A democracia borbónica

Dicía unha canción dos anos 80 que “non son bos tempos para a lírica”, pero neste momento dende logo non corren bos tempos para o xornalismo crítico e obxectivo. Nin tan sequera para as publicacións satíricas como é o caso da revista El Jueves, que de novo viu como a súa portada era secuestrada (aínda que Zarzuela nega calquera presión pola súa parte) dando lugar a dimisións en cadea no seo da revista (e iso a pesar de que segundo un dito popular “Na corte do rei, o bufón é o único que pode dicir a verdade”).

Dicía unha canción dos anos 80 que “non son bos tempos para a lírica”, pero neste momento dende logo non corren bos tempos para o xornalismo crítico e obxectivo

Levamos xa un tempo no que os medios de comunicación de masas (debido en parte á crise que están a sufrir), nuns casos por mendigar os suculentos cartos da publicidade institucional e noutros simplemente por aliñamento ideolóxico, mastigan e presentan a información de tal xeito que os intereses do goberno (e en certa medida os do partido maioritario na oposición) queden ben protexidos e cubertos; mentres que calquera debate ou crítica queda relegada ao xornalismo alternativo de medios como Praza Pública, sen ir máis lonxe e entre outros.

O lavado de cara que estamos a ver respecto á monarquía está alcanzado cotas escandalosas

O lavado de cara que estamos a ver respecto á monarquía está alcanzado cotas escandalosas. Os medios falan sen cesar de renovación (das institucións do Estado), facendo verdade dunha falacia destinada a calar o debate presente na sociedade sobre o dereito a participar e a decidir a forma da xefatura do Estado español.

Non podemos considerar o apoio á Constitución de 1978 como un referendo a favor da monarquía, senón máis ben a favor da democracia

Pero neste caso tampouco faltan as voces “autorizadas” que dan leccións de democracia, non só insultando os pacíficos manifestantes que na semana pasada saíron ás rúas e prazas para esixir un referendo, senón dicindo (en palabras da “diferida” Cospedal) que “o referendo non é democrático, o democrático é respectar as leis”. Un argumento que vale tanto para Cataluña como para o tema do que estamos a falar.

Queren convencernos de que a monarquía como forma da xefatura do Estado foi votada polos cidadáns; de novo outra falacia. Non podemos considerar o apoio á Constitución de 1978 como un referendo a favor da monarquía, senón máis ben a favor da democracia.

Pero neste debate tampouco faltan os argumentos do estilo “que barata é a nosa monarquía” con respecto a outras xefaturas do Estado das repúblicas do noso entorno, facendo contas trucadas e trampas ao solitario. Nos últimos días tamén vemos pseudo-enquisas telefónicas cunha mostra de 500 chamadas ou enquisas pretendidamente “serias” que curiosamente amosan datos moi convenientes e falan dun aumento súbito do aprezo pola monarquía tras a abdicación de Juan Carlos I.

Parece ser que os resultados das eleccións europeas non só precipitaron certos acontecementos, senón que tamén acrecentaron o medo (nos poderes económicos e políticos) a que a sociedade reclame e escolla máis democracia

Pero o debate non é ese, non estamos a falar en base a enquisas de dubidosa validez de monarquía ou república, senón do dereito a decidir, que non só sería un exercicio de verdadeira democracia senón tamén unha base de lexitimidade renovada para o novo rei. Esperemos que non teñamos que asistir a unha nova montaxe de golpe de estado para gañar algunha lexitimidade.

Parece ser que os resultados das eleccións europeas non só precipitaron certos acontecementos, senón que tamén acrecentaron o medo (nos poderes económicos e políticos) a que a sociedade reclame e escolla máis democracia e por suposto unha verdadeira renovación das vellas institucións do Estado español herdeiras do réxime franquista.

Pero como dicíamos anteriormente, os medios, lonxe de abrir debates, pechan filas bombardeándonos coas bágoas de emoción de Juan Carlos I, ou  repartindo bolsas de estudos dunha entidade bancaria, ou os sorrisos dos aínda Príncipes de Asturias en miles e miles de actos, percorrendo a xeografía española. Mentres calan e silencian as que ata hai uns meses foron condutas pouco “exemplares”, intentando que vexamos na abdicación un punto e final á corrupta armazón montada pola familia Urdangarín-Borbón. Esa “renovación” parece  que alcanza o propio goberno de Rajoy: queren vender  o cumprimento dunha tradición medieval como renovación das institucións dun Estado aparentemente democrático.

Xa para rematar, lembrar unhas verbas do futuro rei, que a semana pasada falaba de “emprendemento” e  “da necesidade de arriscar”;  fala un home coa vida asegurada e mantido cos cartos dos cidadáns

Xa para rematar, lembrar unhas verbas do futuro rei, que a semana pasada falaba de “emprendemento” e  “da necesidade de arriscar”;  fala un home coa vida asegurada e mantido cos cartos dos cidadáns. Non sei moi ben de que clase de emprendemento fala; é posible que poidamos coller exemplo da súa irmá e do señor Urdangarín. Pero xa que o Príncipe afirma que “hai que arriscar na vida”, quizá debería presentarse a un referendo, e saber por fin se está lexitimado como pensa.

“Todos os homes son iguais. A diferenza entre eles non está no seu nacemento, senón na súa virtude” (Voltaire)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.