O futuro político da Escocia

O 55% dos escoceses votaron NO á independencia e o 45% a prol dela. A participación foi dun 84,5% sobre os electores rexistrados. Os números son nidios abondo para concluír que Escocia quere seguir a partillar o Reino Unido moitos anos. Mais…

Os sectores máis populares apostaron tamén pola independencia (velaí Glasgow, cun 54% a prol)

Mais o first minister dimisionario Alex Salmond e a campaña pro independencia fixeron medrar o número dos seus partidarios dun 30 a un 45% e votar YES a un 71% da xente nova, mentres rexeitaban a independencia o 73% dos maiores de 65 anos. Os sectores máis populares apostaron tamén pola independencia (velaí Glasgow, cun 54% a prol), xunto cos verdes, o mundo das organizacións solidarias e os empresarios máis dinámicos e innovadores.

E dirán vostedes, “home, deixe estar, o tema estalle xa ben pechado”. Hoxe doulles a razón. Pero resulta que os tres partidos británicos maioritarios, para evitar que o voto afirmativo gañase, prometeron unha mellora substancial dos poderes fiscais, orzamentarios e de protección social do Goberno escocés. E agora o líder laborista, Ed Miliband, por razóns de curto interese partidista, di que non é o tempo axeitado, mentres varios deputados conservadores rexeitan esta proposta de ampliación competencial, disque “fartos de que 5 millóns de escoceses determinen o futuro de 52 millóns de ingleses”.

A posíbel convocatoria no 2016 dun referéndum para a saída do Reino Unido da Unión Europea sería outra ocasión para pór de manifesto un proxecto político distinto para Escocia, reivindicando a súa permanencia na UE

Se esta ampliación do autogoberno escocés non se aproba no que fica da lexislatura do Parlamento de Westminster (até o vindeiro maio) as bases do SNP, o partido nacional escocés e dos seus aliados da campaña YES SCOTLAND denunciarán  que os unionistas gañaron con amaños e mentiras o referéndum. Por outra banda, a posíbel convocatoria no 2016 dun referéndum para a saída do Reino Unido da Unión Europea sería outra ocasión para pór de manifesto un proxecto político distinto para Escocia, reivindicando a súa permanencia na UE e, xa que logo, cuestionando a  súa adhesión ao Reino Unido. 

Semella que esta acción futura vaina liderar dende novembro unha nova primeira ministra escocesa e líder do SNP, Nicola Stugeon. Porque seica moi pouca xente  no seu partido, que obtivo maioría absoluta no Parlamento escocés no 2011, cuestiona o proxecto de Salmond de facer transversal o proxecto do YES SCOTLAND, que mesmo foi adherido pola maioría dos residentes nados fóra do Reino Unido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.