Galiza-España, país de emigrantes

Esta semana, algúns medios de comunicación da nosa comunidade publicaban reportaxes sobre cidadás e cidadáns galegos que decidiron emigrar a remotos países na procura dun futuro e un trato mellor do que lles dispensa o seu. Á aventura, cunha man diante e outra detrás, sen máis bagaxe que a súa formación e gañas de traballar.

Esta semana, algúns medios de comunicación publicaban reportaxes sobre cidadás e cidadáns galegos que decidiron emigrar a remotos países na procura dun futuro e un trato mellor do que lles dispensa o seu

En moitos casos non se trata de persoas paradas. Algunhas das entrevistadas recoñecían ter traballo estable, pero non lles daba máis que para subsistir cativamente; nun caso, con contrato estable de reporteira na tele, iso si… por 1000 euros mensuais e sen pagas extraordinarias. Outros, preparados para profesións ben definidas como economista ou hostaleiro, traballaban de xeito esporádico en calquera cousa que xurdise.

As reportaxes entristecéronme. Pensei: que tipo de país lle fai isto ao seu pobo, cantos erros teñen que cometerse para chegar a esta situación. Ben, a verdade é que a resposta témola á vista todos os días, pero mirámola con ollos distintos, probablemente debido a que as formas e a imaxe son aínda máis miserentas.

No fondo —e digo no fondo porque, evidentemente, a situación non é exactamente igual—, cales son as razóns polas que tantos homes e mulleres tentan cruzar as fronteiras de África con España agatuñando por feridores aramados? De certo, son as mesmas: o maltrato que lles inflixen nos seus países de orixe, a falla de oportunidades, a nula sensibilidade coas necesidades básicas, a desigualdade, a incomprensión, a inxustiza, o nepotismo, a mentira, a desprotección, a corrupción… Todas esas, ou en parte, son tamén as razóns polas que a nosa xente decide emigrar á aventura na procura dun futuro máis digno e xusto.

Así que, cando escoito comentarios como os destas semanas saídos do Círculo de Empresarios coa esixencia de máis reformas no mercado laboral e unha maior liberalización, ou os de Montoro no Congreso, ou os de calquera outro ministro ou ministra proclamando por decreto que xa saímos da crise; cando escoito os blesas, ratos, etc. minimizaren, cun descaro absoluto e falla de toda ética, os seus gastos fraudulentos de centos de milleiros de euros, de millóns, eu afogo.

É triste que todo isto suceda, pero hanos servir para aprender desta terrible experiencia. Debemos ser moito máis esixentes do que o fomos ata agora

É triste que todo isto suceda, pero hanos servir para aprender desta terrible experiencia. Debemos ser moito máis esixentes do que o fomos ata agora. Cando escollamos gobernantes, deberemos dar un xiro monumental para que o país teña unha oportunidade de futuro. E iso non vai ser nin rápido nin doado, son demasiadas cousas as que hai que cambiar.

Entrementres, Paula, Luigi, Marta, Lucía, Irene, boa sorte, que os países que vos acollan vos traten mellor ca o voso, merecédelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.