Galiza diante da encrucillada soberanista

Sen dúbida algunha, a cuestión nacional volve estar de actualidade (se é que nalgunha ocasión deixou de estalo).

O proceso soberanista escocés e catalán, ao igual que noutrora o quebequés, o flamengo ou, máis próximo a nós, o vasco, enchen capas e páxinas de xornais, horas en debates radiofónicos e, o máis importante ao meu ver, boa parte das conversas das e dos homes e mulleres do continente europeo. E é que a cuestión nacional atinxe a todos os Estados da Europa, nos que maioritariamente diversas nacións (con existencia previa a estes Estados) foron absorbidas e/ou dominadas.

Obviamente o enfoque é duplo á hora de encarar a cuestión nacional. Reducindo ao máximo cada un dos enfoques, podemos destacar que desde a óptica unionista (imperialista, historicamente), a realidade que nos ocupa é vista coma un “problema” presente e pasado, así como desde a óptica independentista (soberanista), esta realidade é encarada con ilusión coma unha “esperanza” de futuro.

Desde a óptica unionista, a realidade que nos ocupa é vista coma un “problema” presente e pasado, así como desde a óptica independentista, esta realidade é encarada coma unha “esperanza” de futuro

O relativo ao enfoque unionista é dunha argumentación pobre, baseada na imposición do cuantitativo fronte o cualitativo (chegando a extremos estúpidos para o caso, por exemplo, español cando se asevera que se a respeito de Catalunya algo hai que votar -obviamente extensíbel tamén a Euskal Herria e Galiza- será ‘el pueblo español...’ o que se pronuncie nas urnas), argumentación que fai augas en chave democrática. O primeiro ministro británico, David William Donald Cameron, hai días botaba man dunhas súas bagoas de crocodilo para xustificar que Escocia tiña que seguir facendo parte do Reino Unido de Gran Bretaña (e con Escocia, o seu petróleo e restantes recursos naturais…).

No que atinxe á posición independentista, por regra xeral, toma forza a cuestión histórica (a práctica totalidade das nacións que están a reivindicar a súa conversión en novos Estados europeos, foron noutrora realidades xurídico-políticas de seu, perdendo a súa soberanía nun proceso máis ou menos longo no tempo), así como a firme convicción dunha mellora nas condicións de vida da maioría social. Tamén, desde logo, os sentimentos cobran protagonismo (que seríamos os humanos sen sentimentos...!), mais fundados, por regra xeral, na base histórica e na convicción en tempo presente dun futuro no que se preserve e tome maior vigor a ‘identidade nacional’, para alén do indicado, onde a lingua e cultura son centrais. Realidades que son golpeadas, onte e hoxe, polos Estados nos que estas nacións fican, dado que a súa ‘identidade nacional’ choca coa propria do Estado que for.

 

Imaxinario colectivo

Se as mulleres e homes de Escocia van votar este 18 de setembro, se queren ou non ser unha nación cun Estado propio, independente do Reino Unido de Gran Bretaña, é porque existe no imaxinario colectivo escocés a convicción de que son unha nación e que teñen o dereito inalienábel, amparado internacionalmente, de decidir a respeito do seu futuro colectivo . Isto mesmo acontece no caso catalán e tamén no vasco. A maioría das e dos habitantes que conforman estas nacións teñen consciencia de si propios (e tamén dos demais en relación a eles e elas mesmas).

Na Galiza, aínda manténdose vivo o idioma proprio (a diferenza de Escocia ou Irlanda), non sen conflito, carécese dun forte imaxinario colectivo en chave nacional

Na Galiza, aínda manténdose vivo o idioma proprio (a diferenza de Escocia ou Irlanda), non sen conflito, carécese dun forte imaxinario colectivo en chave nacional. A ligazón forzada a respeito de España nos últimos douscentos anos (non entro no tempo previo ao 1812 e ás Cortes de Cádiz), ten dado lugar a que a nosa nación (especialmente golpeada, sobre todo durante a ditadura franquista e) carente dunha burguesía propia, fique en desvantaxe aparente fronte os devanditos procesos soberanistas.

Digo aparente, pola forza que aínda teñen os trazos diferenciais definitorios da nosa nación, nomeadamente o noso idioma, mais tamén o orgullo que polo proprio aínda se conserva entre a maior parte da nosa xente (lembremos os numerosos inquéritos que daban e dan conta de como a maior parte da nosa poboación confía antes na calidade dun produto elaborado na Galiza que nun outro foráneo). Ora, quer a lingua, quer este orgullo (baseado na confianza polo proprio), non han ser eternos, ao contrario, en base as dinámicas imperantes... Así, pois, o nacionalismo ten de construír socialmente un imaxinario colectivo (nacional), que abranga a máis capas da sociedade que as que chega actualmente, derivado de (re)pensármonos neste novo tempo que se abre (de recomposición do capitalismo a partir da ‘crise’ que provocou), en canto galegas e galegos.

O BNG desde o seu nascimento foi quen de lanzar unha pedagoxía patriótica que envolveu a miles de persoas, posicionándose en clave nacional, contestaria e de esquerdas en favor do desenvolvimento vizoso da Galiza

Obviamente, este non sería un esforzo novo para o soberanismo galego. O BNG desde o seu nascimento foi quen de lanzar unha pedagoxía patriótica que envolveu a miles de persoas, posicionándose en clave nacional, contestaria e de esquerdas en favor do desenvolvimento vizoso da Galiza. Foi quen o BNG de transmitir a necesidade dunha unión efectiva do pobo galego en favor das súas liberdades, ligadas estas a un porvir baseado na administración dos recursos naturais proprios. Mesmo o BNG deu enlazado, malia a ‘longa noite de pedra’, coa dinámica que os clásicos do nacionalismo galego comezaran, desde finais do século XIX e, sobre todo, do primeiro terzo do século XX.

Daquelas, o nacionalismo galego, con Castelao, Bóveda, María Miramontes ou Casal, foi quen de ilusionar a unha nación que se sentiu dona de si por instantes. Unha nación que foi recoñecida diante do IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adxunto á Sociedade de Nacións -previa existencia á Organización de Nacións Unidas (ONU). O nacionalista Plácido R. Castro foi o encargado de participar daquel congreso, celebrado en Berna (Suíza) entre o 16 e o 18 de setembro do 1933, como delegado do Partido Galeguista. Aquel sería un encontro, afirmaría o proprio Castro, no que se buscaba e obtivo “...o recoñecimento por unha organización internacional, integrada por representantes de corenta millóns de europeos, pertencente a catorce nacionalidades, de que o noso pobo constitúe unha nación”. Daquelas o nacionalismo galego estaba a construír (e socializar) un imaxinario colectivo no que se proxectaba internacionalmente a nación galega.

É central construír o escenario que garanta vermos máis cercana unha Galiza que se poida mirar no espello dos novos Estados europeos de Escocia e Catalunya

Con toda a bagaxe que o nacionalismo galego leva acumulando, cos diversos apoios e recoñecimentos internacionais que suma o noso país, e diante da encrucillada que se nos presenta, presidida polo soberanismo, é central construír o escenario que garanta vermos máis cercana unha Galiza que se poida mirar no espello dos novos Estados europeos de Escocia e Catalunya. Tecendo relacións que, sen abandonarmos a nosa rota, nos sitúen máis perto do fin último que dá sentido, quer no nacional, quer no social, ao noso axir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.