A Europa, por aquí abaixo

Calquera análise dun proceso electoral esixe ollos e cabeza postos no escenario social e non na lóxica da competencia entre partidos, faccións ou territorios. Facer músculo a base de resultados é  un exercicio inútil, como ridículo é someterse á impostura de advertir tras os comicios cales deberan ser os movementos previos dunha candidatura. Manipular os horizontes de expectativas e insistir nos trucos interpretativos é unha práctica de vellas formas de competición político-electoral propias hoxe de quen aínda soña coa Arcadia do aparello perdido: o control da organización, o medo á mestura e a desbordar as vellas fronteiras, a incomprensión dos procesos de cambio na constitución material, os marcos inamovibles, etc. En realidade, todo responde a un obsesivo intento de demostrar imprescindible a xestión mercantil da organización. E ninguén tan dotados coma os vellos aparellos para se moveren nesas augas máis propias da conspiración que da acción verdadeiramente política. Nunca máis alá dunha simple introspección conservadora. Se observamos con atención algúns pinchacarneiros arredor dos resultados de AGE executados por certas faccións conservadoras de Anova comprenderemos a simpleza desta lóxica mercantil aplicada ás pasadas eleccións europeas. O fenómeno reprodúcese nas organizacións coma unha cepa extraordinariamente fértil dalgún virus inofensivo pero molesto.

Estamos afeitos a que se constrúa a ficción do éxito político coa imaxe do número de deputados, de votos, de entradas na prensa, de minutos nas televisións, de trending topics nas redes sociais

Estamos afeitos a que se constrúa a ficción do éxito político coa imaxe do número de deputados, de votos, de entradas na prensa, de minutos nas televisións, de trending topics nas redes sociais. O número como orientación suprema. E como suplantación, porque a adoración da conta de resultados elimina a ollada posta en obxectivos políticos colectivos que teñen que transcender sempre a organización. Polo menos na esquerda. Ora ben, esa deriva non deixa de ser o derradeiro alento do vello, eivado e ineficaz partido de cadros, cuxa medida universal se chama competencia e opera neses termos de éxito e fracaso. Por esa razón, cada acontecemento electoral parece marcar dalgunha maneira a constitución ou a destitución absoluta do mundo. Igual que se confundiu historicamente táctica e estratexia, confúndese agora acontecemento e proceso.

As vellas castes resístense a aceptar que o tempo e as condicións mudaron, afortunadamente, e que a vida corre en paralelo aos xogos de conspiración nos salóns da corte

As vellas castes resístense a aceptar que o tempo e as condicións mudaron, afortunadamente, e que a vida corre en paralelo aos xogos de conspiración nos salóns da corte. As liñas paralelas, lembremos, nunca se tocan. O oportunismo é inseparable da competición horizontal, está ligado á necesidade de sobrevivir: un traballo, un salario, o acceso a capital material e simbólico. As condicións de vida conquistadas pola vella clase obreira, ao fondo, de referencia case utópica; o mileurismo como aspiración de privilexiados. Pulsións humanas. Por se eran escuras as razóns reais da crise. Nesas condicións, a competencia despraza á colaboración. Velaí a lóxica do mando capitalista.

Máis aló destas lóxicas perversas existe un espazo moi amplo de construción e acción política, destituínte. Un contrapoder en elaboración que anuncia un novo poder constituínte

Máis aló destas lóxicas perversas existe un espazo moi amplo de construción e acción política, destituínte. Un contrapoder en elaboración que anuncia un novo poder constituínte, contrahexemonía determinada a discutirlle o espazo e as verdades ao discurso dominante ata disolvelo. Ese punto do espazo é o lugar de encontro da esquerda neste tempo, e eu penso en Anova, en AGE e en todo o que se constrúa a partir de aí, expandindo o campo de acción, renunciando explicitamente ao fetichismo da mercadoría en forma de partido de cadros como maquinaria electoral e institucional. Non se trata xa de armar unha ferramenta política para emitir discursos sobre política, sobre resultados, sobre acción institucional, sobre competencia con outras forzas, sexan de dereita, de esquerda ou de nada.

Trátase, por contra, de poñer en xogo o desexo e a necesidade colectivas dunha nova sociedade baseada en relacións de cooperación, de facela vixente contra as certezas fundadas pola lóxica da explotación. Aí está o verdadeiro campo de acción política que nos deixa trazado con máis claridade ca nunca, probablemente, este recente proceso electoral e os acontecementos destes días. Campo de acción política máis aló das siglas, aínda que nel as siglas seguen contando, sen dúbida. Ou campo en que as siglas deben recoñecer a súa continxencia e disolverse nas asembleas populares, que son xerme moi incipiente dunha institucionalización alternativa. Máis alá da necesidade certa de analizar os propios resultados, cómpre entender hoxe os procesos políticos como unha constante conexión co corpo social que os ten que protagonizar e executar autonomamente.

