A indiferencia non salva vidas

Estamos a vivir un verán que probablemente será traxicamente lembrado por acadar un número horripilante de mortes por violencia de xénero. Raro é o dia que non espertamos coa nova dun novo asasinato, cando non de mais dun. Qué está a suceder?.

Eu, como muller, como vítima que fun nun momento da miña vida, sinto dor, moita dor, e non podo por menos que constatar, por muito que me custe recoñecelo, que as cousas non soamente non melloraron, senón que van a peor. Cada vez que os medios de comunicación se fan eco dun novo asasinato (porque esas mulleres non morreron....foron asasinadas), a nova ven acompañada de “aclaracións” como “non constaban denuncias previas”, “nada facía presaxiar que isto pasaría”, “era un home moi cordial” ou “parecian unha parella normal”. Mesmo hai unhas poucas semanas se dicía dun destes verdugos, no colmo xa do despropósito: “Era un home de misa cada domingo”.

Ante estes comentarios eu non podo por menos que preguntame se están a rir de nós. Acaso creen que o potencial asasino transita pola vida con cara de poucos amigos e unha pancarta na que anuncie as suas macabras intencións?. Cando imos ser quen de prestarlle atención a eses avisos que ás veces non sabemos ou non queremos interpretar? Esa amiga que perdeu o sorriso dende que está coa sua parella. Esa irmá á que apenas podemos xa ver porque o seu “amor” acapara todo o seu tempo e está a illala do todo o seu entorno. Esa compañeira de traballo que está constantemente colgada do teléfono porque o seu mozo quere saber que fai a cada momento. Ou esa veciña que malia escoitala chorar mentras o seu home berra case cada noite sae pola mañá da súa man sen atreverse apenas a saudarnos... En moitas ocasións si “se pode presaxiar” o que vai ocorrer, pero é moito máis sinxelo mirar a outro lado e seguir o noso camiño, non vaia ser que se tratamos de intervir nos vaiamos meter en problemas!.

En moitas ocasións si “se pode presaxiar” o que vai ocorrer, pero é moito máis sinxelo mirar a outro lado

Por outra banda, atopámonos coas institucións competentes nestes temas. Moitas mulleres non denuncian, é certo, pero outra moitas si o fan e cando, facendo acopio dun gran valor, toman a decisión, danse de bruces coa crúa realidade e escoitan respostas como : “Eso son cousas de parella”, “eso faino porque está moi namorado de ti” ou “bueno muller, o único que pasa e que é un pouco ciumento”. Credes que esaxero? Podo asegurarvos que non. Como tamén vos podo asegurar que moitas de elas, agardando por esas axudas que por mor dos recortes nunca chegan, acaban por resignarse a permaecer de por vida nun cárcere de terror porque non teñen outro xeito de darlles de comer aos seus fillos, e xa só lles queda pregar por que un golpe mal dado non sexa o derradeiro, o definitivo, e remate dunha vez coa súa vida.

Os nosos dirixentes políticos condenan, rexeitan o crime e volven aos seus despachos

Os nosos dirixentes políticos, cada vez que a violencia machista se cobra unha nova vítima condean, rexeitan o crime, manifestan repulsa.... E despois volven aos seus despachos, ás súas confortables e correctas rutinas nas que non se coñece o que é convivir co terror, co pánico máis absoluto, sen ofrecer solucións de verdade, efectivas, para rematar con esta barbarie... E así non se salvan vidas .

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.