Cinco xardíns onde Podemos non debería meterse

A asemblea cidadá de Podemos resultou un grande éxito. Todo o mundo ten o que quería. Podemos visualizou con brillantez a súa forza e o seu carácter emerxente. Quen os usan para dar medo teñen máis titulares para asustar. Quen pretenden coaptalos suman novas frases para as súas cábalas. Todo foi tan ben que parecía unha excursión de fin de semana, aínda que poida que haxa xardíns que deberían evitar.

Ninguén é omnipresente. Nin sequera Pablo Iglesias. Non se pode tomar o ceo por consenso. É certo. Pero tampouco se pode ocupar "a centralidade" por asalto

O primeiro é non enlearse até acabar perdidos no seu propio labirinto. En política é importante manter o sentido da orientación e non quedar no medio da nada por querer chegar a todas partes. Ninguén é omnipresente. Nin sequera Pablo Iglesias. Non se pode tomar o ceo por consenso. É certo. Pero tampouco se pode ocupar "a centralidade" por asalto. Se cadra é que non se poden gañar ambos os dous á vez e hai que elixir.

O segundo xardín sería non expor falsos dilemas. En ningures está escrito que haxa que elixir entre participación e eficacia, entre pluralismo e éxito. É unha mensaxe que soa a vello. Proclamar esas cousas bótache trinta anos enriba de golpe. Pedir debate fóra e soster que dentro supón un atraso e unha perda de tempo, antes ou despois, págase.

Pedir debate fóra e soster que dentro supón un atraso e unha perda de tempo, antes ou despois, págase

O terceiro é non meterse nos xardíns onde xa outros que ían gañar se enredaron e acabaron mal. Cada vez que alguén di que non é un debate de persoas senón de ideas, dan ganas de saír correndo. Cada vez que alguén fai unha fotografía de exaltación da amizade diante dos medios para demostrar que "you will always be my friend", entran ganas de chamar a Emerxencias. Podemos leva semanas nos medios falando dos seus dilemas organizativos. Un debate que só lle interesa aos mesmos medios que só os sacan para falar diso.

O cuarto xardín que convén evitar é aquel cheo de estatuas lembrando a quen xa non están, ou están pero coma se non estivesen. Os dilemas do tipo "a quen queres máis, a papa ou a mamá", ou as mensaxes ao estilo do "quen perde apártase" ou "se non gaño, voume" adoitan terminar como acaban en Shakespeare in Love as historias onde se nega o amor: "con bágoas e unha viaxe".

Inventar os espazos propios adoita convidar máis a soñar que ocupalos

O quinto xardín só require elixir con coidado os espazos. Ten a súa graza asaltar Vistalegre, un das iconas do socialismo e o Zapaterismo, non o nego. Pero tamén ten un risco. Moita xente pode pensar que para encher Vistalegre de fans e xuntarnos todos en Madrid porque é onde se deciden as cousas importantes xa tiñamos ao PSOE. Inventar os espazos propios adoita convidar máis a soñar que ocupalos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.