Arte asociativa e soberanismo

A orientación neoliberal e conservadora do estado español e a institucionalización e dereitización do partido socialista non é máis do que produto do estado de compracencia no que ficou a autoproclamada esquerda española logo da mitificación da Transición e a  conversión dos partidos en axencias corporativas de representación. A aceptación acrítica da situación económica e social galega aínda que os datos apunten outra cousa fai parte da compracencia institucional propia dos procesos de oligarquización. Por outra banda, a tentación do narcisismo da causa perdida na que debruzaron as forzas nacionalistas de esquerda -cando longo é o camiño- tamén vale para a política en tempos de incerteza, ainda que acubillemos a intuición de que o centro non existe porque está en todas partes.

Por iso convén non confundir que o usuario das redes dixitais e o cidadán non son o mesmo por moito que aquelas permitan unha conectividade que non é de ningún modo sinónimo de vincallo real entre persoas no campo social e na esfera pública. O que teño chamado a “perspectiva Prestige” mostrounos, ao meu ver, o verdadeiro alcance das redes sociais cando a consistencia dos nodos do retículo son politicamente inocuos. O resultado irónico foi cando no 10 aniversario do Prestige na Galiza volvía estar emprazado un goberno de tecnócratas e máis unha xeira de autonomía “clientelista” galega. Porén, abonda xa de flaxelacións, o devalo das estruturas de estado que inventaron a Transición están a demostrar que a formación de sistemas clientelares de carácter estrutural non teñen unha única patente galega.

Malia pertenceren ao mesmo estado e haberen semellanzas, a historia, estrutura social e cultural de Cataluña e Galiza son ben diferentes. Hogano, o grande mérito dos partidos nacionalistas e do catalanismo en xeral ten sido non só manter a identidade catalá fronte a forza centrípeta dos partidos españolistas senón conseguir que en medio da aplicación de políticas neoliberais e conservadoras, como a que está a aplicar CiU co apoio de ERC e antes co PSC ao ditado de España e a UE, o proceso de rexeitamento do estado español, porque os grupos dominantes españois non mudarán, servira como significante e como instrumento da sociedade civil para canalizar o rexeitamento desa orientación conservadora das políticas que se están aplicar ao ditado dos intereses do capital financeiro europeo, español e catalán. Semella un artificio porque o é e en pouco tempo terán de enfrontar, seguindo a tese de Žižek, a cuestión verdadeiramente difícil, o que non se quere e o que se quere. Os manifestantes queren democracia - poder votar – e liberdade sen corrupción e explotación- lembrábao aínda o actor Sergi López na Diada. Teñen millleiros de razóns, entre delas, nada máis e nada menos que exercer o poder. Ninguén pode ser privado daquilo que non ten. Iso é o que tanto incomoda ao establishmemt. As redes sociais de verdade; as que facendo uso das dixitais - sería paifoco negarmos a súa eficacia comunicativa- alicerzan en algo substancial e duradeiro que vai alén da inmediatez efémera e pouco argumentada dos chíos. Como se as transnacionais das redes dixitais non especularan en bolsa e só fosen unha inocua deferencia do sistema para rescatar os cidadáns do isolamento. 

Que moitos cataláns que se sentían españois teñan sumado azos aos independentistas na desafección ao estado español, enxergado como inasible á necesidade de radicalización democrática, quer dicir, con xustiza social, visa o teren atopado algo co que apaixonarse, un vieiro político que a xente considera factíbel e mesmo realista: a ilusión de mellorar perante ao xa coñecido que son as respostas do estado español para o século XX. Esa pulsión serviu para catalizar a procura de empatía dos outros cando, aprobado o Estatut, só obtiveran a negación do debate e o único apelo á lei e ao TC como resposta. Ten sido esa resposta institucional española o mellor argumento contra dela. De aí que se perciba a legalidade española como submisión perante a imposibilidade de mudar España (clave interpretativa do pasado), visando reterritorializar o exercicio democrático nos círculos singulares, no tecido asociativo e no muncipalismo como vías de colaboración cara o futuro.

