0 Gardados para despois

Alberte Araúxo

“Va tacito e nascosto”

O proceso de privatización do sistema sanitario público galego é xa un feito e segue un plan

O proceso de privatización do sistema sanitario público galego é xa un feito e segue un plan. Os colectivos na defensa da sanidade pública (SOS Sanidade Pública e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública), así como os sindicatos maioritarios (nomeadamente CIG Saúde) levan tempo informando, explicando e denunciando -con datos obxectivos e verificabeis-, as decisións do goberno de Núñez Feixóo de ofrecer  ás empresas privadas o que é patrimonio de todos nós. A ninguén se lle escapa que o deseño desta privatización, xa en marcha, non nace da testa da Conselleira Rocío Mosquera e do seu equipo de “encargados” –nunca faltou un roto para un descosido, nin un corno para un atrevido-. As ideas son emprestadas. Eles son simples mandados entusiastas.

O plan de privatización do sistema sanitario público (SSP) afecta a todo o Estado Español, ben visíbel naquelas comunidades onde goberna a dereita neoliberal, chámese PP ou CiU -ca cobertura lexislativa que cómpra, dada polo goberno central de Rajoy-; e defíneno os grandes grupos económicos vencellados á industria farmacéutica, ás corporacións sanitarias privadas, ás de biotecnoloxía e ás aseguradoras, que actúan directamente sobre as administracións, ou mesmo por medio de grupos de presión. Nuns recentes artigos, Pablo Vaamonde dá datos e referencias sobre os lobbies que están a actuar en connivencia cos responsabeis políticos e con profesionais afíns para, baixo a tapadeira da eficiencia na xestión e sustentabilidade do Sistema, quedárense co anaco do pastel orzamentario sanitario (millóns de euros anuais). Pero hai máis. Como sinala ese autor, o eminente cambio nas relacións comerciais (futuro acordo EUA-UE, ca introdución de empresas norteamericanas), e no marco lexislativo e institucional comunitario da UE, unha vez acadada a privatización do SSP, a volta atrás podería ser case imposíbel, ou a un custe inasumíbel polas comunidades autónomas.

Cómpre indicar outro elemento neste proceso: a aprobación dunha taxa de reposición do persoal sanitario -limitadora do recambio de profesionais-, está a ser o elemento decisivo no debilitamento do SSP

Na Galiza levan tempo movendo ficha: privatización de servizos hospitalarios chamados pola Consellería como “non sanitarios”; privatización das unidades de esterilización; xestión e financiamento dos novos hospitais; cesión de recursos millonarios de investigación e investimentos en nova tecnoloxía a grupos privados; lexislación autonómica sobre tempos máximos de espera, que “obriga” á derivación a centros sanitarios privados. Ademais das novas formas organizativas anunciadas (o despece do SERGAS nas Áreas de Xestión Clínica), acompañada dos cambios lexislativos ad hoc que posibilitan a entrada de capitais privados. Mais cómpre indicar outro elemento neste proceso: a aprobación dunha taxa de reposición do persoal sanitario -limitadora do recambio de profesionais-, está a ser o elemento decisivo no debilitamento do SSP. Esta ten sido a peor agresión realizada polo PP contra a sanidade pública. Unha decisión estratéxica do goberno central encamiñada a anemizar o Sistema e, ao tempo, prepararlle o terreo ás empresas privadas: menos persoal, peor calidade asistencial, ergo, descrédito para o SSP; menos persoal estatutario, facilidade para a subcontratación. Precisaban “limpar” de persoal con dereitos os paneles de profesionais. Pero aínda máis. Esta medida está a colocar xa no mercado laboral man de obra especializada abondo, por riba da oferta de traballo, co que deixará nas mans das empresas privadas do sector sanitario a definición das condicións de contratación.

Resumindo: 1) Os grandes grupos económicos deciden que a prestación de servizos sanitarios debe estar no mercado e xerarlles plusvalías. 2) Os políticos de turno, do PP e mesmo tamén do PSOE, monicreques nas mans do capital transnacional e da clase corporativa, aceptan ese plantexamento de calado, ca venda ao saldo do SSP. 3) O contexto da crise permite publicitar a falacia da insustentabilidade e ineficiencia do Sistema, e acometer sen demora a súa privatización, creando un discurso único xustificador, sen contemplar as alternativas xurdidas dende diferentes entornos profesionais e sociais. 4) Os ritmos da privatización axéitanse ás diferentes realidades sociais: ás tolas e con premura nas Comunidades de Madrid e Valencia; con fachenda en Cataluña; e ás agachadas e aos poucos na Galiza. 5) Utilízanse “voceiros autorizados” (e interesados) do sector sanitario público para defender, senón directamente a privatización, si as medidas particulares que, indefectibelmente, levaran á mesma.

Privatizan, mais non o recoñecen. A Consellería defende pola mañá o SSP, e pola tarde véndeo por parcelas. É a estratexia da impostura, marca de identidade do presidente Núñez Feixóo

Privatizan, mais non o recoñecen. A Consellería defende pola mañá o SSP, e pola tarde véndeo por parcelas. É a estratexia da impostura, marca de identidade do presidente Núñez Feixóo: o “apagalumes” en camisa refucida, patalón de pinzas e zapatiños “castellanos”; o dos “poemas gallegos”; o convidado estelar da cadea de extrema dereita “Intereconomía”; o amiguiño de nevaradas de Marcial Dorado; o que cita a Castelao sen pestanexar, mentras dinamita por decreto o galego. Todo isto é aínda máis perverso canto que o PPdG acudiu ás elecións autonómicas do 2012 sen un programa que defendera a privatización sanitaria. Non foron explícitos en que seguirían as directrices dos grandes grupos económicos da sanidade privada, nin que poñerían nas súas mans -e para o seu beneficio-, a explotación do coidado da nosa saúde. Nin agora, cunha continua xestión privatizadora, son quen de recoñecelo.

Dende o Movemento Galego da Saúde Mental tamén estamos a advertir da perda de recursos, dos riscos da privatización, e da actitude neglixente dos responsabeis sanitarios da Consellería de Sanidade. Recentemente vimos de denunciar o flirteo de altos cargos da administración sanitaria –encabezados pola propia Rocío Mosquera - cos lobbies de privatización, nun encontro ilícito máis propio de moblet, que de alcoba cristiá –da que seguro devecen-.

Neste contexto bótase en falla máis inciativa da oposición política ao PP, máis firmeza e unidade contra a privatización, máis liderado, seguindo a traza dos movementos sociais e dos sindicatos

Neste contexto bótase en falla máis inciativa da oposición política ao PP, máis firmeza e unidade contra a privatización, máis liderado, seguindo a traza dos movementos sociais e dos sindicatos. Ou actúase con dilixencia, rigor, fortaleza e unidade, ou o proceso será irreversíbel. Parar a privatización da sanidade pública debe ser un dos obxectivos principais da acción política. É un dos piares do noso precario estado de benestar. Serán as clases populares, as máis desherdadas e empobrecidas, quen sufran as peores consecuencias da privatización do SSP. Mais todos nós, de non frear a estos bárbaros, seremos corresponsabeis de legar aos que veñan unha sociedade máis inxusta, insolidaria e desigual.

Acerca de Alberte Araúxo

Alberte Araúxo é psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e profesor asociado de Ciencias da Saúde da USC. Membro da Coordenadora Nacional do Movemento Galego da Saúde Mental.