Saúde e dereitos humanos

O sete de abril celebrouse o Día Mundial da Saúde. Nun contexto de recortes, de privatizacións máis ou menos encubertas, ou de posta en causa de principios que semellaban plenamente asentados como o de universalidade e o de igualdade no acceso aos servizos sanitarios, resulta oportuno reconsiderar a cuestión da saúde do punto de vista dos dereitos.

Nun contexto de recortes, de posta en causa de principios que semellaban plenamente asentados como o de universalidade e o de igualdade no acceso aos servizos sanitarios, resulta oportuno reconsiderar a cuestión da saúde do punto de vista dos dereitos

A data do 7 de abril foi elixida porque tal día de 1948 constituírase a Organización Mundial da Saúde (OMS). É dicir, só uns meses antes de se proclamar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o 10 de decembro dese ano. Era un tempo no que o mundo, saído da barbarie da Segunda Guerra Mundial e aínda non completamente instalado na Guerra Fría, ollaba con certo optimismo a consolidación dos dereitos humanos e dunhas institucións internacionais encomendadas á misión de preservaren a paz.

Coa creación da OMS ponse por primeira vez en relación, a nivel internacional, a saúde e os dereitos humanos. O documento constitucional da OMS é un nidio exemplo disto pois é o primeiro texto xurídico internacional no que se fala abertamente do dereito á saúde, sendo un antecedente nisto da propia Declaración Universal. En ambos casos, por certo, a iniciativa da inclusión do dereito proveu de países periféricos. Con todo, deu acado o consenso necesario nun contexto no que na Europa se estaban a expandir as políticas de benestar, nos Estados Unidos Truman tentaba estabelecer un sistema público de saúde (nun último e finalmente fracasado pulo do New Deal), e a Constitución soviética de 1936 tiña incluído previsións sobre a protección da saúde.

A OMS non só se constituíu a partir dun compromiso cos dereitos humanos, senón tamén cunha concepción social da saúde, ben consciente dos determinantes sociais da saúde e da enfermidade

A OMS non só se constituíu a partir dun compromiso cos dereitos humanos, senón tamén cunha concepción social da saúde, ben consciente dos determinantes sociais da saúde e da enfermidade. Por iso na súa constitución aparece a definición máis coñecida de saúde, que é ao mesmo tempo o compendio do que supón esa visión social: “a saúde é un estado completo de benestar físico, mental e social e non só a ausencia de doenzas ou enfermidades”.

Con estes comezos tan prometedores, a fortaleza da relación entre a OMS e os dereitos humanos, particularmente o dereito á saúde, parecía asegurada e destinada a se profundar no futuro. Esas esperanzas frustráronse axiña. Desde aquela, a traxectoria da OMS respecto aos dereitos humanos ten sido, no mellor dos casos, ambivalente. Moi cedo sufriu unha deriva tecnocrática de abandono de estratexias de saúde que tomasen en consideración os dereitos humanos e as causas sociais das doenzas. Rexeitouse, ademais, a adopción de unha actitude activa de formulación de estándares sobre as obrigas dos Estados en materia de saúde, como por exemplo, comparativamente, si que tentou a OIT.

O exemplo máis evidente –e o que tivo máis consecuencias a longo prazo- foi o papel da OMS durante a redacción dos borradores do Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, finalmente aprobado en 1966. Cando foi pedida a súa participación, a OMS respondeu expresamente que non tiña nada que dicir e non opuxo resistencia a que se eliminasen no texto final as referencias ao “benestar social” ou aos determinantes sociais da saúde. Os danos que isto produciu na relación ente saúde e dereitos humanos serían fondos e, nalgunha medida, irreparábeis. Por unha banda, cando desde a OMS –cara a finais dos anos setenta- se quixo recuperar o pulo do dereito á saúde e á súa relación coa igualdade e o desenvolvemento humano, moitos Estados percibírono como unha pretensión que ia alén das súas atribucións.

Por outra banda, cando o eixo dos marcos xurídicos internacionais e tamén das políticas de saúde se moveron do sistema da ONU aos organismos económicos internacionais e cara a imposición de políticas neoliberais de axuste e privatización, non se contaba cun consenso internacional sobre o dereito á saúde estabelecido xuridicamente que poder opoñer eficazmente a estas políticas. Ese traballo quedara por facer.

O Informe sobre o Desenvolvemento do Banco Mundial de 1993 deu lugar nos anos seguintes a distintas reformas sanitarias diferentes países, guiadas por unha penetración do modelo privado de seguros de saúde ao estilo norteamericano

Un claro exemplo disto foi o Informe sobre o Desenvolvemento do Banco Mundial de 1993, que titulado Investir en Saúde, dedicouse por primeira vez a esta cuestión. O deseño de políticas aí apuntado deu lugar nos anos seguintes a distintas reformas sanitarias diferentes países, guiadas por unha penetración do modelo privado de seguros de saúde ao estilo norteamericano, fronte á visión baseada nos sistemas públicos universais de saúde. Máis unha vez, o papel da OMS foi en moitos casos, particularmente en Latinoamérica, o de seguir as directrices marcadas polos organismos financeiros internacionais, que tenderon a favorecer a determinadas empresas transnacionais e ás elites económicas locais, antes que á protección do dereito á saúde para todas as persoas.

Dúas décadas despois semella que as políticas de axuste destinadas en boa medida a converter a provisión de saúde nunha “oportunidade de negocio”, como se denomina na neolingua privatizadora, queren repetir entre nós os pasos que condenaron a outras xentes a un aumento da exclusión e da desigualdade pola vía da saúde. O feito de contarmos, aínda hoxe, cun sistema de protección da saúde relativamente amplo e incluínte non debe facer esquecer da fraxilidade das conquistas sociais e de como os seus inimigos teñen sido implacábeis noutros contextos.

Onde uns falamos de dereitos sociais outros só ven negocio

Non podemos presumir a súa boa fe, xa que onde uns falamos de dereitos sociais outros só ven negocio. O Comité de Dereitos Económicos Sociais e Culturais da ONU, no seu pronunciamento máis destacado sobre o dereito á saúde (a chamada Observación Xeral nº 14, de 2000), salientou que o dereito á saúde está “estreitamente ligado co exercicio de outros dereitos humanos e depende deste dereitos”. A loita polo dereito á saúde é, pois, a loita polos dereitos humanos. A erosión do primeiro anuncia, en definitiva, a erosión de todos eles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.