Outra diferenza apreciábel e decisiva no proceso catalán teñen sido as redes sociais existentes en Cataluña, favorecendo nun breve tempo á emerxencia do que Tocqueville apreciou nos estadounidenses na súa viaxe a América, a predisposición á arte asociativa. Un desprazamento social do poder dende núcleos de liderado minoritario cara espazos máis transversais e diversos onde se substituíu o medo por un sentimento común de confianza que vén da PAH e do 15M, entre outros. Por exemplo, a diferenza dos Indignados, o discurso das CUP non é a suspensión da democracia política e a tendencia a substituír os políticos por tecnócratas despolitizados, mas intensificar a politización que evite a resposta do sistema con máis tecnocracia apolítica sabedores de que non abonda un movemento da sociedade civil para mudar a vida social. Precísase un rexo corpo social (as fondas raiceiras do asociacionismo catalán) e disciplina de organización capaz de reflectir respostas con rigor e dilixencia para evitar a incercia do pujolismo desde as institucións e coa nova cultura compartida.

O vincallo entre catalanismo e a defensa dun modelo social máis xusto acadou nun breve tempo un significante que soubo acubillar no soberanismo e sería errado pintalo como cego e irracional cando leva a alegria nos ollos no canto do temor. Ao cabo, é esa unidade espinosiana o que contrasta co legalismo ideolóxico que emana das posicións estatalistas. Unha sociedade civil que sen deixar de ser campo de antagonismos- en calquera sociedade ou grupo humano quen máis ten tentará impor a súa capacidade normativa gañando en hexemonía- acha no catalanismo, malia certas diferenzas de vocabulario, o seu concepto de pacto e de multitude unida ( é precisamente ese signficante no que os pactantes achan máis avantaxes que permanecer no inmobilismo da situación actual, o que non deberá imporse ao novo significado acadado).

O Espinosa máis axitador e político pódenos servir á hora de albiscar a orixe deste contedor democrático. A democracia baseada no recoñecemento do dereito dos individuos á autodeterminación política do poder efectivo que, de cando en vez, o corpo social colexiadamente acada. Trátase dunha racionalidade que Remo Bodei cualifica de intensificadora de alegría. Por outras palabras, Espinosa sinalaría o vieiro para unha democracia non exclusivamente “formal” e para unha individualidade que non derive os seus dereitos apenas de principios e leis universais que, sendo necesarias, poden colisionar entre si, entullando a “potencia de existir”. Ao cabo, non é isto axir como cidadán, como suxeito ético-político, e non como simple usuario ou súbdito?

Non esquezamos que  política en Espinosa fai parte do fólego da ética, xa que a razón non é capaz de conducir por si só aos homes da paixón á liberdade. Por tanto, é sumamente sintomático o apelo do PP e do PSOE a reducir a democracia a ritualización democrática dentro do sistema. Unha renuncia á batalla política por falta de proxecto. O problema do legalismo ideolóxico é que acaba por atrapallar os seres reais cos entes de razón. En canto representa a única marxe de solución para os conflitos políticos tórnase, en parte cando menos, contra si mesmo, cando non madurece en razón ( un faise racional conectando co mundo por canles diversas de comunicación e non só baixo o único primado da lei ou da santificación da forma moral). Esquece que o pacto social no que se funda nunca é o resultado cego dun equilibrio de forzas. O legalismo cando se torna ideolóxico reduce a política a forza, naturalízase volvendo á idea dunha sociedade sen falta. Aquela eficacia do medo en Hobbes como catalizador dos procesos políticos e das cadeas encubertas de poder, regras de substitución que visan evitar a morte do grande Leviatán. Por iso, o legalismo ideolóxico non é quen de diferenciar as razóns democráticas da arte asociativa (apoiar un referendo non vinculante) e votar a favor da independencia de Cataluña. Como se as últimas Diadas só fosen produto do apego melancólico e non houbera tamén implícito nelas un ritual de dó, de despedida do catalanismo institucional que gobernou durante décadas. O caso Pujol, alentado e instrumentalizado dende as propias estruturas do estado, é aceptar de facto, que para alén do campo de posibilidades que abriu, tamén fracasou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.