O test do nacionalismo galego

Habitualmente, o Día da Patria é un test que serve para coñecer o estado no que se atopa o nacionalismo galego. Permite visualizar as propostas que formula a respecto dos problemas que ten o País e a capacidade mobilizadora que é capaz de concitar arredor das mesmas.

O Día da Patria permite visualizar as propostas que formula a respecto dos problemas que ten o País e a capacidade mobilizadora que é capaz de concitar arredor das mesmas

Nesta ocasión, o contexto económico, social e político resulta moi singular. A persistencia dunha crise que provoca graves impactos na maioría da poboación e a repetición de importantes casos de corrupción alimenta unha notábel desconfianza social na elite política, nomeadamente nos gobernos de Madrid e de Santiago. Ademais, dende novembro de 2011, Mariano Rajoy demostrou que está disposto a utilizar o shock da crise para recentralizar o Estado e fixar unhas novas regras nas relacións entre os poderes territoriais mentres Feijoo asume como propio semellante discurso e renuncia a calquera obxectivo que supoña afirmar unha personalidade diferenciada fronte ás directrices da rúa Génova.

Os recentes comicios europeos permitiron constatar a existencia dun número importante de persoas que desexan protestar nas urnas contra o modelo económico e político vixente mediante o apoio a aquelas opcións menos vinculadas ás siglas preexistentes e mais proclives a fórmulas de encontro entre sectores procedentes de anteriores afinidades políticas.

Neste contexto, o nacionalismo galego vive instalado na situación derivada da división oficializada a partir da Asemblea de Amio. Nestes dous anos e medio transcorridos non se confirmaron as principais expectativas sinaladas por uns e por outros naquel momento. O BNG padeceu unha notábel perda de credibilidade que o desprazou do terceiro posto que ocupaba no “ranking” das preferencias dos votantes. CxG non foi quen de construír un espazo de influencia social que asegure a viabilidade da súa existencia. ANOVA conseguiu, certamente, un éxito inesperado grazas á materialización da fórmula AGE pero está pagando unha peaxe interna que non se compadece co proclamado consenso a respecto do proxecto renovador postulado no verán do ano 2012.

O arquipélago no que cristalizou o nacionalismo galego con presenza institucional exhibe unha preocupante impotencia para converxer nunha celebración unitaria neste 25 de xullo. Resulta imposíbel atopar denominadores comúns suficientes para sustentar unha mobilización conxunta cando existe unha evidente demanda de unidade e cooperación entre os sectores mais críticos da sociedade?

Para a refundación do nacionalismo deberán rexistrarse tres condicións relevantes: o establecemento dun mínimo acordo programático, a disolución das organizacións existentes e a configuración de equipas dirixentes totalmente renovadas

O Día da Patria podía ser unha oportunidade para demostrar que hai –entre todos os segmentos do nacionalismo- unha vontade medianamente consistente para reconstruír a unidade perdida. Sería inxenuo descoñecer que hoxe por hoxe tal circunstancia non se dá. Para que, no futuro, a refundación do nacionalismo galego pase das invocacións retóricas ao plano dos propósitos prácticos deberán rexistrarse, polo menos, tres condicións relevantes: o establecemento dun mínimo acordo programático, a disolución das organizacións existentes e a configuración de equipas dirixentes totalmente renovadas.

Para acadar a primeira condición hai unha abondosa literatura elaborada durante os últimos vinte anos que pode ser actualizada tomando como referencia a evolución constatada no corpo social galego. Para que o demais –eliminación de siglas e promoción de persoas pouco contaminadas polas liortas do pasado- sexa realizábel é preciso practicar a xenerosidade que estivo presente nas mellores tradicións do movemento galeguista do século XX.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.