A verdade é antisemita

Nada hai comparable ao Holocausto. Tal creba histórica da humanidade non pode ter episodios semellantes. Non é posible, nin ética nin políticamente, a comparación. A barbarie nazi é inabarcable nese sentido, un momento histórico imposible de imitar que non dará lugar a ningunha clase de repetición. Porque a imitación faría vulgar aquel nó histórico que aínda hoxe, tantas décadas despois, segue causando o maior dos horrores e a máis profunda repugnancia. Banalizaríao, e ese sería un delito de memoria contra as vítimas. O terror nazi, na súa sublimación do espanto, non deixa lugar a que outros horrores ocupen o seu espazo. Coma se fose humanamente necesario que o horror se ateña a límites e se conforme con sobrevivir nun espazo finito.

Nada hai comparable ao Holocausto. Tal creba histórica da humanidade non pode ter episodios semellantes. Non é posible, nin ética nin políticamente, a comparación

Que aquel espanto sexa irrepetible, que non poida imitarse nin admita comparación, que aquela violencia extrema esixa individualización histórica, non nos deixa a salvo nin de novas e diversas expresións do fascismo, nin, por suposto, do horror. De feito, esa imposibilidade de repetición e de comparación non evitou outros episodios de inmensa violencia e horror, mais talvez ningún deles alcanza a dimensión orgánica e global do protagonizado polos nazis e polo fascismo. De aí esa necesidade de individualizalo, de apartalo, de mantelo sempre diferenciado. Irrepetible. Mais non único.

É difícil saber que foi o que especificamente aprendeu o Estado de Israel do sufrimento do pobo xudeu, e doutros grupos e comunidades culturais e políticas, e en que medida esas aprendizaxes as aplica contra o pobo palestino. Probablemente, a súa bagaxe criminal ten múltiples fontes, e por esa mesma razón non é descartable que o nazismo tivese a súa influencia. En calquera caso, a lembranza parece inevitable, aínda que non sería xusto cinxirnos a esa herdanza; non teñamos dúbida, nos plans e nos métodos de represión, opresión e exterminio do pobo palestino ha de haber moito de innovación.

A miseria humana á que é condenado o pobo palestino dura no tempo un período que tende ao infinito. Non se albisca saída. Non hai futuro, que é a peor das derrotas que se lle inflixe a unha comunidade de seres humanos

A miseria humana á que é condenado o pobo palestino dura no tempo un período que tende ao infinito. Non se albisca saída. Non hai futuro, que é a peor das derrotas que se lle inflixe a unha comunidade de seres humanos, a condición eterna do seu sufrimento, o camiño cego. Todo é presente, ou sexa, unha vida deshumanizada e confinada a un cárcere de dimensións arrepiantes, cuxos muros de contención crecen de xeito inversamente proporcional ao espazo vital que cercan. Creo que era Eduardo Galeano o que dicía estes días que xa case non queda nada de Palestina. E é certo. Tal constatación revela a profundidade descarnada do sufrimento palestino e da crueldade israelí. E converte a agresión, que non é guerra nin conflito, nun horror histórico irrepetible e imposible así mesmo de imitar. Non poderemos aceptar que a alguén se lle ocorra comparar o sufrimento dalgunha comunidade co do pobo palestino a mans de Israel. A vida cárcere, cuxa única saída é a morte. A súa singularidade está xa constituída, é un feito incontrovertible. Dan fe dela as casas derruídas, as oliveiras arrincadas, a terra devorada, Mahmud Darwish e os moitos milleiros de mulleres, homes e nenos asasinados coa parsimonia da máis inhumana das torturas.

O crime inherente ao Estado de Israel, o paradigma dun Estado terrorista, non admitirá nunca comparación. É único, irrepetible, só nos queda identificalo e marcalo, illalo

Nesas condicións, como non sucumbir á tentación de comparar. É o froito da indignación, porque é a propia indignación que nos produce o Holocausto a que nos subleva ante o crime sostido para o que aínda non demos atopado a denominación xusta. Mais a violencia permanente, o asasinato masivo, a limpeza total de todo vestixio comunitario, político, social, cultural posúe xa unha dimensión singular que a fai diferente ao Holocausto. Non é comparable. Non o imita, mesmo que en certos aspectos poida responder en parte a unha especie de reflexo condicionado pola memoria do horror. O crime inherente ao Estado de Israel, o paradigma dun Estado terrorista, non admitirá nunca comparación. É único, irrepetible, só nos queda identificalo e marcalo, illalo; nada poderá compararse con el. Como lle ocorre ao Holocausto, non admite banalización.

A resposta a toda crítica ao crime israelí é unha ridícula acusación de antisemitismo, caricatura absoluta. Supresión da política. Totalitarismo. Todo é antisemitismo

Sei que esta opinión, que non dista moito de todas as que fun manifestando nos últimos anos, será considerada proba de antisemitismo. A caricaturización é unha arma gorentosa coa que se suprime a política. A ocupación, a agresión, a violencia extrema e indiscriminada, o horror como sistema, precisan cancelar a política indefinidamente, executar unha modalidade permanente de Golpe de Estado contra a Humanidade. Por iso a resposta a toda crítica ao crime israelí é unha ridícula acusación de antisemitismo, caricatura absoluta. Supresión da política. Totalitarismo. Todo é antisemitismo. É antisemita a realidade do sufrimento, a propia existencia do pobo palestino, o aire que respira, o seu esvaecido territorio, a súa lingua, a súa auga, a súa cultura, a vida de cada individuo. Todo é antisemita. E a nosa indignación é tamén antisemita. Porque para os monstros, a verdadade é antisemita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.