Nin República nin Monarquía, proceso constituínte

Repiten a xogada, estamos a contemplar unha operación política semellante á Transición. A continuación do franquismo sen máis non era unha posibilidade real, as posibilidades reais eran dúas: Ruptura co Réxime e un proceso constituínte en liberdade ou ben Reforma, unha evolución democrática do estado baixo a tutela do Exército e EE.UU. controlada polo sucesor do Generalísimo. Dada a correlación de forzas entre antifranquistas e franquistas, triunfou a Reforma e, a cambio de aceptar o pasado e a herdanza franquista, legalizáronse sindicatos, asociacións e partidos e redactouse unha constitución cos límites que sinalou a Xunta de Xefes de Estado Maior. O cambio político non afectou no máis mínimo á estrutura da propiedade e do capital, aínda que o diñeiro chegado da Unión Europea lle deu alegría á economía e fixo que esquecésemos eses pequenos detalles.

As posibilidades reais eran dúas: Ruptura co Réxime e un proceso constituínte en liberdade ou ben Reforma, unha evolución democrática do estado baixo a tutela do Exército e EE.UU. controlada polo sucesor do Generalísimo

O truco funcionou ben, a sociedade española tras a cirurxía e remodelación efectuada polo Réxime non estaba para moito máis, agora trátase de repetir algo parecido. Que a estrutura do estado e o réxime político siga igual non é unha posibilidade real, a que si é posible e está a se realizar é unha remodelación do réxime político conducida desde dentro dun modo firme polos poderes que realmente deciden hoxe. O que non parece posible agora, non sabemos dentro dun ano ou dous, é que triunfe outra vía verdadeiramente democrática: un novo proceso constituínte no que se poidan debater e pactar novos acordos de convivencia. Non se trata soamente de Monarquía ou República, están rotos os pactos nacionais e a constitución está completamente baleirada de garantías para a cidadanía.

Que a estrutura do estado e o réxime político siga igual non é unha posibilidade real, a que si é posible e está a se realizar é unha remodelación do réxime político conducida desde dentro dun modo firme polos poderes que realmente deciden hoxe

Pero coróasenos un príncipe ante os nosos ollos e algo haberá que dicir. Antes de nada, que as cerimonias de coroación en si mesmas nacen xa envoltas en represión antidemocrática: a prohibición de manifestacións republicanas é un verdadeiro delito contra a liberdade de expresión por parte do Goberno que debe ser denunciado. Desexamos que ninguén sexa molestado por manifestar as súas simpatías republicanas e tememos que o Goberno deteña e procese (é que tamén son donos da xustiza) os mellores cidadáns, aqueles que se arriscan para defender a liberdade para todos. Temémolo porque vivimos baixo un Goberno que ten encerrados presos políticos, sindicalistas e activistas democráticos. Isto é terrible, pero é literalmente certo na España de Rajoy.

Naturalmente, temos que sinalar o evidente: que o reinado de Felipe nace sen outra lexitimidade que a de ser fillo, home, do seu pai e esa lexitimidade téñena millóns de cidadáns. Sobre todo se temos en conta que desde Miguel Servet sabemos que todos os sangues son vermellos. Doutra banda, estes días pasados lembróusenos coidadosamente que tanto Juan Carlos como Felipe mandarán sobre o Exército, unha anomalía horrible nun país coa historia que ten. Iso é incompatible cun Estado democrático, non se trata pois dunha monarquía parlamentaria sen máis, senón dunha monarquía con exército que tutela e tolera a vida civil dos seus súbditos. O ridículo da ostentación dese poder militar é presentarnos unha nena de oito anos que será xefa das tropas. Nin a cidadanía nin esa nena merecen iso.

Igual que hai persoas honradas e de exemplaridade cidadá que se teñen por republicanas tamén hai persoas así que se teñen por monárquicas. Non hai unha superioridade moral, e tampouco intelectual, entre unhas e outras

Con todo, igual que hai persoas honradas e de exemplaridade cidadá que se teñen por republicanas tamén hai persoas así que se teñen por monárquicas. Non hai unha superioridade moral, e tampouco intelectual, entre unhas e outras; hai persoas moi capaces, sensatas e boas que son partidarias dunha e doutra institución política. É unha evidencia. Igual que non ten sentido, ou simplemente non é decente, que os voceiros da caverna insulten e difamen os republicanos tampouco ten sentido nin é honrado intelectualmente desdeñar o bo xuízo dos partidarios desta monarquía ou das monarquías en xeral. Creo que é un debate imposible e inútil, do mesmo xeito que o é discutir por ter ou non unha crenza ou crenzas relixiosas en xeral.

Cada sociedade ten a súa historia e hai países onde a monarquía proporciona seguridade e tranquilidade a unha parte considerable da sociedade, a conciencia de ter un certo fogar na historia e no mundo. Os reis son o símbolo dunha comunidade á que senten pertencer e tamén a idea dunha casa paterna ou materna. É algo a respectar e a ter moi en conta pois os seres humanos temos ese tipo de necesidades psicolóxicas, e digo necesidades.

Pódese dicir que cando a monarquía é querida por unha poboación que, por causas históricas, se identifica con ela resulta unha institución beneficiosa para esa comunidade

Pódese dicir que cando a monarquía é querida por unha poboación que, por causas históricas, se identifica con ela resulta unha institución beneficiosa para esa comunidade. Achega un beneficio que é tanto espiritual ou psicolóxico como finalmente social e económico. Nese caso o que parece unha opción irracional, a Monarquía, pode ser algo moi racional e mesmo conveniente. Non por ser monárquico se é malo ou se está tolo.

Non invoquen os Borbóns e Alfonso XIII ou don Juan, esta monarquía é filla do medo e de ninguén máis

Outra cousa é que a Coroa española foi imposta en 1975 e a poboación sábeo. Tanto o antifranquismo coma o conxunto da poboación tomaron o que se lles daba sen outra opción. Non invoquen os Borbóns e Alfonso XIII ou don Juan, esta monarquía é filla do medo e de ninguén máis. Felipe non trae consigo nada que o lexitime democraticamente máis que prolongar a ilexitimidade de Juan Carlos, aceptado no seu día pola forza do medo ao Exército. Para vestilo de méritos, xa que non de lexitimidade, os seus partidarios invocan astutamente que vai ser a solución aos problemas do Estado e a sociedade. É o colmo do antidemocrático e da abxección cortesá: non era que o Rei reinaba pero non gobernaba? Vai gobernar Felipe entón? Será o responsable do que ocorre coa economía, de autorizar ou non a votación catalá, etc?

Incluso quen pretenden que todo siga igual saben que non quedará máis remedio que debatelo. Nese escenario, Felipe non poderá reinar sen que a cidadanía o decidise así

Sexa moita ou pouca xente, a reclamación de refundar a democracia, cuestionando os dous grandes partidos, a política económica e as institucións tal como hoxe son, xa é pública. Xa foi verbalizada e agora é nosa, de todos. Incluso quen pretenden que todo siga igual saben que non quedará máis remedio que debatelo. Nese escenario, Felipe non poderá reinar sen que a cidadanía o decidise así.

(P.D. Aproveito para desmentir unha información que circula segundo a cal dou apoio a algunha candidatura á secretaría do PSOE. Trátase dun erro humano, nin sequera fun consultado acerca dun proceso interno que vexo con gran distancia)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.