A vida líquida

O escritor Fernando Ontañón ven de publicar o seu segundo libro, El periodista despedido (Ézaro), unha excelente novela que confirma a súa decidida vocación literaria.  Este cántabro afincado na Coruña desde hai anos é unha voz orixinal da nova narrativa, que relata de xeito moi convincente as vidas da súa xeración, a que naceu na década dos setenta e está agora a piques de chegar aos corenta anos.

“Me llamo Francisco Bueno y soy un periodista despedido. Uno de tantos”. Así comeza esta historia, na que o protagonista relata as peripecias da súa vida

“Me llamo Francisco Bueno y soy un periodista despedido. Uno de tantos”. Así comeza esta historia, na que o protagonista relata as peripecias da súa vida. Desde un presente pouco optimista –despedido do traballo e rachada a última relación sentimental, agora comparte piso con persoas coas que ten escasa relación-, recorda o pasado recente e tenta comprender que pasos o levaron á situación case depresiva en que se atopa. Cun ritmo moi cinematográfico o narrador realiza constantes flashback para recuperar os anos de universidade, as relacións de amizade, os amores, as rupturas e os intentos fallidos de conseguir unha proxección profesional que o conducen á frustración e o desencanto. Estruturada en sete capítulos e con diálogos ben trenzados,  a novela discorre placidamente; semella que non acontece nada relevante mais, de maneira sutil,  traza un retrato verosímil dun grupo de persoas que chegan á madurez sen ter superado a adolescencia.

O xornalista, atormentado pola situación de paro prolongado, acepta unha proposta de traballo que vulnera os seus principios da ética profesional. Como trasfondo da narración aparece a crise económica e a perda masiva de postos de traballo que conduce a este xornalista a un difícil dilema: volver á casa paterna ou compartir piso con xente descoñecida. É un deses mozos que non coñeceron a escuridade do franquismo, que medraron nunha época de bonanza económica e puideron facer estudos universitarios; criáronse coa expectativa dunha vida confortable na que poderían acadar proxección profesional. De repente todo o que parecía seguro comeza a derrubarse con estrépito, deixándoos á intemperie, sen traballo, sen ingresos e sen a esperanza de mellora no futuro.

Nesta novela hai amores e desamores, lembranzas da amizade perdida, sexo furtivo, algúns porros e moito alcohol. Hai homes inmaduros e mulleres fortes, hai moita música e longas conversas nocturnas no pub El Malogrado. Tamén hai tramas corruptas, borracheiras comatosas, traizóns, adulterios e algún morto. E un protagonista desnortado que, na metade da vida, vese atenazado pola culpa e atemorizado ante un futuro incerto que o enche de pavor.

Os proxectos vitais da xente nova están marcados pola precariedade e a incerteza. Nada é sólido, nada é permanente. Hai cambios de cidade, de casa, de traballo, e relacións monogámicas sucesivas

O filósofo Zygmunt Bauman acuñou o termo de “vida líquida” para definir as formas de convivencia na sociedade actual. Os proxectos vitais da xente nova están marcados pola precariedade e a incerteza. Nada é sólido, nada é permanente. Hai cambios de cidade, de casa, de traballo, e relacións monogámicas sucesivas. Sempre hai un inicio e un final; a vida consiste nunha sucesión de mudanzas, rupturas e novos comezos: semella que todo ten data de caducidade; todo, mesmo os afectos, está afectado pola obsolescencia programada. Fernando Ontañón fai un relato oportuno desta forma de vida, cada vez máis estendida no noso contorno. Reflexa o desconcerto dunha xeración que se vía destinada a unha vida plácida e que se atopa, de repente, golpeada pola inseguridade e o infortunio. Demostra, con esta entrega narrativa, que é un dos escritores novos que merecen maior proxección e recoñecemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.