O fracaso da ONU no mundo actual

Nos últimos tempos estame a invadir unha anguria permanente ó ler ou escoitar novas sobre os diversos conflitos internacionais que sacoden ó mundo:

  • os rusos reivindican partes de Ucraína que consideran historicamente súas e por iso arman ós rebeldes en contra do goberno de Kiev, causando un número de vítimas que vai en ascenso, incluído o derrubamento dun avión de pasaxeiros polo que aínda non se esixiron responsabilidades.
  • os israelíes, aducindo razóns de seguridade, invaden a Faixa de Gaza con todo o seu poderío militar e arrasan barrios enteiros, matando a centos de civís inocentes sen reparar en mulleres ou nenos
  • en Iraq os radicais islamitas (yihadistas do EIIL) están tentando instaurar un califato islámico no Norte do país, en conexión con Siria, e para iso non dubidan en cometer as maiores atrocidades contra a poboación local
  • na citada Siria dende hai 3 anos un conflito de carácter civil entre o ditador Bashar Al Asad e unha oposición moi diversa e fragmentada lévase cobrado milleiros de vítimas e desprazado a varios millóns de persoas fuxindo da guerra
  • o virus denominado “Ébola” xa levou por diante a máis de 1.000 persoas en varios países de África (Liberia, Nixeria, Ghana…).

Tanto estes conflitos coma outros menos mediáticos non están contando coa suficiente (por non dicir ningunha) implicación da Comunidade internacional, nomeadamente a da ONU, que semella mirar para outro lado cando tanta xente os necesita con urxencia.  E isto prodúceme frustración, pois eu medrei contra ó final da Guerra Fría, cando parecía que a posición das Nacións Unidas debería ser a de árbitro do mundo á que acudir en caso de conflito, coma se fora un súper- heroe que loitara contra os “malos”. Desgraciadamente ese papel poucas veces o ten desempeñado cando era necesario, ata o punto de non facer nada por evitar guerras tan atroces como a de Ruanda, as dos Balcáns, as do eterno conflito árabe-israelí ou no avance dos radicais islamitas por todo o Norte de África, Oriente Próximo e Sur de Asia.

A ONU debe ser reformada nun dobre sentido: eliminando a Comisión Permanente na que se sentan os 5 países citados (e por tanto os seus dereitos de  veto) e dándolle máis poder á Asemblea Xeral, onde están representados tódolos países

Quizais a causa desa certa inacción da ONU haxa que buscala no momento da súa creación, alá polo 1945, trala II Guerra Mundial. En teoría naceu co obxectivo de evitarlle ó mundo un sufrimento tan terrible coma o padecido nos anos anteriores. Pero a súa estrutura naceu viciada en orixe, ó concederlles ós países vencedores da Guerra a capacidade de veto das resolucións do organismo, co cal a ONU nunca ía poder actuar contra os intereses particulares dalgún deses 5 estados con dita capacidade de veto: os EEUU, a URSS / Rusia, China, Reino Unido e Francia. Por iso o papel da ONU como resolvedor de conflitos redúcese a aqueles casos nos que conflúan os intereses das potencias con dereito de veto, deixando o resto en simples declaracións de intencións ou en abortadas condenas sen ningún efecto práctico.

Na miña opinión a ONU debe ser reformada nun dobre sentido: eliminando a Comisión Permanente na que se sentan os 5 países citados (e por tanto os seus dereitos de  veto) e dándolle máis poder á Asemblea Xeral, onde están representados tódolos países, tomando decisións por maioría cualificada. Deste xeito daríase o paso de recoñecer implicitamente que estamos nunha nova Orde mundial, con moitos máis actores globais e onde as actuacións da Comunidade internacional sexan decididas por todos, non só por unhas poucas potencias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.