De como mesturar churras con merinas: Resposta a Ence

Teño que recoñecer que aínda que esperábel, a resposta de ENCE á denuncia da existencia dunha trama político-familiar entre o complexo ENCE-ELNOSA e a Xunta de Galicia non deixa de sorprender. En efecto, ENCE –que recoñece abertamente a existencia das relacións familiares entre representantes destas dúas empresas e a actual Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia que vimos de destapar- atribúe a decisión da APDR de denunciar esta trama a unha suposta perda de apoio social da asociación que presido.

APDR denuncia a situación no momento no que ten probas da existencia destas relacións e da participación de Mª José Echevarría Moreno na tramitación de distintos asuntos relacionados con ENCE e ELNOSA

Desde o meu estupor –e deixando de lado que sexa certa ou non esa baixada de apoio social que só observa ENCE- pregúntome que ten que ver unha cousa con outra; APDR denuncia a situación no momento no que ten probas da existencia destas relacións e da participación de Mª José Echevarría Moreno na tramitación de distintos asuntos relacionados con ENCE e ELNOSA, entre outros algúns relacionados coa tramitación das respectivas Autorizacións Ambientais Integradas (AAI) e das súas renovacións, ben cando ocupaba o posto de Subdirectora Xeral de Calidade Ambiental, ben desde o seu actual posto. E demostrámolo con documentos asinados por ela. Non deixa de ser significativo, e debemos telo en conta, que quen a nomeou en 2002, o entón Conselleiro de Medio Ambiente Carlos del Álamo, sexa membro do Consello de Administración da empresa dende o ano seguinte á concesión da AAI.

Todo indica que para ENCE é normal que a Sra. Echevarría tramite desde a Xunta solicitudes cursadas polo seu marido como subdirector ou director de ENCE ou pola súa irmán

Pero para ENCE esta situación –que admite se ven producindo desde hai 19 anos-  non supón ningún problema nin ningunha irregularidade. Todo indica que para ENCE é normal que a Sra. Echevarría tramite desde a Xunta solicitudes cursadas polo seu marido como subdirector ou director de ENCE ou pola súa irmán como representante de ELNOSA. E mesmo atrévese a acusarnos de machismo por denunciar esta situación, unha acusación certamente desafortunada. Esquece, iso si, que a Subdirección que ocupa a Sra. Echevarría ten –entre outras- as funcións de tramitación de expedientes sancionadores por infraccións ambientais ou a inspección ambiental, aspectos todos eles moi relacionados coa actividade das dúas empresas que nos ocupan.

Para nós, non é casual que se teñan concedido e renovado as AAI a ENCE e ELNOSA de forma irregular e mesmo ilegal

Para nós, non é casual que se teñan concedido e renovado as AAI a ENCE e ELNOSA de forma irregular e mesmo ilegal, como non o é tampouco que a pesar das múltiples denuncias por vertidos ilegais ou por incumprimento da lexislación ambiental, non se teña aberto nunca ningún expediente sancionador contra as citadas empresas. Por poñer un exemplo, a Xunta de Galicia sabe que ENCE está a utilizar as balsas de emerxencia para diluír a contaminación dos seus vertidos, unha práctica ilegal que debe implicar a apertura dun expediente sancionador; para cando a apertura deste expediente? Cando imos ver a sanción aos responsábeis? Moito nos tememos que nunca, e mesmo que este goberno, con evidentes intereses familiares no complexo ENCE-ELNOSA, será quen de tramitar a prórroga da súa actividade industrial contaminante e ilegal no seu actual emprazamento.

Esiximos o cese inmediato da Sra. Echevarría e que se depuren as responsabilidades pertinentes

O constante desprezo pola legalidade da Xunta xa non sorprende a ninguén. Non dubidamos  da  capacidade técnica da Sra. Echevarría Moreno e da súa longa traxectoria na administración en postos de alto nivel.  Entendemos, polo tanto, que ela mesma estará de acordo con nós en que está a vulnerar a legalidade ao intervir no trámite de expedientes nos que son parte interesada ENCE-ELNOSA. Pensamos que non lle temos que recordar algo tan básico como a Lei de réxime xurídico das Administracións Públicas que no seu artigo 28 determina a abstención de participar nos procedementos  nos que se dean determinados  supostos, supostos que concorren de cheo no caso da Sra. Echevarría.  Lembrarlle tamén que a propia lei determina que a non  abstención nas circunstancias que contempla a norma dará lugar ás responsabilidades pertinentes.  A actuación reiterada por parte da Sra. Echevarría nos expedientes nos que ENCE-ELNOSA é parte interesada contradí o tan cacarexado “respecto pola legalidade dos procedementos” por parte da Xunta de Galicia, polo que esiximos o cese inmediato da Sra. Echevarría e que se depuren as responsabilidades pertinentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.