O Dereito e a Política

O Dereito e a Política haberían ser útiles aos intereses xerais e boas ferramentas para resolver problemas. Se non os resolven e mesmo se invocan para perpetuar os existentes ou crear outros novos, cómpre reformalos para súa potencialidade ás demandas sociais.

Analizando a cuestión dende a visión puramente xurídica, o  president catalá Artur Mas convocou este día unha consulta non vinculante (non un referéndum, coma o escocés) ao abeiro dunha lei catalá aprobada polo 85% do seu Parlament, no exercicio legal dunha competencia autonómica que o Tribunal Constitucional recoñeceu na súa sentenza do 2010, cando recortou substancialmente o marco estatutario pactado entre os Parlamentos estatal e catalán contribuíndo moitísimo ao actual sentimento arredista de boa parte da sociedade catalá. Porén, o artigo 161 da Constitución dálle ao Presidente do Goberno do Estado a competencia que lle nega aos Presidentes da Xunta ou da Generalitat: a mera interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei e/ou contra a convocatoria da consulta determinará a suspensión da mesma en Dereito.

O conflito sitúase entre dúas lexitimidades que xorden do voto cidadán e non se resolve antepoñendo España a Catalunya, nin unha cidadanía á outra

Mais o problema político non remata con esta suspensión. Porque o conflito sitúase entre dúas lexitimidades que xorden do voto cidadán e non se resolve antepoñendo España a Catalunya, nin unha cidadanía á outra. A aparente contradición xurídica esixe unha solución política, moito máis cando a recente votación escocesa aprendeunos que por votar non caen as pontes nin rachan os países nin enferman as persoas. Á cidadanía catalá non se lle pode convencer da súa eterna minoría de idade nin da súa incapacidade para decidir o que nomeadamente lles cumpre dicir, malia que a cidadanía do conxunto do Estado teña tamén dereito a determinar algunha das premisas do resultado final.

A solución é pactar regras de xogo que fagan viábel a convivencia

Entón, a solución é pactar regras de xogo que fagan viábel a convivencia. O marco europeo habería garantir a unidade de mercado e a común acción, moito máis entre pobos con semellantes vencellos históricos. Os mecanismos de soberanía compartida, como ven de manifestar o lehendakari Urkullu, poden resolver a desafección.

Pero mirar cara outro lado e chamar polos maxistrados do Tribunal Constitucional que nomeaches para que che resolvan o problema non fai senón enquistalo e deixar ceibo o camiño á gangrena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.