Comunistas somos todos

Conta David Remnick na súa crónica sobre a caída da URSS que mentres o sistema facía augas por todas partes cun Gorbachov no papel de Suárez intentando deter a multiplicación dos ananos ao seu arredor, a xente de a pé atopábase dividida entre os que agardaban por fin a saída dun dos túneles máis escuros da historia a calquera prezo e os que sospeitaba que a luz prometida baixo o paraugas da Perestroika estaba a piques de transformares no incendio que é hoxe a Rusia de Putin: o país con máis millonarios por metro cadrado, a capital máis cara do mundo e o símbolo do capitalismo de Estado organizado como crime. Os mesmos cans con distinta correa. A fin da Historia que dixo algún espilido resultou ser un xiro lampedusiano.

Cando menos, o férreo sistema soviético, reflexiona Remnick, igualaba a toda a sociedade por abaixo. Despois, a nada. Agora, engado eu, na Rusia post-comunista, igual que en occidente, a sociedade brilla pola súa ausencia. A sociedade encargouse de acabar con ela unha señora á que Meryl Strip borda na pantalla e que, con dous Oscars e sete Globos de Ouro espallados nos andeis da súa casa, subiu hai unhas semanas a recoller o oitavo como se fora unha debutante no mundo da interpretación dicindo iso de fun eu, de verdade eu? Como a Meryl, outro actor veu a rirlle a graza e así chegamos a hoxe.

No recén estreado ano catro da crise o mundo (occidental) segue sen ser quen de recuperar a órbita. Despois de que todos os mensaxes lanzados para reformular o capitalismo non chegaran nin a intentonas o sistema segue a devorar aos seus fillos sen que dea a sensación de que nos moleste o máis mínimo. Quítame de aí eses parados é o que realmente queren dicir os nosos gobernantes cando falan das coiteladas que nos lanza a estatística. Co capitalismo de Estado desbocado facendo con nós o mesmo que o stalinismo soviético, isto é, igualarnos polo baixo, o novo Partido Único celebra a súa asemblea en Davos para ratificar o que din todos os presidentes que chegan á Moncloa: a España no la va a conocer ni la madre que la parió. Grazas á existencia de foros como o celebrado en Suíza (non é casualidade que o aquelarre capitalista se celebre no país do segredo bancario), enterámonos do plan que para nós teñen deseñado os nosos gobernates: sálvese quen poida.

Unha vez que a todos nos quedou claro que a sociedade era ese invento dos comunistas, aínda que levado á práctica por políticos conservadores seguindo os postulados dun tal Keynes, os apóstolos do neoliberalismo, empeñados en seguir a máxima xornalística de non deixar que a realidade te escaralle un bo titular, insisten como Mourinho contra o Barcelona: menos Estado e máis mercado. E logo, como é que chegamos até aquí? No fondo, a cousa é sinxela. Soltar lastre, o que en idioma neoliberal-mariano ven sendo deixar de vivir por enriba das posibilidades e facer as cousas como dios manda, signifique iso o que signifique. E todo grazas á inestimable axuda dos ocupantes do outro lado da bancada.

Resulta curioso observar como os que seguen a chamar por máis mercado en Davos son os mesmos que, en casa, lle quitan o valor ao principal sustento do sistema: o intercambio, salario por traballo. No país sobra o traballo, o que non hai por ningures é quen queira pagar por el. Máximo exemplo deuno a alcaldesa por antonomasia co seu chamamento a que os servizos públicos veñan a ser prestados por voluntarios, como contribución á sociedade, dixo. Ana Botella é comunista, o que pasa é que aínda non caeu na conta de que, como reza a demagoxia ultramontana, o comunismo comeza por un mesmo. Que maior servizo á sociedade que o dos nosos xestores? Mais os neoliberais de hoxe son quen de levar as aspiracións stalinistas á súa máxima expresión.

Agora que tras o 20N todo voltou á normalidade o mundo explícase nos tuits de Guti e nas páxinas de La Gaceta. Nesta última, un doutor en Filosofía deixa un titular impactante: «yo tengo claro que si hubiera estudiado con la Logse, hoy sería un delincuente». O que é seguro é que sería un parado. No enésimo exame á situación da educación no Estado, o tópico de sempre: ocupamos os últimos postos da UE. Calquera diría que os estudantes franceses, por poñer un exemplo, matan as horas libres lendo a Sartre, que tamén era comunista.

Na casa, os galegos vimos como esta fin de semana se certificaba o que todos sabiamos. Que Ourense segue o modelo (comunista) de Cuba e Corea do Norte en materia de sucesións e que o BNG artellou a súa unidade optando polo binomio Vázquez-Jorquera. Meu avó, que vive con Telecinco e a TVG enchufadas a cadanseu brazo preguntou quen era ese tal Jorquera e non souben que contestar. Todo semella indicar que, a diferenza do acontecido en Rusia, unha parte de nós seguimos empeñándonos en poñerlle fácil ao resto preferir un delegado do Politburó como Feijóo a seren gobernados por un coronel do KGB. Podería ser peor, Galiza non é Valencia. Aínda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.