0 Gardados para despois

Pablo Vaamonde

A indolencia dos traballadores

O exceso de seguridade e protección social dos traballadores alimenta a preguiza. A indolencia prexudica o traballo e a produción. Por tanto, cómpre reducir as axudas públicas ao mínimo para que o traballador se empregue a fondo no seu labor. Esta ideas están profundamente incrustadas no ideario da dereita dominante. Elaborounas Milton Friedman e a súa escola de Chicago. Defenden o protagonismo do mercado: o Estado debe retirar as súas mans da economía, reducir o gasto público e deixar campo aberto á iniciativa privada. Esta visión supón tamén a restricción das políticas sociais e da actuación do Estado como provedor de servizos de benestar.

Charles Murray afirmou directamente que os pobres chegan a esa condición, e non saen dela, debido ás prestacións sociais dirixidas a rescatalos: as axudas, segundo este doutrinario ultraliberal, actuarían anulando o esforzo e a iniciativa persoal, polo que favorecen a cronificación do problema en lugar de resolvelo. Esta doutrina foi aplicada nos seus países por Thatcher e Reagan, co apoio dos poderosos lobbys financeiros.

O precariado: nómades urbanos que non comparten unha identidade polo tipo de ocupación pero si catro características: a ira, a anomia, a ansiedade e a alienación

En Gran Bretaña estas políticas produciron efectos moi negativos no campo social, ao provocar o crecemento do paro, un grande aumento das desigualdades e un crecente fenómeno de marxinación nos suburbios urbanos. Para describir a situación de desamparo en que se encontra un amplo sector da poboación o sociólogo británico Guy Standing desenvolveu o concepto de precariado: millóns de persoas en todo o mundo que carecen de todo ancoraxe de estabilidade; nómades urbanos que non comparten unha identidade polo tipo de ocupación pero si catro características: a ira, a anomia, a ansiedade e a alienación. A caída no desemprego e a economía somerxida forman parte da vida do precariado.

“O mito dunha sociedade sen clases quedou en evidencia. EEUU sobresae como o lugar en que a condición económica e social ten máis probabilidades de ser herdada”

Nos EEUU, segundo o premio Nobel Paul Krugman “o mito dunha sociedade sen clases quedou en evidencia. EEUU sobresae como o lugar en que a condición económica e social ten máis probabilidades de ser herdada”, e engade que o salario dos traballadores con baixo nivel de estudos caeu un 23 % desde 1973. Se en 1980 o 65 % dos traballadores do sector privado tiñan seguro médico, en 2009 a porcentaxe baixou ao 29 %. De modo que hoxe os EEUU é unha sociedade en que as persoas con poucos estudos teñen grandes dificultades para encontrar un emprego cun soldo decente e boas prestacións.

Mais iso da igual. O goberno do PP, a pesar da deterioración da cohesión social provocado pola actual crise económica, aplica o mesmo ideario ultraliberal, actualizado na factoría de FAES. Entende que o medo ao despedimento incentiva o esforzo. Na memoria da Reforma Laboral remitida ao Congreso di textualmente que “al ser muy reducido el riesgo de despido, se desincentiva el esfuerzo y se genera una excesiva resistencia a la adaptación a nuevas necesidades”.

A perda dos actuais dereitos laborais creará unha sociedade máis inxusta e desigual. Os nosos fillos herdarán un mundo peor que o que hoxe temos

De seguir adiante co seu proxecto, a perda dos actuais dereitos laborais creará unha sociedade máis inxusta e desigual. Os nosos fillos herdarán un mundo peor que o que hoxe temos, con grandes dificultades para levar unha vida digna co froito do seu traballo. Os ricos serán máis ricos, pero a gran maioría da poboación verá como o sistema de protección social, que tardamos décadas en construír, será desmontado peza a peza como un castelo de naipes.

Acerca de Pablo Vaamonde

Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005). Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña (1998-2005). Foi Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005 polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia. Coordenador xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA),  que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario.