Un novo tempo político. Tamén para Galicia?

Os resultados das eleccións europeas e a abdicación do Rei de España son síntomas evidentes de que estamos ante un novo tempo político. Ser capaces de analizar a situación acaidamente e de tomar as decisións políticas oportunas resulta imprescindible para que Galicia, como país, non saia mal parada de todo o que se aveciña.

Non é a primeira vez que o Estado español reorienta o seu futuro. Cada vez que o fai sen que Galicia conte coa oportunidade de participar con voz propia no proceso, o pais sae perdendo

Non é a primeira vez que o Estado español reorienta o seu futuro. Cada vez que o fai sen que Galicia conte coa oportunidade de participar con voz propia no proceso, o pais sae perdendo. Así pasou na transición política e así pasará agora, mesmo con maior crueza, se non somos quen de actuar con intelixencia, visión de futuro e sentido de pais.

Non estaría mal, para comezar, que procuraramos facer unha lectura acaída do que esta a pasar sen caer na tentación de confundir os desexos coa realidade.

Non creo eu, malia os resultados das últimas eleccións, que o bipartidismo tocara o seu fin no Estado español. Sobre todo porque considero que o bipartidismo é algo máis ca  preponderancia electoral de PP e o PSOE

Non creo eu, malia os resultados das últimas eleccións, que o bipartidismo tocara o seu fin no Estado español. Sobre todo porque considero que o bipartidismo é algo máis ca  preponderancia electoral de PP e o PSOE. Hai bipartidismo nos medios de comunicación, na cúpula empresarial, nos organismos financeiros, nas entidades sociais e, o que é peor, na interpretación da realidade da inmensa maioría da poboación do estado. O bipartidismo é case consustancial ao modelo democrático occidental, e no Estado español só se creba de verdade alí onde os resultados electorais son un xogo a tres como reflexo dunha realidade social, política e económica diferente: Euskadi e Catalunya . As demais “disfuncións” electorais, por desgraza, parecen condenadas historicamente a converterse en episodios conxunturais reconducibles. Sobre todo no que se refire a esquerda española máis alén do PSOE.

Desprender disto que nos atopamos ante un proceso constituínte no que todo vai estar en cuestión, incluída a posible proclamación da república galega independente, sería volver a cometer os erros de valoración feitos na transición

A abdicación do Rei é toda unha síntoma do deterioro dunha situación política que obriga a PP e PSOE, os únicos que coñecían de antemán a decisión do monarca, a reorientar as cousas. Tomar a abdicación como resultado dun levantamento social conducido polo esquerdismo estatal paréceme confundir a ilusión coa realidade. E desprender disto que nos atopamos ante un proceso constituínte no que todo vai estar en cuestión, incluída a posible proclamación da república galega independente, sería volver a cometer os erros de valoración feitos na transición e deixar o noso país á marxe de todo o que, sen dúbida, pode pasar.

O certo é que a situación política, como reflexo da situación económica, chegou a tal grao de deterioro que o tradicional inmobilismo de PP e PSOE xa non serve para reconducila. Non creo que se abra ningún proceso constituínte (ogalla!), pero si que as cousas se moverán, e moito, para buscar solucións maioritariamente aceptadas para os tres eixos sobre os que se basea o malestar actual: A participación da sociedade na vida publica e a necesaria rexeneración desta, a nova configuración territorial do estado e as medidas para enfrontar a crise económica.

Non creo que se abra ningún proceso constituínte (ogalla!), pero si que as cousas se moverán, e moito, para buscar solucións maioritariamente aceptadas

Sobre a primeira das cuestións teñen moito que dicir e facer as forzas políticas. E neste punto as forzas da oposición levan vantaxe sobre PP e PSOE, que se atopan totalmente desbordados por unha dinámica social que os desconcerta. Ata a abdicación do Rei xoga mais na dinámica de renovación proposta pola oposición que no inmobilismo defendido polos baluartes do bipartidismo!

Pero dende Galicia creo que, ademais de a esta cuestión, debemos prestarlles especial atención ás outras dúas.  Sobre todo porque eu sigo convencido das grandes posibilidades que temos como país. Porque sigo a percibir que o noso futuro, máis ca nunca, non depende das dádivas que nos veñan dende fóra senón da capacidade e disposición que teñamos para autorresponsabilizarnos do noso futuro. Porque non creo que ningún dos problemas importantes do noso país se poidan explicar só dende a lóxica da confrontación de clase e as súas consecuencias, senón pola incapacidade que temos para conseguir que o noso pais sexa  un suxeito político e económico a ter en conta. E é por todo iso polo que penso que o redeseño do modelo territorial no Estado, que posiblemente se abra agora, sería unha oportunidade non só para que Galicia fixera valer os seus dereitos como pobo senón tamén para sentar as bases dun modelo económico no Estado no que os galegos sexamos algo máis que meras comparsas.

