Concellos na encrucillada (hoxe e onte)

Se realizasemos un estudo dende o 2008 de novas sobre a crise do capitalismo “realmente existente”, parece que chegou relativamente tarde as entidades locais. Fai escasamente dous anos os concellos galegos, especialmente os máis grandes, seguían elevando o gasto en base ao crédito, aumentos de impostos directos ou mesmo co endebedamento con provedores e outras administracións. Parecía que a crise que lastraba a economía macro e micro non afectaba no eido local.

Dous anos despois os mesmos medios plasman debates sobre a necesidade de modificar o sistema tributario para financiar ás arcas municipais ou mesmo fálase abertamente de unificación de concellos e supresión das deputacións. O mesmo goberno, en decembro, tivo que artellar unha serie de medidas de urxencia para refinanciar concellos, basicamente mediante os incrementos do IBI ate o 10% para 2012 e 2013. Derivado disto concellos que tiñan preparados os seus orzamentos para 2012, anularon esa proposta á expensas do que aconteza en marzo cos orzamentos do estado español.

Cuestionarse hoxe en día a viabilidade de 316 concellos nunha Galicia en despoboación é imprescindible;  pero quizais tíñamos que ter andado moito nestes anos para artellar un verdadeiro municipalismo, entendendo municipalismo como a defensa prioritaria dos concellos no entramado institucional do que estamos dotados.

A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) somentes tivo ao longo da súa historia a necesidade de realizar unha asemblea extraordinaria, feita na cidade da Coruña en 1993. Nesa asemblea puxéronse de manifesto os verdadeiros problemas das entidades locais; as grandes esquencidas no desenvolvemento institucional do post-franquismo. Na Asemblea plasmáronse dúas ideas forza: a primeira que os concellos participaban de xeito exiguo nos ingresos do estado, os chamados PIE. Apenas un 11% do que recadaban as administracións correspondía as xanelas municipais fronte ao 25% de media da UE. A segunda e que os concellos, como institucións máis achegadas á cidadanía, asumían “pola vía dos feitos ou pola presión social” atribucións de servizos que competencialmente eran responsabilidade dos gobernos central, autonómico e deputacións provinciais. Os propios estudios da FEMP indicaban a estes “gastos impropios” como os destinatarios do 40% do gasto municipal.

Por outro lado, a FEMP denunciaba a baixa contribución das outras administracións ao financiamento local (as chamadas transferencias correntes) con respecto ao resto de Europa , xa que na UE aportabase o 44 % do total do orzamento fronte ao 35% no estado español, o que visualizaba que os recursos propios municipais superaban o 50 % dos ingresos, mentres que na media europea movíase na contorna do 35,8%.

Case 20 anos despois a situación de “inanición” da descentralización cara os municipios é practicamente semellante. A caída de ingresos directamente relacionada coa contracción do consumo (IVE esencialmente) e a actividade económica (ICIO, IAE…) fan dos concellos entidades en déficit permanente e en ocasións ao borde da quebra orzamentaria. Garantir á súa viabilidade non é cuestión de garantir somentes soldos de persoal público e institucional ou de manter servizos públicos básicos como a auga, o saneamento ou o alumeado; é garantir centos de servizos que inxustamente teñen que levar adiante os concellos aínda que non recaden ou reciban recursos para afrontalos.

Efectivamente agora temos a peor crise capitalista metida nas casas consistoriais, a crise de consumo. Tamén temos unha crise institucional que blinda os mandatos do neoliberalismo de “déficit 0” no desenvolvemento lexislativo e polo tanto no gasto público municipal. Crises que fan difícil unha saída “positiva” ao demandado pola FEMP fai case 20 anos.

Pero tiñamos e temos hoxe un armazón local enfermo, incapaz de redefinir os seus espazos, as veces usurpados por institucións inútiles e “vampiricas” como as deputacións.

Tiñamos e temos unha cultura enfermiza do gasto en obra pública ornamental, humanizacións e mobiliario urbano “fashion”. Unha política de forte impacto electoral pero escaso soporte para a creación de emprego estable e que fixo dos concellos entidades dependentes do efecto “inauguración-autobombo” de tal xeito que un concello hoxe pode ser tildado de “inútil” pese a ter as súas contas perfectamente saneadas, ós seus provedores ao pago, desenvolver centos de programas sociais

En definitiva o que tíñamos e temos é un abandono absoluto do chamado “Pacto Local”, acordo institucional que dicían todas as forzas políticas presentes na asemblea da FEMP que tiña que ser o marco no que desenvolver as políticas máis anovadoras e necesarias: servizos sociais, pleno emprego e democracia particípate.

Quizais abordando este Pacto Local cheguemos a solucións efectivas. Pero como todo pacto, cómpre de vontade política para afrontalo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.