Os 'perroflautas' e o poder

O mellor é querer as persoas, pero querer un can é sinal de que, como mínimo, se conserva un pouco de empatía e humanidade. No Ministerio de Ana Mato non hai diso e ademais de crucificar a Teresa Romeu e a súa familia, matáronlle a Excálibur sen perder moito o tempo en parvadas.

Poucos imaxinan o nivel de desprezo deses gánsteres vestidos de ricos cara á xente común

E é que Teresa non é máis que unha traballadora, unha auxiliar de enfermaría, para eles pouco máis que unha perroflauta. Esa palabra odiosa que serve para chamar a unha categoría de esmoleiros con can ou a esas persoas que andan por libre, fóra do xogo de partidos pero protestando. Se trataron así esa muller, como lixo, é porque no pantano de merda ao que pertence esa xente que goberna Madrid e tantos sitios reina un enorme clasismo. É clasismo, se Teresa fose un membro da nomenklatura da dereita ou, simplemente, unha catedrática de medicamento ou monxa dunha orde relixiosa da máis profunda dereita non a tratarían así. Poucos imaxinan o nivel de desprezo deses gánsteres vestidos de ricos cara á xente común.

En España hai tres palabras que lles preocupan e que catalizan todos os poderes e debuxan o sistema político establecido: República, Catalunya e Podemos

A xente común nunca chegará a gobernar, o conto de Lenin acerca dunha cociñeira que un día dirixiría o estado é iso, un conto fermoso. Queda expresar a queixa e a rabia e, ás veces, iso preocúpalles aos poderosos. En España hai tres palabras que lles preocupan e que catalizan todos os poderes e debuxan o sistema político establecido: República, Catalunya e Podemos. Ante calquera destas tres palabras dáse unha inmediata reacción de unanimidade e complicidade entre os dous principais partidos, as grandes empresas e as grandes empresas de comunicación. Nas situacións de crise é cando todos nos retratamos e debúxanse os aliñamentos, estes póñense a berrar "a Constitución, a Constitución!" coma posesos.

Podemos será unha importante novidade política na maior parte do Estado, aínda que a súa penetración en Catalunya e Euskadi será moi pequena e probablemente tamén por baixo do nivel medio en Galicia e Canarias. Non temos por que estar completamente de acordo coa súa proposta para comprender que globalmente é moi positiva e que vai expresar sentimentos e demandas xustas dunha parte da sociedade que quedou sen referentes.

Chegan gozando dun capital político importantísimo, cando a sociedade española quedou sen referentes de calquera tipo, Podemos é a referencia política e tamén moral para moita xente de todas as idades. Até agora Podemos foi o que cada un desexaba que fose, foi un cúmulo de desexos particulares e un desexo colectivo, desde a súa primeira asemblea comezará a ser outra cousa, unha forza política. Non haberá sitio para os perroflautas nin para a cociñeira de Lenin, tampouco para Lenin pois non ofrecen unha utopía social senón corrixir os desmáns dos poderosos. E iso é moitísimo.

Carece polo de agora dun proxecto utópico e estratéxico e de posicións ideolóxicas claras. Sen peso ao lombo córrese máis, tamén se corre máis perigo de extraviarse. Xa se verá

En Alemaña Os Verdes comezou como movemento, pasou a ser un partido que tocou poder e acabou ocupando o ministerio da guerra apoiando o ataque americano a Iraq, hoxe é un partido que expresa o estilo de vida de sectores relativamente acomodados nunha sociedade burguesa. Hoxe en Alemaña a esquerda volve ser marxista. Ninguén sabe todas as voltas da historia. Podemos non é Os Verdes pero, do mesmo xeito, carece polo de agora dun proxecto utópico e estratéxico e de posicións ideolóxicas claras. Sen peso ao lombo córrese máis, tamén se corre máis perigo de extraviarse. Xa se verá.

Doutra banda, os seus dirixentes non tiveron oportunidade de gobernar, con todo están moi preparados para ese aspecto decisivo da política que é a loita polo poder. Non teñen dúbidas nin vacilacións, trataron con gobernos e gobernantes noutros países e saben do que falan cando din que queren alcanzar o poder político. Non son manifestantes despistados, son políticos de raza. Ou sexa, guerreiros.

A unanimidade dos ataques demostra que son certas as acusacións de que este sistema político exclúe a novidade, a crítica e as correccións

En todo caso, os ataques duns e outros, "populismo", "demagoxia", "contradición", "personalismo", "manipulación"..., demostran que son unha novidade moi positiva que cuestiona este sistema político de adoradores da Constitución. E a unanimidade dos ataques demostra que son certas as acusacións de que este sistema político exclúe a novidade, a crítica e as correccións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.