0 Gardados para despois

Francisco Xavier Redondo Abal

O Ateneo Ferrolán, en cinco contedores

É posíbel introducir 135 anos de vida cultural en cinco contedores? Chega con cinco contedores para acubillar o rico patrimonio bibliográfico reunido durante ducias de anos por unha institución como o Ateneo Ferrolán? Hai espazo dabondo en cinco contedores para agochar 10.000 volumes da súa biblioteca? Sobra algún oco para depositar neses cinco contedores as publicacións periódicas do século XIX e XX –algunhas únicas– que compoñen a hemeroteca do Ateneo?

Nos contedores da discordia aínda hai lugar para depositar (e afogar) unha forma de pensamento crítico, non dócil nin manipulábel, independente do poder local e molesto coas autoridades que hoxe dirixen o concello de Ferrol

Todas estas preguntas teñen, a día de hoxe, unhas respostas afirmativas. Ademais, en realidade, nos cinco contedores hai capacidade para situar –xunto aos libros e os xornais– moitas outras cuestións non menos relevantes. Por exemplo, nos contedores da discordia aínda hai lugar para depositar (e afogar) unha forma de pensamento crítico, non dócil nin manipulábel, independente do poder local e molesto coas autoridades que hoxe dirixen o concello de Ferrol. Velaí, pois, un dos sinais de identidade do Ateneo Ferrolán: a cultura dende abaixo, iniciada na base, lonxe dos escaparates, das visións mercantilistas, das Cidades da (In)Cultura, dos espectáculos teledirixidos, das propagandas e os consumismos. Cultura popular, por e para a xente. Cultura que ofende por indomábel e libre, honesta e rigorosa. Toda esta provocación do Ateneo Ferrolán, do librepensamento no século XXI, precisaba ser neutralizada. Tamén esmagada.

Como explicar que na Consellería de Cultura da Xunta de Galiza ninguén saiba o que está a acontecer, que digan descoñecer por completo a situación agónica do Ateneo?

Mais non nos equivoquemos: a controversia non nace cos 39.000 euros dunha débeda contraída coa empresa encargada do traslado do patrimonio da secular entidade. Certamente, a almacenaxe foi aconsellado pola dirección de obra no momento no que se procedeu a rehabilitar o histórico edificio do Ateneo. O anterior consistorio, socialista, accedeu de palabra e xunto aos responsábeis da institución deu comezo a operación. A chegada do Partido Popular ao goberno municipal modificou o escenario: xa non se paga á empresa de mudanzas. Así, cinco contedores conforman unha invencíbel arma de destrución masiva, real (esta si) e devastadora. Porén, certamente, os 39.000 euros son un pretexto, unha estrataxema que responde a un plan establecido, organizado e planificado até as súas últimas consecuencias. A prioridade é rematar coas actividades do Ateneo. Como se non entender que o alcalde ferrolán rexeite unha xuntanza cos responsábeis do Ateneo? Como explicar que na Consellería de Cultura da Xunta de Galiza ninguén saiba o que está a acontecer, que digan descoñecer por completo a situación agónica do Ateneo?

Hoxe, se alguén non o impide, as autoridades locais e autonómicas retomarán o camiño iniciado por falanxistas e golpistas en 1936

O Ateneo Ferrolán, herdeiro do Ateneo Artístico, Científico e Literario de Ferrol creado en 1879, ocupa un fermoso edificio construído en 1762 na rúa da Magdalena. Lugar de encontro para expoñer, ensaiar ou representar, nas súas instalacións sucédense unha e mil actividades culturais: presentación de libros, emisións cinematográficas, conferencias, exposicións artísticas, clubs de lectura... Con 10.000 títulos na súa biblioteca e preto de 500 cabeceiras de xornais que conforman unha hemeroteca única, o Ateneo Ferrolán está considerado unha entidade de especial interese para Galiza.

A Guerra Civil e a vitoria franquista estiveron a piques de rematar coa andaina dun soño emancipador, plural e aberto. Hoxe, se alguén non o impide, as autoridades locais e autonómicas retomarán o camiño iniciado por falanxistas e golpistas en 1936.

Acerca de Francisco Xavier Redondo Abal

Bibliotecario da Universidade de Santiago de Compostela