O CIS como panfleto propagandístico

O pasado día sete de xullo, o Centro de Investigacións Sociolóxicas publicou o barómetro Postelectoral de Eleccións ao Parlamento Europeo 2014, que foi sometido a multitude de análises catastrofistas. Como puidemos comprobar dende o pasado día 25 de maio, o Partido Popular pretendeu demonizar a nova formación política de Pablo Iglesias -Podemos- e, baseándose na estratexia do medo, debuxouse un panorama de quebra do sistema. O Partido Popular é unha organización especialista en retorcer os datos ata a súa total distorsión, e sabe que no medo á ruptura do status quo iniciado no 78 pode atopar o freo á súa caída electoral.

O Partido Popular é unha organización especialista en retorcer os datos ata a súa total distorsión, e sabe que no medo á ruptura do status quo iniciado no 78 pode atopar o freo á súa caída electoral

Pero máis alá da análise do medo, tamén apareceron outras conclusións interesadas dende a chamada Nova Esquerda, que buscan colocar a mensaxe de enfermo terminal do PSOE para quedar co seu espazo electoral. Estas novas análises, apoiadas por certos medios de comunicación, céntranse na intención de voto exclusivamente para sacar fotos estáticas do Partido Socialista, dirimindo a súa desaparición por implosión da súa base.

Tamén apareceron outras conclusións interesadas dende a chamada Nova Esquerda, que buscan colocar a mensaxe de enfermo terminal do PSOE para quedar co seu espazo electoral

Non obstante, tratando de facer unha análise máis rigorosa, non todo é malo para o Partido Socialista, a pesar de que segue instalado nunha crise electoral dende novembro de 2012. Segundo a pregunta 43 do CIS, que interpela aos consultados (2.464) segundo a súa posición nunha escala ideolóxica, onde cero é a extrema esquerda e dez a extrema dereita, os entrevistados sitúanse no número 5 (19.0%), 3 (16.2%), 4 (14.8%) e 6 (8.4%). É dicir, a suma das posicións ideolóxicas 3 e 4 alcanza o 30% dos entrevistados, que á súa vez, sitúan o PSOE, maioritariamente, nos puntos 3 e 4 desa mesma escala ideolóxica (36.4%).

O PSOE é recoñecido como o partido máis afín á ideoloxía do electorado

Polo tanto, a unha sociedade cunha sensibilidade maioritariamente de esquerdas, onde o centro se converteu nun lugar desituado, presuntamente desideoloxizar a raíz do noso convulso pasado, o PSOE é recoñecido como o partido máis afín á ideoloxía do electorado.

Tamén, as primarias no Partido Socialista teñen que servir para rearmar a organización na esquerda, por ser a posición ideolóxica dende a que se alcanzaron os triunfos electorais, como por ser o caladoiro de votos do PSOE na actualidade. A pregunta 30 do barómetro do CIS demostra que a maioría dos votantes con dúbidas sobre se depositar o voto no PSOE ou noutra organización, dubidaron entre os socialistas e outros partidos de esquerdas. Só o 5.6% dos entrevistados dubidou no seu voto entre PP e PSOE, mentres que o 11% dubidou entre o PSOE e Podemos ou Esquerda Unida. A este dato, súmaselle a cantidade de persoas que optaron pola abstención, que se tivesen decidido votar, se tivesen decantado maioritariamente polo Partido Socialista (19%).

O Partido Socialista segue tendo un espazo claro dentro do sistema electoral español. Para recuperalo parece claro que ten que optar por unha ideoloxización das súas accións e discursos

En definitiva, máis alá de conxunturas temporais, de procesos de renovación interna e asunción de liderados, o Partido Socialista segue tendo un espazo claro dentro do sistema electoral español. Para recuperalo parece claro que ten que optar por unha ideoloxización das súas accións e discursos. O que queda corroborado tras a enquisa do CIS é que o Partido Socialista non é unha forza residual, como nos quixeron vender as análises máis catastrofistas, lanzadas dende os aparatos de propaganda tanto da dereita, co seu discurso do medo; como dende a Nova Esquerda, coa súa minusvaloración da capacidade de propoñer alternativas do Partido Socialista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.