'iCloud que estás en los cielos'

Á Virxe da parroquia pontevedresa de Conforto suplantáronlle a identidade. Días atrás, o cura, sen permiso do rebaño, levouna a “reparar” e a Virxe, coma quen sobrevive a un mal lifting, a un curso de restauración dunha asociación de amas de casa, volveu sen a súa identidade. Era unha Santa en formato editable. “Non é a mesma –dixo un home bravo de sesentaetantos-, seino eu que xa me bautizaron aquí”. E unha señora, serena, díxolle á reporteira de Telecinco o peor que pode escoitar un iconoclasta de base: “Eu antes cría, cambiaron á Virxe e xa non creo”. Pancartas revolucionarias de “Cura dimisión” e revolución nun torreiro que, en plena sesión vermú, podería ser bendecido por Juan Carlos Monedero. “Círculo de Conforto”. Os veciños castigaron á Virxe, que culpa terá ela, roubáronlle a personalidade, quebrantaron a súa intimidade coma se fose unha estrela de cine subindo selfies sexis á nube. iCloud que estás en los cielos.

Que democrático sería todo se os hackers fosen en verdade solidarios. Por exemplo, un selfie de Scarlett Johansson en pelotas aireado ao mesmo tempo que o documento da reforma electoral que ten pensado aprobar o PP. Logo xa que cada depravado se masturbe co que prefira.

A nube é un vertedoiro ilusionante e os hackers, que son os únicos que manteñen vivo o deporte elegante do voyeurismo, atopan aí intimidades gorentosas. Xa sabemos que as fotos porno das celebrities venden, pero nesa nube ten que haber máis cousas que unha ristra de tangas. Cousas menos individuais, arquivos que ataquen á identidade do conxunto e que terían que ser roubados para saír á luz antes de que sexa demasiado tarde. Non sei: enquisas do CIS en mal estado, epístolas de amor entre ministros e funcionarios a dedo, receitas en B, documentos de produtos bancarios a Arial 12, a lista da compra do señor deputado e o teléfono de contacto da meiga de Pujol, que veu aquí a curarse o tic da transición e saiu coa alma negra. Non estaría mal poder descubrir o cinismo dos programas electorais antes de que non se fagan efectivos. Como aquel de Feijoo de 2009 no que prometía impedir reformas electorais sen consenso. Nunca a maioría absoluta será tan práctica como a señora serena de Conforto: “Eu antes cría, Feijoo cambiou o programa electoral e xa non creo”. Pero non, todos ao inferno.

Que democrático sería todo se os hackers fosen en verdade solidarios. Por exemplo, un selfie de Scarlett Johansson en pelotas aireado ao mesmo tempo que o documento da reforma electoral que ten pensado aprobar o PP. Logo xa que cada depravado se masturbe co que prefira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.