Ovos de pascua

Non sei se non sería boa idea nacer cun cronómetro. A convicción de que a festa, é un dicir, pode rematar en calquera momento non nos fai moito máis coidadosos de nós mesmos. A verdade é que medramos pensando no futuro, ese que albiscamos lonxe, unha liña imprecisa de gravatas e carteiras, ou de pinceis e teclas, de maletas ou do que nos deixen. Non sei se é que se vai achegando a Semana Santa, ese tempo que, en anos que apresuradamente quedaron lonxe, era de silencio e tamén de autocastigo.

Tempo tamén deses ovos de Pascua xigantescos, soberbios e inalcanzables tras os cristais das confeiterías. Eu consolábame pensando que eses ovos eran atrezzo, que non coñecía a ninguén  que lle agasallaran cun deles: eran de mentira, os poñían alí e logo os retiraban, gardándoos para outro ano

Tempo tamén deses ovos de Pascua xigantescos, soberbios e inalcanzables tras os cristais das confeiterías. Eu consolábame pensando que eses ovos eran atrezzo, que non coñecía a ninguén  que lle agasallaran cun deles: eran de mentira, os poñían alí e logo os retiraban, gardándoos para outro ano. Tamén pensaba o mesmo deses concursos nos que había que mandar por correo non sei cantas etiquetas e entrabas no sorteo dun soldo para toda a vida. Os afortunados que saían na tele, ou na prensa, eran actores contratados, pensaba eu. E sempre, como na fábula, rematabas pensando que as uvas estaban verdes. Que a publicidade podería ser verosímil ou non. Outra cousa é que fora verdade.

Pensando na Semana Santa, acórdome do tempo en que a penitencia era algo no que interviña a vontade. Prescindir non do estritamente necesario, senón do que, en certo modo, sobraba

Pensando na Semana Santa, acórdome do tempo en que a penitencia era algo no que interviña a vontade. Prescindir non do estritamente necesario, senón do que, en certo modo, sobraba. E existía un final desa restrición. Liña imposible de acoutar neste 2012: somos o rostro dos estupefactos, dos que pensabamos que as cousas nunca chegarían, para mal, tan lonxe. Que non habería tanta xente vivindo, malvivindo, no umbral da pobreza máis absoluta. Que non pincharían os colchóns da sanidade, do ensino, da cultura. E o paradoxo de convivir preto dalgúns que son dos máis ricos do mundo. Case coma antes, cando líamos os xornais e todo sucedía fóra de aquí, neses planetas  alleos que eran para nós os outros continentes. Ou outras realidades, que tampouco podemos ser tan estritos.

Andamos todos penitentes, queiramos ou non.  Os días pasan arrastrando os pés, nin eles teñen ganas de medrar, de atopar outra liña de certezas. Ó mellor é que os futuros están verdes  ou son  coma aqueles ovos de Pascua que non eran para min.  Non quero pensar que no que ven haxa aínda máis espazo para a incerteza, para o desprazamento, para o “non-lugar”.  O que penso que non debemos consentir, é asumir que nos limiten para sempre. Por moito tempo que digan que haxa que pasar ollando entelequias do outro lado do escaparate.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.