0 Gardados para despois

Sonia Villapol

Unha ollada á investigación dende o outro lado do Atlántico

O xoves pasado celebrouse na Universidade americana de Georgetown, en Washington DC unha mesa redonda organizada pola asociación de científicos españois nos Estados Unidos. Aquí xuntáronse algunhas das máximas responsabilidades da política científica española para falar dos “retos” e expectativas de futuro da investigación en España.

A medida que transcorren os meses a cantidade de científicos/as galegos/as que saímos do noso país para poder ter o privilexio de exercer a profesión para a que nos formamos, medra exponecialmente

Hoxe en día a sociedade é coñecedora do escaso apoio que se está dando á ciencia en España, que nos últimos anos emprendeu unha drástica pendente costa abaixo e sen freo con datos preocupantes. Cando os responsables políticos falan desta situación con optimismo, plantexando retos de futuro sen aparente incremento no orzamento para I+D+i, semella que están a contarnos unha pantomima difícil de crer. A medida que transcorren os meses a cantidade de científicos/as galegos/as que saímos do noso país para poder ter o privilexio de exercer a profesión para a que nos formamos, medra exponecialmente, e isto é unha realidade, aínda que sen censo ningún polo momento. No meu caso, carreira en Compostela, doutoramento en Barcelona, post-doutoramento en París, e dende hai catro anos investigadora en Washington DC. E coma min, moitos outros investigadores emigrados, e isto non sería de todo malo, salvo que moitos de eles sen querelo vense forzados a este “exilio profesional”.

Nesta mesa redonda primou o sermón político, cargado de verboría e estruturado nunha lista de terminoloxías con solucións pouco eficaces ou canto menos insuficientes, e que están moi lonxe da resolución do problema. Non me sorprendeu atoparme con discursos baleiros para encher tempo e facer acto de presenza, sen transmitir nin inspirar nada, e o peor tratando de enmascarar o futuro real da investigación, a pesares de ter diante as olladas atónitas dunha audiencia composta por científicos emigrados. 

Cando dous terzos da produción científica sae das institucións universitarias, asegurar que a investigación en España non está enferma debido á redución do presuposto universitario, paréceme unha aberración

O secretario Xeral de Universidades do Ministerio, Federico Morán, afirmou que o meirande problema non radica na diminución do presuposto das universidades destinado á investigación, nin sequera nos tremendos recortes que fixo o goberno, cuxo presuposto público adicado a I+D+i se reduciu nun 42% dende o 2008, e o presuposto xa presentado para o 2015 non é para tirar foguetes nin vai a resolver nada. Segundo o seu punto de vista, o maior problema parece ser que se atopa na inflexibilidade do sistema funcionarial, polo que se precisa dunha reorganización da estrutura universitaria, que ó seu entender é completamente endogámica a nivel dos Departamentos, o que imposibilita poder contratar xente nova.  De acordo, pero cando dous terzos da produción científica sae das institucións universitarias, asegurar que a investigación en España non está enferma debido á redución do presuposto universitario, paréceme unha aberración e cando menos unha ofensa para todos os científicos que seguen a pelexar para que os seus grupos sobrevivan.

E se de feito existen irregularidades na estrutura universitaria (o que non deixa de ser algo evidente), sendo un dos máximos responsables das entidades universitarias quen o menciona, por que non fai vostede algo para solucionalo? Cambiar a estrutura do sistema universitario é algo que lles compete ós gobernantes, que por outra parte posúen unha incapacidade total para facer reformas. É moi doado excluír a ciencia coma primacía á que se protexa dos axustes orzamentarios; abonda con afirmar que a ciencia non ten interese prioritario na sociedade, e que a economía ten que focalizarse noutros asuntos máis relevantes, dos que non vou a mencionar porque as novas machácannos a diario.

