0 Gardados para despois

Pilar Candocia

Gañemoslle á dereita para gañar o futuro

Vivimos tempos moi duros, nos que boa parte da sociedade o esta pasando realmente mal, e a dereita gobernante non só permanece insensible senón que afonda nas políticas de empobrecemento masivo, aumento das desigualdades e perda dos dereitos máis básicos. Pero tamén vivimos momentos de esperanza, o PP e o bipartidismo están nas súas horas máis baixas, estase abrindo un tempo no que se albisca tanto a derrota da dereita como a posible vitoria de alternativas transformadoras. Por moitos lugares comezan a xurdir voces que falan de buscar o encontro plural da esquerda e o nacionalismo. As últimas eleccións foron mostrando as ansias de transformación profunda, para mudar de raíz as políticas e a forma de gobernar. Para lograr estas mudanzas hai que cambiar o sistema político dende os seus alicerces e levará tempo. O mesmo ten que os pasos que deamos sexan pequenos ou zancadas o que realmente importa é que sexan pasos firmes.

A iniciativa de Guanyem Barcelona mostra un camiño interesante, un espazo plural que busca integrar xente de diversos partidos, dos movementos da sociedade civil, e que prima o encontro entre iguais sen primacía das cúpulas partidarias

Os concellos serán o primeiro paso e a iniciativa de Guanyem Barcelona mostra un camiño interesante, un espazo plural que busca integrar xente de diversos partidos, dos movementos da sociedade civil, e que prima o encontro entre iguais sen primacía das cúpulas partidarias, e no que a cidadanía de xeito aberto referende o proxecto. A cidadanía reclama un papel activo, un protagonismo que debe comezar na forma de facer oposición e de construír as alternativas. Estas propostas xorden coa ambición de ser maioría, non pensar en ser un apoio a un goberno encabezado por outros/as, compre atreverse a ofrecer unha alternativa de goberno que sexa realmente alternativa.

En Ames, e en outros moitos concellos, o obxectivo xa non é só gobernar, o obxectivo é chegar a ser a primeira forza municipal de cara a mudanza de sistema. Derrotar social e electoralmente ao PP e ao bipartidismo, imos precisar moita forza cidadá para vencer as resistencias ao cambio. Xogámonos moito, o PP leva tempo desenvolvendo toda unha estratexia regresiva para afogar os concellos e reducir as posibilidades de decidir da cidadanía. Os concellos teñen a cada paso menos competencias e menos recursos económicos. É importante que sexamos conscientes da limitación imposta pola normativa vixente, e que serán moitas as dificultades no camiño da  transformación real. E eu estou convencida que o ámbito municipal é clave para as políticas de benestar e de proximidade, de desenvolvemento real, e tamén para a implicación cidadá nunha auténtica democracia participativa. Política local para as persoas.

Xogámonos moito, o PP leva tempo desenvolvendo toda unha estratexia regresiva para afogar os concellos e reducir as posibilidades de decidir da cidadanía

Ames Novo, iniciativa cidadá é un proxecto impulsado hai un par de anos no que procuramos desde o comezo integrar a pluralidade da esquerda e do nacionalismo e facer política desde a cidadanía. Conxugamos ao mesmo tempo a firmeza contra as políticas do PP, con acción social e institucional para impedir os recortes, e a construción dunha alternativa contando coa implicación aberta da sociedade. En marzo deste ano decidimos lanzar unha proposta de primarias abertas á cidadanía, presentarnos ás eleccións como agrupación de electores, e elaborar o programa de xeito participativo contando co tecido social e toda a xente que queira achegar ideas.

Decidimos convidar de forma expresa a todas as forzas transformadoras que operan politicamente en Ames, en concreto: Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista, Compromiso por Galicia, Equo, Podemos e Bloque Nacionalista Galego

Agora, despois das eleccións europeas, decidimos convidar de forma expresa a todas as forzas transformadoras que operan politicamente en Ames, en concreto: Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista, Compromiso por Galicia, Equo, Podemos e Bloque Nacionalista Galego. Sabemos que isto é difícil para as organizacións políticas, algunhas entenden que perden protagonismo, que se trata de procesos incontrolables e que os intereses dos "outros" partidos van viciar os acordos. Ademais temos un pasado recente de desencontros que fai difícil convivir e compartir unha proposta, e sempre vai haber quen pense que perde máis do que gaña. A nova cultura política está afogada pola vella.

Tal e como eu o vexo precisamos moita xenerosidade e ambición. Ninguén ten porque renunciar a nada, non se trata de prescindir dos proxectos de cada grupo ou de fundirse nunha mesma organización. Tampouco se trata de partir de cero, a historia tamén é unha aprendizaxe que debemos ter presente. Trátase de confluír cada quen desde a diversidade, onde se dean a man activistas sociais e políticos xunto a unha infinidade de cidadáns e cidadás que queren mudar a realidade. 

Trátase de confluír cada quen desde a diversidade, onde se dean a man activistas sociais e políticos xunto a unha infinidade de cidadáns e cidadás que queren mudar a realidade

Debemos estar a altura das circunstancias, ser capaces de idear propostas novas para tempos novos. Precisamos a cooperación da cidadanía con vontade transformadora sen exclusións. Nós imos a por todas, saímos a gañar porque sentimos o apoio da xente, pero queremos que sexa un proceso moi amplo, no que caibamos moitos e moitas. Non será xa o proceso de Ames Novo, senón de todas as persoas que participemos. A participación cidadá no proceso será quen lle dea lexitimidade e credibilidade á iniciativa.

Hoxe estamos en condicións de levantar alternativas plurais de confluencia das esquerdas e os nacionalismos que poden vencer e abrir as institucións locais á cidadanía. Eu participei no movemento estudantil dos 80 cando a esquerda se uniu de forma aberta e por primeira vez tivemos representación. Non volvamos frustrar as expectativas dunha sociedade que pide cambios de verdade, primeiro na oferta das alternativas políticas e logo nos gobernos. Aquí non vive Ada Colau, vive outra moita xente con grandes ideas, capacidades e presencia social. Temos unha responsabilidade ante a sociedade e aínda podemos gañar o futuro, precisamos espazos de encontro que mobilicen o entusiasmo. Podemos facelo en moitos planos, comecemos polo próximo.

Non volvamos frustrar as expectativas dunha sociedade que pide cambios de verdade, primeiro na oferta das alternativas políticas e logo nos gobernos

De entrada xa te convido a unha festa, un lugar onde encontrarnos toda a xente que queremos labrar ese futuro en común, con música, debate, política, activismo, xantar e xogos para todas as idades. Temos a 1ª Romaría de Ames Novo o sábado 19 de xullo a partir da unha do mediodía no Parque do Ameneiral en Bertamiráns, unha boa oportunidade para divertirse, participar en interesantes actividades e atoparse con xente diversa nun lugar agradable. Estou convencida de que o futuro se gaña con esperanza e alegría.

Acerca de Pilar Candocia

Pilar Candocia, portavoz de Ames Novo