Dereito de emerxencia en Galiza, alén da Inquisición

Nicolau Eimeric, nado en Xirona en 1334, inquisidor xeral da Coroa de Aragón, foi autor dun dos tratados máis famosos sobre o oficio inquisitorial e, na reflexión sobre o valor das delacións dos cómplices do acusado, desbotaba de xeito taxativo o seu peso como única proba no proceso xudicial. Desgraciadamente, o dereito de emerxencia construído por algúns Estados pretensamente democráticos no s. XX rebaixou moito este enganido listón probatorio até o punto de que, no nome da loita antiterrorista, se validou a posibilidade de aceptar como única e senlleira proba dunha condena a declaración dun arrepentido. A Italia dos 80 e 90 do século pasado foi o auténtico campo de adestramento desta excepción procesual que se atopa vetada como tal noutros países en que se esixe sempre que haxa confirmación do que explica o delator alén da súa propia declaración e que esta se filtre nun interrogatorio cruzado con quen for acusado, como acontece por exemplo na tradición anglo-saxoa.

A sentenza, redactada por Fernando Grande-Marlaska e co voto en contra dun dos tres maxistrados que formaban o tribunal, sitúase así na vangarda do dereito de emerxencia contemporáneo

A Audiencia Nacional española condenou este mes de maio de 2014 o mozo Carlos Calvo Varela a doce anos de privación de liberdade por delitos de pertenza a organización terrorista (Resistencia Galega) e posesión de explosivos ao servizo desta organización, coa única proba da confesión en xuízo do outro acusado, Xurxo Rodríguez, que chegara previamente a un acordo coa fiscalía para lle rebaixar a pena á metade, tal como asumiu o Tribunal, a cambio de modificar o sentido das suas declaracións, que sempre foran de exculpación de Carlos Calvo, e convertelas en incriminatorias. A sentenza, redactada por Fernando Grande-Marlaska e co voto en contra dun dos tres maxistrados que formaban o tribunal, sitúase así na vangarda do dereito de emerxencia contemporáneo, mesmo alén das solucións desesperadas dos tribunais italianos nos anos de chumbo, e a verdade é que aos que o vivimos na primeira liña derrúbanos todos os esquemas.

Pódenlle ofrecer a alguén a rebaixa dunha pena á metade (a Xurxo Rodríguez impuxéronlle seis anos de privación de liberdade) a cambio de mudar as súas declaracións. Esta persoa declara no xuízo negándose a responder as preguntas do avogado do outro acusado (e por tanto extirpando calquera hipótese de contradición da proba como esixiría o principio de xustiza mais elemental). E todo isto, sen máis, pásase a imprimir nunha sentenza cunha pena propia dun delito de homicidio. Isto si que resulta un auténtico atentado contra o sentido común e contra a inocencia de alguén que, como Carlos Calvo, sempre negou ter ningún tipo de relación con organizacións de tipo terrorista ou semellante e de quen os mesmos axentes que actuaron no xuízo puideron acusar como moito de facer parte do universo do independentismo galego.

Cústame moito non pensar na Inquisición e de aí a cita do principio. O sufrimento que se provocaba nos xustizábeis polo Santo Oficio facía que os cidadáns fosen quen de aceptar como propia a máis abominábel das herexías

Cústame moito non pensar na Inquisición e de aí a cita do principio. O sufrimento que se provocaba nos xustizábeis polo Santo Oficio facía que os cidadáns fosen quen de aceptar como propia a máis abominábel das herexías. O sistema de pactos coa fiscalía da Audiencia Nacional hoxe  pódelle facer declarar a calquera herexe o mais terríbel dos crimes con respecto a calquera outro acusado, a cambio de non sufrir o tormento dunha pena alongada e dos premios previstos na lexislación antiterrorista para os arrepentidos colaboradores. Neste caso o sufrimento non é físico, mais a coacción ao dereito á libre declaración é a mesma. E o máis grave, a inocencia daquel contra quen se vira a delación non sabe como facer para sobrevivir a iso. Carlos Calvo, vémonos no Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.