De todos é ben sabido que en termos xerais o sistema universitario precisa dunha limpeza desparasitante

De todos é ben sabido que en termos xerais o sistema universitario precisa dunha limpeza desparasitante. O 40% dos profesores universitarios teñen máis de 60 anos, e máis do 85% teñen máis de 50, e a idade media de investigadores do CSIC é de 57 anos. Ó mesmo tempo, menos do 10% dos investigadores que se xubilan están sendo reemprazados por non convocarse prazas para que a xente nova se poida presentar. E esta é a situación crítica sen perspectiva de resolverse nos próximos anos. Maria Luisa Poncela, a secretaria xeral do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, propón que a solución desta problemática pasa por promocionar a investigación, fomentar a creación de talento facendo ciencia para a sociedade, e por suposto, en melloras infraestruturais. Os criterios aplicados para distinguir o tipo de ciencia que merece ser financiada e a que non, son inxustos e esgotadores, e non fan máis que deixar os científicos estupefactos cando a súa investigación é categorizada por ter unha “aplicación” ou non para a sociedade. Grande contrariedade, cando se sabe por exemplo que o maior crecemento económico dos Estados Unidos ven da innovación, que está baseada na ciencia básica financiada con fondos públicos. E sobor de todo as grandes ideas que xeran riqueza xorden da ciencia básica creada nos pequenos laboratorios, que curiosamente son os primeiros abatidos polos recortes orzamentarios.

Atopamos grupos de investigación en Galicia punteiros a nivel internacional, e que dentro desta asfixia son capaces de competir a nivel mundial e publicar os seus traballos nas revistas científicas de maiores rankings

A pesares dos recortes en investimento en I+D+i nos orzamentos xerais da Xunta dos últimos anos, publicados nun artigo en Praza, atopamos grupos de investigación en Galicia punteiros a nivel internacional, e que dentro desta asfixia son capaces de competir a nivel mundial e publicar os seus traballos nas revistas científicas de maiores rankings. Grupos que son dignos de admirar e hai que coidalos, formados por científicos excelentes que fan unha investigación de alta calidade e que non ten nada que envexar á que se desenrola en centros de elite doutros países. Pero o problema é que estes grupos se contan cos dedos dunha man, e dedican un grande esforzo en manterse a flote, grazas tamén ás axudas europeas. Mentres que o goberno dedica os escasos fondos maioritariamente a maxestuosas infraestruturas e fastosos laboratorios, investindo o pouco diñeiro en cemento, esquecen que o que verdadeiramente fai falla son mans que traballen. E estas mans hai que coidalas.

Ten que facilitarse o sistema de acreditación para prazas universitarias, non se pode consentir que se inventen máis decretos que fomentan a endogamia

Ten que facilitarse o sistema de acreditación para prazas universitarias, non se pode consentir que se inventen máis decretos que fomentan a endogamia, teñen que xerarse máis postos de traballo, aumentar a inversión en I+D+i nos orzamentos xerais e non agardar que os fondos europeos veñan ó rescate. Precisase abrir as portas ós investigadores que están no estranxeiro e queiran regresar, pero sen mofa e con dignidade, sen ofrecer contratos lixo que ofenden e cos que non nos podemos conformar. Deixen os investigadores que están no estranxeiro competir en España, porque é o que levan facendo nos países que non son os seus, e sábeno facer moi ben e non teñen medo ningún a elo.

A situación non é doada e a única alternativa ten que ser unha aposta seria e urxente pola investigación. Cómpre dar a entender que o investimento en I+D+i é un piar fundamental para a recuperación económica dun país

A preocupación pola política científica expándese polo territorio europeo, e o conxunto de científicos europeos fai un chamamento á alarmante realidade que padece a ciencia en Europa, protestando contra os recortes e expoñendo esta problemática nunha carta aberta ós gobernantes (http://openletter.euroscience.org). Polo momento esta carta conta con máis de 15 mil sinaturas, e pretende dar a coñecer que a ciencia é unha carreira de fondo e ten que ocupar un papel esencial na sociedade, e non se pode deixar esvaecer ó son dos ciclos políticos.

A situación non é doada e a única alternativa ten que ser unha aposta seria e urxente pola investigación. Cómpre dar a entender que o investimento en I+D+i é un piar fundamental para a recuperación económica dun país. A investigación científica hai que respectala, considerala e defendela, non se pode permitir baixala na lista de prioridades.

Acerca de Sonia Villapol

Sonia Villapol (Bretoña, Lugo, 1977). Bióloga molecular e doutora en Neurociencias. Traballou en centros de investigación do CNRS e INSERM en París (Francia), ou no NIH nos EUA, investigando novas terapias para reparar danos cerebrais. Na actualidade é neurocientífica e profesora na Universidade de Georgetown en Washington DC (EUA).