0 Gardados para despois

Antón Sánchez

O PP e o coruñesismo rancio

“Es verdad que hemos perdido la capitalidad, que nos robaron la caja, que nos quitaron la L, y ahora el Depor a segunda. Has mirado el cielo hoy? Su azul y blanco revela que será un gran día para La Coruña. Hoy empieza el cambio”. Mensaxe que correu entre membros e simpatizantes do PP da Coruña o día das últimas eleccións municipais (22/05/2011)

“Voy tirando; x veces mejor que otras, sé que vas a Fátima, le tengo muxa devoción, rézale de mi parte, aunque bastante tendrás tú ya, tú ke tal? Gracias”. Mensaxe de Gerardo Crespo a un membro do PP.

Estas dúas mensaxes, recollidas no sumario da Operación Zeta que investiga unha trama organizada e executada por membros do PPdeG, resumen moi ben a pseudoideoloxía do coruñesismo rancio do PP da Coruña. É dicir, a pseudoideoloxía que goberna a cidade. Baseada en presuntos agravios como a capitalidade, o L, a desaparición da caixa, en realidade procura estender unha pantalla para tapar o seu obxectivo último e fundamental: trincar, roubar, apropiarse, afanar. Pola vía directa ou pola vía de parasitar o público.

Por baixo dos poderes fácticos coruñeses, aqueles que exercen realmente o mando e que emiten e difunden a mencionada pseudoideoloxía, sempre existiu unha pléiade de iupis, chupópteros, charramangueiros, desertores do seu, galegófobos, e acomplexados de misa diaria -pero só para rezaren por un mesmo e polos seus negocios-, ou apóstolos do libre mercado e da empresa privada que viven do conto do público. Todos eles adheridos como samesugas ao poder. A conselleira de Traballo Beatriz Mato, Carlos Negreira, Héctor Cañete, Juan Chas ou Gerardo Crespo pertencen a esta especie. Para eles, A Coruña non fai parte dun país chamado Galiza. Sen talento especial ningún, agás saberen colocarse e careceren de escrúpulos, o fin da súa participación na política institucional é a acumulación. De capital ou de poder.

A conselleira de Traballo Beatriz Mato, Carlos Negreira, Héctor Cañete, Juan Chas ou Gerardo Crespo pertencen a esta especie. Para eles, A Coruña non fai parte dun país chamado Galiza

No seu camiño, non reparan nin en obstáculos políticos nin na lexitimidade ou non dos medios para acadar os fins. Chuchan dos cursos de formación para desempregados ou das concesións de servizos públicos –dos servizos sociais, das obras, faraónicas ou non. Válelles calquera cousa. Son os que gobernan en María Pita, os que gastan máis de 50 millóns de euros nas obras do Parrote mentres hai xente que pasa fame. Non hai outra: cómpre botalos e rexenerar esa casa. Abrir as fiestras e que entre aire novo e fresco.

Hai unha alternativa e pode gañar. Non só aspirar ao dereito ao pataleo, senón gañar. Mais debe unir as forzas políticas alternativas e tamén as persoas que non pertencen a ningún partido pero que levan anos pelexando

Hai unha alternativa e pode gañar. Non só aspirar ao dereito ao pataleo, senón gañar. Mais debe unir as forzas políticas alternativas e tamén as persoas que non pertencen a ningún partido pero que levan anos pelexando contra os desafiuzamentos, pola educación pública, pola sanidade, polo traballo e polos salarios dignos. Todo ese continxente de persoas, unidas por un programa común de transformación social, é a necesidade real da cidade e do país.

Acerca de Antón Sánchez

Antón Sánchez é Portavoz Nacional de Anova e Vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galiza