Gañou o 'si' á democracia

O país onde reina a chuvia, e a conduta ríxida dos seus habitantes, acaba de dar ao mundo unha lección de calidez e de tolerancia difíciles de esquecer. O diálogo co que se fraguou o referendo, síntoma do respecto ao adversario político, e afastado do "torniquete" das maiorías absolutas; a elevada participación, máis do 80% d@s ciudadáns con dereito a voto; a naturalidade coa que transcorreu a xornada de votación: o país mantivo o seu ritmo de vida habitual, e eran frecuentes as imaxes de moz@s escoceses ataviados con mochilas votando antes de asistir a clase, ou a de traballadores e traballadoras que despois continuaban a súa xornada laboral con total normalidade; a altura de miras na interpretación dos resultados, recoñecendo que a polarización de opinións fai imprescindible afastar as relacións entre Londres e Escocia do branco ou negro, senón que pasan por abrir a paleta de cores, para pintar unha terceira vía na que tod@s caiban e poidan sentirse cómodos, probablemente a federal... lévanme a pensar que isto si que é política con maiúsculas, e unha democracia participativa plenamente consolidada.

Os políticos ingleses e escoceses como Cameron, Salmont e Gordon Brown, demostraron durante todo este proceso seriedade e rigor, dando unha lección de que a interacción coa cidadanía non pasa nin polo afastamento a través das televisións de plasma, nin por “abrazar” ata aos farois, senón por abrir ben os ollos, e limpar os oídos para ver e escoitar o que o pobo ten que dicir, para despois actuar en consonancia con iso. Defenderon as súas posicións con convicción, valentía, sen ataques persoais e mantendo as formas, cunha altura política a anos luz da española.

Despois "aterrei" sen freos na realidade do noso país, no déficit político reinante, ao escoitar a González Pons facer comparacións entre "ovos " e "castañas", e calificar este proceso como "desordenado" e "innecesario", e deime conta de que algúns non só é que non tomasen nota, senón que non entenderon nada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.