Construíndo a alternativa

A oposición cívica á organización e promoción con cartos públicos dos festexos taurinos na Coruña está a acadar un movemento histórico sen precedentes no municipio. A hemeroteca permite ver o avanzo das ideas, das propostas e das protestas fronte a un lobby constituído por peñas taurinas, poderes públicos e caciquismo de pedigrí daqueles que sempre consideraron a cidade como o seu cortello de negocios e subsidios.

Pouco despois da aparición da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e do inicio das súas accións, lembro unha nova nun coñecido xornal onde se falaba do binomio touradas = éxito, unha fórmula que semellaba imbatible, e onde curiosamente xamais se falara do forte desembolso de cartos de todas e todos para manter a actividade de execución pública dun ser vivo. Falaban de ampliar a feira taurina, do escaso contrapoder dos grupos abolicionistas e mesmo do interese do propio goberno municipal.

Un ano máis tarde desta información (cando menos sesgada pois non se cumpriu nada do que se dicía) comezaban as ameazas e as bravatas do tipo da camisa de peito. O promotor taurino atreveuse a dicir que todos os antitaurinos “recibirán su castigo” como se dun mesías se tratara. Tamén chamaba “indeseables” ás persoas que confrontan o maltrato animal e mesmo ameazoume cunha denuncia pola que, catro anos despois, agardo. E como sempre trufaba o entrevistado co mesmo argumentario: máis afección, máis asistencia... pero máis subsidios tamén. Como analista político tampouco tiña prezo que o pagara.

Certo é, e recoñecido tamén, que a oposición ás touradas na Coruña avanzou a pasos axigantados entre 2009 e 2011 cando o medo xa comeza a mudar de bando, e tamén a ilusión. Primeiro ignoraban o sentir social, agora xa lle poñen cortapisas para falar porque saben perfectamente que somos máis, moitas e moitos máis os que cuestionamos que un Concello subsidie cos nosos petos a violencia e a matanza dun animal. Nese ano un rimbombante manifesto cheo de sinaturas (e grallas linguísticas atroces como Ginzo de Limia) que uniu a casta local, nomeadamente ex-concelleiros e ex-alcaldes, conselleiros dun antigo ministro da ditadura e demais individuos curiosos, tentaba impedir o que xa se está a converter en inevitable.

Finalmente a hecatombe da afección taurina, pedindo e logo esixindo que lle manteñan o vicio de ver como torturan animais con cartos públicos, demandando que os subsidios que durante dúas décadas financian esta aberración non lles foran negados, pasando por riba se era necesario das maiorías sociais, da inmensa vontade cidadá que reclama a súa supresión e mecanismos de verdadeira participación, porque, ao revés que eles, que estes grupúsculos, nós damos a oportunidade de votar, e de pensar e de intercambiar ideas... máis prefiren o batacazo, e así faremos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.