Catalunya-España... Unha historia de amor?

Eu son catalá. Cataluña é hoxe unha rexión de España, mais que foi Cataluña? Cataluña foi a nación máis grande do mundo. Eu explicareivos por que. Cataluña tivo o primeiro Parlamento, moito antes que Inglaterra. Cataluña tivo as primeiras Nacións Unidas: no século XI todas as autoridades de Cataluña reunironse nunha cidade de Francia -daquela en Cataluña- para falar de paz, no século XI... paz no mundo e contra, contra, contra as guerras, a inhumanidade das guerras... iso é Cataluña. Así dá comezo o discurso de Pau Casals na ONU cando lle concederon a medalla da paz. Sempre é un pracer para min lembrar estas verbas.

Estou farta de escoitar, mesmo de xente que está a favor do referendo, que a consulta non é “legal”. Para min hai un erro nese plantexamento no que non deberíamos caer. Cando queiras contraatacar, non uses a súa linguaxe; nela vai un marco implícito, e seguro que non é o que ti queres, di Lakoff, en Non penses nun elefante! unha lúcida análise sobre a linguaxe política.

Catalunya ten dereito a votar por moitas razóns. En primeiro lugar, porque os países, as nacións teñen que poder decidir sobre o seu futuro

Catalunya ten dereito a votar por moitas razóns. En primeiro lugar, porque os países, as nacións teñen que poder decidir sobre o seu futuro. En segundo lugar, porque esa consulta está aprobada polo Parlament de Catalunya, cun pacto de partidos que abrangue dende a CUP ata CIU. E en terceiro lugar, porque hai todo un movemento cidadán organizado arredor da ANC que deixou ben claro nesta última Diada e nas anteriores, cal é o noso desexo: votar. Coñezo xente, na miña contorna inmediata, que a pesares de non estar de acordo coa independencia de Catalunya saíu á rúa este 11 de setembro para pedir o referendo.

Onde vai esa Europa garante dos dereitos dos pobos e das nacións, respectuosa con todos os procesos de autodeterminación? Existiu algunha vez? A que Europa máis “unida e forte” apela José Manuel Durão Barroso nas súas declaración tras coñecer o resultado do “non” en Escocia? Facede a proba, sacade do peto unha moeda de vinte céntimos e un billete de vinte euros, agora botade una ollada ao mapa de Europa. Na moeda parece dibuxarse un arquipélago e no billete vemos unha Europa sen fronteiras, que cada quen faga as súas interpretacións. Parece ser que só se borran as fronteiras cando hai billetes de por medio.

Parece que só se borran as fronteiras de Europa cando hai billetes por medio

Catalunya está a vivir o seu propio proceso, único e irrepetible, non é comparable con ningún outro. E é algo imparable, se non de que ten medo esta xente?. Por que frear este proceso democrático?. Por que ameazar con acortar a soberanía de Catalunya e a súas liberdades?. Por que utilizan ese discurso do medo e as ameazas, rescatando fantasmas doutras épocas remotas e non tan remotas?

On ets, Espanya? — No et veig enlloc./No sents la meva veu atronadora? Clamaba Joan Maragall a finais do século XIX. Eran outras circunstancias históricas, pero esa España intransixente, cega e xorda segue a ser a mesma.

Este días escoitei a alguén dicir, eu amo a España. Pois ben, para que haxa amor, ten que haber dous...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.