a historia lles pasou por encima. E así están, aínda non recoñeceron a aparición dunha nova forma de facer política e xa están no seu, sacudindo o botafumeiro ante o príncipe. De novo criticarase a "demagoxia" e a "irresponsabilidade" e invocarase a "gobernabilidade", "o interese de Estado", "o sentido común" e "a estabilidade". Non é impensable, nese contexto, que xurdan provocacións e algaradas violentas que estimulen ese medo. Porque diso se trata, de que teñamos medo para que todo siga o seu curso previsto.

A opinión pública española hoxe está dividida en dúas, a parte analóxica e a dixital. Os medios analóxicos forman todos parte do sistema político vixente e pechan filas ao redor da monarquía

Pero a opinión pública española hoxe está dividida en dúas, a parte analóxica e a dixital. Os medios analóxicos forman todos parte do sistema político vixente e pechan filas ao redor da monarquía, con todo, aínda que eses medios chegan á maior parte da sociedade parece que onde se expresa o cabreo, o rexeitamento ao sistema e a todas as súas institucións, incluída a monarquía, é nos medios dixitais. E por iso unha forza política que acertou a seguir a lóxica dixital condiciona agora a toda a esquerda, unha esquerda que até hai uns días era puramente analóxica e ancorada no sistema.

Hai uns meses a crítica á monarquía era unha queixa política da esquerda minoritaria, agora é un dilema político de estado.

Nas próximas horas vanse enfrontar quen traizoaron os contidos democráticos e sociais da Constitución, e quen piden unha ruptura democrática: referendo sobre a monarquía. Ou sexa, unhas eleccións constituíntes

Nas próximas horas vanse enfrontar o sistema político e a crítica a ese sistema, quen traizoaron os contidos democráticos e sociais da Constitución dicindo defender un texto intanxible e quen piden unha ruptura democrática: referendo sobre a monarquía. Ou sexa, unhas eleccións constituíntes.

Tras as eleccións todo cambiou e o PSOE ten que enfrontar un dilema: ou apoia o Goberno dun partido podrecido e antidemocrático pechando filas coa monarquía ou apoia a convocatoria dun referendo.

A soberbia dos poderosos e dos políticos que os serven fíxolles chegar aquí desprezando o sufrimento e a opinión da xente. "O bipartidismo está moi asentado", dicía hai uns días o gurú do PP, que era como dicir que o sistema político era incuestionable e sólido coma o formigón, pero resultou que non. Iso pasa por ensoberbecerse co poder que se ten e desprezar a historia.

Nas próximas horas vanse enfrontar o sistema político e a crítica a ese sistema, quen traizoaron os contidos democráticos e sociais da Constitución dicindo defender un texto intanxible e quen piden unha ruptura democrática: referendo sobre a monarquía. Ou sexa, unhas eleccións constituíntes

O príncipe non poderá recibir o trono do seu pai sen máis entre un clamor de protestas, e a policía do Goberno e o seu ministro franquista non van poder encerrar toda a sociedade. Franco marchou deixando a Juan Carlos I como sucesor e para garantilo fusilou cinco mozos, Rajoy está a perseguir, multar e encerrar a moitos, pero non se atreverá a tanto.

Asistimos a unha crise do estado e dun xeito ou doutro vai haber cambios, igual que na fin do franquismo a Galiza volve estar débil, pódese dicir que está hoxe máis débil que entón, con menos conciencia de si e máis integrada na ideoloxía do estado. É o que hai. Mais o que toca agora é esixir democracia e amnistía para as persoas multadas e presas por defenderen a liberdade. Isto é a historia, señoras e señores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.