Lidia Senra está no Parlamento Europeo, facemos parte da Internacional da esquerda de ruptura e a alianza que hoxe se chama AGE queda referenciada temporalmente como a forza máis votada da esquerda

Os resultados electorais de AGE, se seguimos a lóxica á que intentamos axustarnos, foron moi bos. Porque hoxe socialmente xa non estamos a referirnos a eses números. E porque cumpriron obxectivos e satisfixeron horizontes de expectativas: Lidia Senra está no Parlamento Europeo, facemos parte da Internacional da esquerda de ruptura e a alianza que hoxe se chama AGE queda referenciada temporalmente como a forza máis votada da esquerda. Pódese facer un cálculo groseiro e tramposo de votos perdidos, pero, máis aló das reviravoltas matemáticas, os resultados obrigan á organización en fronte ampla de todo ese pobo que se move en proceso constituínte. Unha fronte ampla expansiva, que conta xa con territorios conquistados aos que non debe renunciar. A concentración parcelaria das enerxías á que se refire sempre Martiño Noriega é unha esixencia popular que queda unha vez máis patente tras o último proceso electoral.

É a fronte democrática e popular que formula Beiras na súa comparecencia tras o anuncio de que o Rei de España abdicará no seu fillo. Fronte ampla de unidade popular para a creba democrática que unha multitude con intuición e desexo constituínte empeza a protagonizar un paso máis alá das axendas partidistas. Queremos decidir, esa é agora a mensaxe que expresa con rotundidade a desarticulación popular do réxime de representación e que empeza a definir o proxecto de novas formas de participación política. Un novo réxime, por tanto. Todo momento constituínte é unha encrucillada. Este que vivimos, aínda balbuciente, tamén. Pode decantarse en sentido progresivo ou regresivo, isto é unha obviedade, pero déixanos entrever que deica en diante nada vai ser igual. Se o réxime da restauración pretendía renovar a súa lexitimidade, conseguiu xusto o efecto contrario. Sen ser sequera coroado, o aspirante a rei chega cunha crise de lexitimidade imposible de superar.

Calquera proceso constituínte ou é popular ou está condenado ao fracaso, á derrota e á frustración de toda unha xeración como mínimo

Neste contexto, nas zonas populares todo o que sexa crebar ou impedir a unidade ofrece un rostro de irresponsabilidade histórica. Calquera proceso constituínte ou é popular ou está condenado ao fracaso, á derrota e á frustración de toda unha xeración como mínimo. A fase na que entramos non esixe xa consignas para fixar posicións no mercado electoral, require audacia e a capacidade colectiva de fixar os pasos que nos vaian conducindo aos obxectivos estratéxicos. Aos tempos que determinen as maiorías sociais, que son os suxeitos colectivos protagonistas. Será crucial a diferenza entre participar dos procesos asemblearios colectivos e intentar dirixilos, determinalos e desvialos cara a zonas non compartidas. As persoas que defendemos, desde hai tempo, por certo, a opción dunha República Galega como a posibilidade máis favorable para que as nosas vidas e as das xeracións futuras sexan moito máis agradables, ricas e plenas material e espiritualmente, sabemos que a súa cristalización non depende de que a citemos efusiva e insistentemente.

Tamén cumprirá que sexamos conscientes da correlación de forzas e dos proxectos coincidentes

Levamos anos facéndoo, e non se deu por convocada. Por sorte, non cae do ceo. É un proceso de construción colectiva, popular, que esixe unha nova hexemonía cultural e que poderá manifestarse de moi diversas maneiras. Para a súa cristalización é imprescindible, por exemplo, que o pobo galego se constitúa como suxeito político soberano e que teña capacidade para exercer o seu dereito de autodeterminación. Unha III República Federal, por exemplo, como reclamaba Castelao ata os derradeiros alentos da súa vida, esixe en si unha República Galega que voluntariamente se confedere con outras en pé de igualdade. É unha opción. Se ese é o camiño, percorrámolo. Pero tamén cumprirá que sexamos conscientes da correlación de forzas e dos proxectos coincidentes. De calquera maneira, quen pode negarse a reclamar democracia, a impugnar monarquía e a esixir república? Non é obxectivo político a unidade do nacionalismo senón a unidade popular arredor de programas comúns: autodeterminación e república.

Parece evidente que as pasadas eleccións europeas acabaron por configurar un retrato do momento histórico certamente dinámico, cambiante, con múltiples posibilidades abertas. As eleccións non foron máis ca un dato engadido, a expresión dunha realidade que vén fraguando desde hai certo tempo e que se quixo expresar de moi diferentes maneiras, non sempre ben interpretadas pola propia esquerda. Por iso, visto o que está ocorrendo, o que os sectores populares máis conscientes están querendo protagonizar, cómpre observar os procesos electorais desde perspectivas non habituais ata o momento. É preciso partir antes que nada de que os votos non se perden porque xa non se posúen, non son propiedade de ninguén. Acabouse, probablemente, a solidez dos vellos nichos do mercado electoral. Nestas eleccións europeas obtivemos simplemente un retrato, unha cala concreta que nos sinalou o grande espazo expansivo que cómpre construír. Un espazo en crecemento, que esixe intervención e amplicación, a construción progresiva da ferramenta que se retroalimente co pobo activo e canalice a creba democrática imprescindible para a multitude exercer como pobo e asumir a súa condición de novo poder constituínte. E aí as nomenclaturas e as siglas xa non contan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.