Rexuvenecer

Stevenson, aquel escritor, decidira que a súa vida nocturna fose un furacán. Utilizando a bohemia como bendita escusa, golpeaba o seu fígado ata lindar co KO. Un día triste foi ao médico que, como anunciador de ataques preventivos, recomendoulle frear: “Ou para vostede ou morrerá novo”. “Doutor- contestoulle o que fabricara “A Illa do Tesouro”- todos morremos novos”. Morrer é unha putada pero, esquezan tópicos poéticos de inmortalidade, todos se van.

Agora mesmo estase a vivir un intento de rexeneración política que pretende seducir a atmosfera

Hai quen morre tarde e hainos que o fan cada fin de mes. Tamén existen os que burlan á decrepitude someténdose a sesións antiaging, a movidas de terapias celulares: Sinatra e Dietrich, Charles de Gaulle e Churchill, ata Pío XII fixo un rexuvenecemento facial rebelándose contra o devir e, seguramente, no seu caso, a sabendas de que era pecado contradicir a Deus.

Agora mesmo estase a vivir un intento de rexeneración política que pretende seducir a atmosfera. A política, que é cíclica como o título de Liga, tamén ten dereito a mudar a pel como calquera presentador de Telecinco. Se o Papa Francisco cambia de estratexia de comunicación e namora, en privado, os corazóns cobardes dos comunistas; se Felipe VI consegue que Feijoo e Gloria Lago falen de Castelao en público e entre os tres poñelo nas listas de popularidade por enriba de Miley Cirus, como non van os partidos políticos a facer un esforzo por tonificarse?

Todos saben o que pensan del no seu partido e tamén que Rajoy sairá de aí igual que entrou: aplaudido polos seus con resignación en público e posto a parir en privado

Na “esquerda real” e na prostituída, escóitanse nomes de xeito contínuo: Pablo Iglesias, Eduardo Madina, Alberto Garzón, Pedro Sánchez. Aos catro dáselle carácter de boyband. Incluso a dereita mediática, que non escatima en piropos, xa dixo dalgún deles que “é ETA”, o que vén significar que xa está debidamente bautizado. E ao tempo que por unha banda pretenden rehabilitar o aire, pola dereita, Rajoy entra en coma. A frescura é o seu veleno e puxéronlla no goteiro. Ademais, todos saben o que pensan del no seu partido e tamén que Rajoy sairá de aí igual que entrou: aplaudido polos seus con resignación en público e posto a parir en privado. Quizais estean agardando ás vindeiras eleccións xerais para quitarse o morto das costas e respirar profundo. Porque Rajoy nin patria potestad nin nada, nin sequera unha tutelaxe finxida. 

Cando Rajoy morra ninguén pagará en segredo o seu funeral. Iso só o fixo Sinatra co de Bela Lugosi, outro cadáver estrano pero, neste caso si, inmortal, un cadáver aforado: é Drácula.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.