O alento de Asís

Coa escusa dos 800 anos da camiñata de Francisco de Asís a Compostela púxose en marcha un ano franciscano na tentativa de acurtar o longo período de anos xubilares compostelás. Dentro das actividades desta conmemoración, de dubidosa veracidade histórica, desenvólvese en Compostela unha exposición, ubicada en varios espazos patrimoniais, ningún deles vinculado á Orde mendicante de Francisco de Asís nin á lenda franciscana de Cotolay no Monte Pedroso.

O título desta exposición xa é ben curioso: On the road. Semella que –“No Camiño”- non ten sonoridade nin recoñecemento internacional, por iso hai que recorrer ao inglés. Esta reflexión escrita non vai analizar o contido nin a calidade artística da mesma. Este aspecto xa o trataron especialistas en varias publicacións internacionais. Só unha cidadá que está ao día nas súas obrigas fiscais quere facer unha reflexión sobre o custe, en diñeiro público, desta exposición.

O custe aproximado da exposición, segregado en diferentes contratos para así dificultar o coñecemento pola cidadanía do gasto total, situase en torno aos 2 millóns de euros

Primeiro. Un dos edificios utilizados para este evento, o Pazo de Xelmirez, na Praza do Obradoiro, consumiu arredor de 600.000 euros na súa rehabilitación. Para poder facer a exposición, este edificio rehabilitado foi panelado e está sen luz na parte máis singular e importante, o Refectorio, de tal xeito que é imposíbel admirar e gozar da súa rehabilitación.

Segundo. O custe aproximado da exposición, segregado en diferentes contratos para así dificultar o coñecemento pola cidadanía do gasto total, situase en torno aos 2 millóns de euros, cifra evidentemente aportada desde o erario público, cheo neste momento de recortes en prestacións tan básicas como educación, saúde, benestar social… Seguro que Francisco de Asís, no seu ideario mendicante de proximidade á pobreza, partillaría un investimento nas persoas e no seu benestar.

Terceiro. Na parte da obra exposta que se atopa no Pazo de Xelmirez e na primeira sala téntase reflectir a idea de pobreza que Francisco de Asís predicou e practicou a través do seu ideario. Cal é a solución artística a este compromiso?: un muro de pedra da sala recuberto de pan de ouro.

Cuarto. A Asociación de Industrias Gráficas, ubicada en Santiago, que reúne a varias empresas de probada calidade no seu traballo, non tivo ningunha oportunidade para poder colaborar nesta exposición, mediante a edición dos catálogos en varios idiomas, facendo así que unha parte do diñeiro público galego, xerara emprego na Galiza. Por imposición do comisariado, estes catálogos tiveron que facerse fóra.

Quizáis a fermosa escultura que preside a entrada ao conxunto patrimonial franciscano feita por Francisco Asorey, no seu día con recursos limitados, represente moito mellor o ideario de Asís que a modernísima On the road

Podería seguir reflexionando e comparando o ideario franciscano de pobreza, defensa da Natureza e confrontación co poder establecido, simbolizado no papado de Roma, que no seu día Francisco de Asís desenvolveu fundando a orde mendicante dos franciscanos co insulto á cidadanía e despilfarro de diñeiro público que esta exposición supón, moi especialmente neste momento en que, coa desculpa da crise, se lle nega a calquera actividade cultural de base até o alento para poder respirar. Quizáis a fermosa escultura que preside a entrada ao conxunto patrimonial franciscano feita por Francisco Asorey, no seu día con recursos limitados, represente moito mellor o ideario de Asís que a modernísima On the road, exemplo de mal uso do diñeiro público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.