Os dereitos “humanos” dos animais

Os procesos de deshumanización seguen todos unha argumentación maniquea semellante co obxectivo de colocarse nunha posición de superioridade que permita abusar das persoas que quedan así sinaladas. Pártese dunha diferenza secundaria que se converte en lei natural esencial e así utilizala para quitar dereitos. Ocorre co racismo onde a raza, algo completamente superficial, se eleva a categoría de esencia para xustificar unha inexistente superioridade que, casualmente, sempre é a da raza propia (de feito o concepto de raza humana non é científico e non se utiliza a nivel xenético). Ocorre no machismo onde o sexo, algo secundario, se toma como definitorio da persoa para xustificar unha inexistente superioridade do machista.

Pero tamén ocorre con outros grupos onde unha diferenza circunstancial se toma como lexitimación para rebaixar ás persoas e poñerse por riba delas: da igual que se trate de persoas anciás ou menores de idade, de enfermos mentais ou de persoas con disfuncións intelectuais, de habitantes do terceiro mundo ou de persoas con diversidade funcional; o caso é que se utiliza esa diferenza secundaria para xustificar a superioridade sobre estas persoas de quen se considera a si mesmo “normal”, lexitimando así o que se lles quiten dereitos, se desprecen ou, simplemente, se decida no seu nome. Esta percepción simplista da realidade está de costas á ciencia e responde a unha conceptualización do mundo que quedou ancorada na Idade Media.

Pode resultar paradoxal que se reclamen dereitos humanos para os animais, pero a mesma fundamentación deses dereitos para as persoas é completamente aplicable ós animais, polo menos ós que teñen un cerebro desenvolvido

No caso dos animais e dos seus dereitos estamos ante unha situación semellante, que podemos denominar antropocentrismo ou especieísmo. Pode resultar paradoxal que se reclamen dereitos humanos para os animais, pero a mesma fundamentación deses dereitos para as persoas é completamente aplicable ós animais, polo menos ós que teñen un cerebro desenvolvido. Os dereitos humanos baséanse no feito de que o cerebro humano é capaz de sufrir e teñen por obxectivo evitar ese sufrimento. Desde as necesidades máis básicas ata as máis intelectuais, o que se persegue é que os dereitos que se establezan permitan cubrilas para evitar calquera tipo de malestar.

Pero isto mesmo é aplicable os animais: que diferenza existe entre un can que ten fame e unha persoa que necesita comer?, entre un cabalo que é brutalmente golpeado polo seu dono e unha persoa á que lle pegan unha malleira? O feito de que as persoas poidan conceptualizar o mundo no que viven dunha forma máis abstracta non quita nin pon nada á dor, ó sufrimento ou ó medo que poden sentir, fronte as sensacións dun animal sen capacidades intelectuais tan desenvolvidas. É evidente que os animais non teñen as mesmas necesidades que as persoas porque non son capaces de actividades culturais como as humanas; pero iso non impide que as necesidades que comparten, como comida, refuxio, relación cos seus conxéneres, etc., si sexan iguais e deban respectarse do mesmo xeito.

É evidente que os animais non teñen as mesmas necesidades que as persoas porque non son capaces de actividades culturais como as humanas; pero iso non impide que as necesidades que comparten, como comida, refuxio, relación cos seus conxéneres, etc., si sexan iguais e deban respectarse do mesmo xeito

De feito os grandes simios son capaces de certa abstracción intelectual como nolo mostran a súas capacidades de aprender linguaxes simbólicas elementais, levar a cabo actividades artísticas como a pintura e utilizar ferramentas para resolver problemas. E calquera persoa que teña un can pode comprobar que a súa conduta ten características totalmente semellantes ás que poida ter a dun cativo ou cativa.

Non son aceptables nin as corridas de touros nin a caza deportiva polos mesmos motivos que non se aceptarían esas actividades nas que as vítimas fosen persoas. Tampouco é aceptable que se traten ós animais como se fosen obxectos dos que unha persoa pode ser a dona para facer con eles o que lle dea a gana. Un animal é unha responsabilidade e ten uns dereitos que deben ser respectados. Para dicilo máis claramente: no que se refire ós dereitos básico, isto é excluíndo os culturais, os animais teñen exactamente os mesmos dereitos que as persoas. Así, mentres non sexa socialmente posible prohibir matar animais para alimentarse, haberá polo menos que telos nas granxas onde se críen en condicións dignas e cunha vida o máis próxima posible á natural.

Cabe subliñar que a defensa dos dereitos dos animais é tamén a defensa dos dereitos das persoas porque quen quere rebaixar ós demais seres vivos utiliza os mesmos argumentos contra persoas e animais

Cabe subliñar que a defensa dos dereitos dos animais é tamén a defensa dos dereitos das persoas porque quen quere rebaixar ós demais seres vivos utiliza os mesmos argumentos contra persoas e animais: xustifica a súa inexistente superioridade elevando a categoría de lei natural o que non é máis ca unha diferenza superficial. As especies con cerebro, sexan a humana ou as animais, non somos máis ca consciencia con capacidade de sufrimento, que é o que nos da dereitos, e unha sociedade que non respecta os dereitos dos animais termina por non respectar tampouco os dereitos das persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.