0 Gardados para despois

Manuel Monge

O misterio dos bocadillos

A operación Pokémon e a variante Pikachu está chea de misterios. A xuíza Pilar De Lara está a buscar desesperadamente a un tal Josman, cando todo o mundo sabe onde está. Outro dos misterios da investigación é quen pagou os bocadillos ou dietas dos interventores do PSOE na Coruña nas eleccións municipais de 2011. Coñecemos polo sumario a sorprendente historia dun partido que solicita interventores a unha empresa que ten varios contratos millonarios co concello da Coruña. Por se podo axudar en algo, esta é a miña experiencia como interventor durante máis de 35 anos.

Nas primeiras eleccións de 1977, despois da morte do ditador Franco, non había cartos nin persoas para case nada, tampouco para moitos interventores

Nas primeiras eleccións de 1977, despois da morte do ditador Franco, non había cartos nin persoas para case nada, tampouco para moitos interventores. A Canditatura dos Traballadores (era unha agrupación electoral porque o partido no que militaba, a ORT, non estaba aínda legalizado, como outros moitos) que eu encabeza pola circunscrición da Coruña, levaba no cartel electoral unha “fotomatón”, feita nunha máquina da rúa. Para o espazo electoral na TVE en Santiago case todas as candidaturas  levaban xa gravada a súa intervención e nós dimos un mitin en directo, que acompañamos coa interpretación a capela do himno electoral e da Internacional.

Despois, xa como Esquerda Galega ou PSG-EG as cousas melloraron moito en canto ao número de interventores. Na xornada electoral había que pagarse a viaxe e a alimentación. Por outra banda, aceptabamos disciplinadamente o destino sinalado para recoller as actas, que podía estar a 100 quilómetros: unha mesa electoral en Lires (Cee) ou en Tella (Ponteceso). Desde hai 20 anos, como interventor do BNG, isto é a gloria porque quedamos na localidade de residencia.

Segundo o sumario que instrúe a xuíza De Lara, o dirixente do PSOE da Coruña, José Nogueira solicitaba nunhas conversas telefónicas ao delegado da empresa Vendex unha axuda para incrementar o número de interventores do partido

No caso do BNG os interventores ou apoderados son militantes ou simpatizantes que, desinteresadamente, colaboran sen cobrar nada e pagándose os gastos do seu peto. Teño falado durante moitas xornadas electorais con interventores doutros partidos e algúns manifestaban que cobraban unha especie de dieta. Ademais, cando chegaba a hora do xantar, como todo o mundo sabe, aparecían unhas bolsas de comida para os interventores do PSOE e PP. O BNG, o mesmo que outros partidos, nunca repartiu esas bolsas e os interventores ou apoderados facían turnos para ir a comer a casa.

Segundo o sumario que instrúe a xuíza De Lara, o dirixente do PSOE da Coruña, José Nogueira (si, si, o mesmo que está imputado e continúa de concelleiro) solicitaba nunhas conversas telefónicas ao delegado da empresa Vendex unha axuda para incrementar o número de interventores do partido. Esta foi a celebrada o 10 de maio de 2011: “¿Nos puedes echar una mano dándonos los nombres de apoderados e interventores para el domingo 22”, preguntaba Nogueira. “Haré lo que pueda”, respondía José María Tutor, delegado de Vendex. Seis días despois desa conversa, hai outra: “Hay avisadas unas ocho o diez personas. A algunos despistados les busqué el camino”, comentaba Tutor. Nogueira explica que aos interventores do PSOE “les van a «ofrecer 20 euros para comprar un bocadillo o ir a comer casa y quedarse con los 20 euros”. E Tutor respondía: “Se les puede poner 40 o 50. ¡Qué más da! Si hace falta un empujón... no hay problema”.

A ver se dentro duns meses coñecemos xa o desenlace do misterio dos bocadillos e Tutor explica o que escribiu na súa axenda: “Colaboración con Pepe Nogueira. Empujón”. 

A verdade é que cada vez hai máis dificultades para cubrir todas as mesas electorais con apoderados ou interventores. Nisto tamén hai que dar exemplo. Sería unha boa noticia que os medios de comunicación deran este titular o día das próximas eleccións: “Deputados, senadores, concelleiros/as, directores xerais, dirixentes das organizacións políticas participan como interventores na xornada electoral”.

A ver se dentro duns meses coñecemos xa o desenlace do misterio dos bocadillos e Tutor explica o que escribiu na súa axenda: “Colaboración con Pepe Nogueira. Empujón”. Apareceu xa o tal Josman?

Acerca de Manuel Monge

Manuel Monge González é mestre e sociólogo. Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Promotor e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2011.