O redeseño do modelo territorial no Estado sería unha oportunidade non só para que Galicia fixera valer os seus dereitos como pobo, senón tamén para sentar as bases dun modelo económico no Estado no que os galegos sexamos algo máis que meras comparsas

Posiblemente haxa quen diga que todo isto só me preocupe a min, e a algún que outro, porque son nacionalista. Ten razón. Non creo que o que eu digo sexa unha verdade absoluta coa que haxa que iluminar a ninguén. É a miña opinión froito da miña condición ideolóxica. Tan respectable e criticable como calquera outra. Pero tamén creo que é unha posición que podería aspirar a  contar co respaldo maioritario en Galicia a base de facer o que a democracia pon á nosa disposición: Política.

O debate sobre unha nova configuración territorial do estado esta servido. E a súa conclusión, se de verdade se quere dende Madrid  avanzar e intentar paliar o problema vasco e catalán, está clara: iremos cara á un estado asimétrico onde a competencia de gastar por parte das comunidades estará ligada a súa responsabilidade de recadar. Un estado onde Euskadi y Catalunya, polo menos, terían que ter  un status diferenciado.

Négome a crer que a maioría do pobo galego estea disposto a que o seu país perda status institucional e moito menos a que o noso futuro dependa das supostas dádivas dun estado esquelético

E Galicia? Galicia será o que entre todos queiramos que sexa. E négome a crer que a maioría do pobo galego estea disposto a que o seu país perda status institucional e moito menos a que o noso futuro dependa das supostas dádivas dun estado esquelético.

Neste momento a responsabilidade do nacionalismo é moi grande. E a disxuntiva, coma sempre, será elixir se no momento actual o nacionalismo político tense que dedicar  a reafirmar as súas sinais de identidade como proxecto político ou a facer política con letras maiúsculas,  lanzándose  a liderar un movemento con vocación maioritaria que permita que Galicia conte no novo marco político que se está a abrir. E non lle vai valer facer o primeiro e dicir que tamén se quere o segundo.

A disxuntiva, coma sempre, será elixir se no momento actual o nacionalismo político tense que dedicar  a reafirmar as súas sinais de identidade como proxecto político ou a facer política con letras maiúsculas

Se o nacionalismo galego  opta polo primeiro, escoitarémolo falar da caída inminente do sistema como no seu día falamos da chegada inminente da ruptura democrática. Colocará en primeiro plano as súas reivindicacións estratéxicas para reclamar unha república galega independente ou nada. Dedicará boa parte do seu tempo en utilizar  toda a súa artillería política contra aqueles que cometen o desvarío de apuntalar a forzas de ámbito estatal agora que PP e PSOE están na ruína (!?) e acabará por concluír que, ante tanto balbordo, non é malo pelexar polo  8% do electorado, que non é pouco.

Dedicará tempo e intelixencia para que  o electorado desafecto dos grandes partidos estatais vexa no nacionalismo galego a alternativa necesaria no actual momento

Se o nacionalismo galego opta polo segundo, deberá empezar por prever que  moitas cousas se moveran en España co intento de que todo siga nunha dirección parecida. Afirmará que nesta vida hai que ter valores e convicións, e que a iso non lle gaña ninguén, pero que facer política non consiste unicamente en exhibir as túas ideas senón, sobre todo, en ser capaces de presentar metas tan ilusionantes como posibles que permitan colocar pobo detrás das túas propostas. Aminorará a súa preocupación por contar os votos que supostamente poderían irse pola esquerda, apuntará a súa artillería cara aos auténticos responsables políticos da actual situación e dedicará tempo e intelixencia para que  o electorado desafecto dos grandes partidos estatais vexa no nacionalismo galego a alternativa necesaria no actual momento. Sería así, con vontade de arriscar, dialogar e convencer, como podería pelexar o nacionalismo polo obxectivo, difícil pero ilusionante, para o que foi creado: ser unha forza política útil para o pais e colocar a Galicia no lugar que lle corresponde dentro dun futuro estado plurinacional.

Difícil?: por suposto. Seremos capaces?: está por ver.

Sada 6 de Xuño de 2014.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.