A alternativa socialdemócrata é Podemos

Nacionalización de bancos e grandes grupos industriais, quinta semana de vacacións pagas, retiro ao sesenta anos, aumento dun 10% do salario mínimo, imposto sobre as grandes fortunas, instauración dunha renda básica... É o programa económico de Podemos? Non, son algunhas das medidas tomadas polo goberno de François Miterrand no marco do Programa Común da Esquerda entre os anos 1981 e 1982. Desenvolvemento do Estado de Benestar, gran protección social e contención do déficit mediante elevados impostos, dereito a unha Renda Básica, unha distribución da riqueza máis equitativa, participación dos traballadores na xestión das empresas... Podemos? Non, medidas de Olof Palme na Suecia dos anos setenta.

Enunciar aquelas medidas de goberno é útil para mostrar até que punto o campo do posible se foi reducindo até niveis inverosímiles

Por suposto, todo isto podería ser matizado. Os gobernos posteriores de Mitterrand viraron ao rigor -hoxe diriamos a austeridade- despois de marzo de 1983 abandonando o Programa Común nun contexto de tremendos ataques ao franco. Por suposto, a realidade da UE condiciona hoxe toda política económica por parte dun Estado membro. Máis se a débeda alcanza o 100% do PIB. Pero enunciar aquelas medidas de goberno é útil para mostrar até que punto o campo do posible se foi reducindo até niveis inverosímiles.

Inverosímiles, si. Ernesto Laclau é hoxe moi citado pola súa influencia entre os mozos dirixentes de Podemos. A súa teoría dos "significantes baleiros" parece xogar un papel na loita de Podemos por crebar o dominio dos discursos de dereita e, ao tempo, elaborar un discurso hexemónico alternativo. Con todo, alá a comezos do oitenta nunha conferencia en Madrid, nunha sala do Senado para máis detalles, Ernesto Laclau e a súa compañeira Chantal Mouffe mostraron a súa confianza en que as conquistas do Estado do Benestar eran irreversibles. Todos nos equivocamos algunha vez. Por certo, para engadir outro dato de atmosfera, os dous pasaban por ser os máis preclaros teóricos do eurocomunismo, aquel lema lanzado por Berlinguer e Carrillo para romper coa ortodoxia e propor o socialismo en liberdade. Parecería que fose hai cen anos.

Así que aquí estamos, loitando polo evidente. Por afirmar que existe capitalismo máis aló do neoliberalismo, e que o modelo do Estado de Benestar pode e debe ser defendido

Así que aquí estamos, loitando polo evidente. Por afirmar que existe capitalismo máis aló do neoliberalismo, e que o modelo do Estado de Benestar pode e debe ser defendido. O que Podemos propón, se o entendo ben, é unha política de corrección da actual deriva do capitalismo nunha dirección, que me perdoen se ofendo a alguén, próxima ás formulacións dos partidos socialistas unhas décadas atrás. O achegamento a Podemos de Vicenç Navarro e Juan Torres imaxino que pode implicar que o documento "Hai Alternativas" elaborado por ambos os autores pode constituír un guión posible dun goberno de esquerdas. Se a ínclita Dolores de Cospedal suxire que as medidas alí propostas constitúen un perigo para a democracia entón é que nos atopamos nunha fase superior na que hai que definir a democracia dentro das estreitas marxes do fundamentalismo da relixión do mercado. Poderíase falar con propiedade dun totalitarismo brando.

Desde logo hai que saber explicar o éxito de Podemos, a súa capacidade de dar voz que, por certo, todos deberiamos agradecer pola súa contribución ao ensanche da gran conversa da liberdade. Pero tanto como iso hai que saber explicar a defección dos Partidos Socialistas ao lado da xente, o feito de que se converteron tantas veces na á esquerda da dereita. Aí está o exemplo da Gran Coalición que goberna a UE, sen demasiadas diferenzas de fondo.

Desde o comezo, o social liberalismo encarnado en sucesivas figuras como Miguel Boyer, Carlos Solchaga e Pedro Solbes marcou o paso

No caso español, foi posiblemente a lección francesa a que Felipe González aprendeu. Dado que pór en práctica unha política de esquerdas significaba arrostrar o perigo dunha enorme desestabilización, máis perigosa nunha democracia débil coma a española, era mellor pasar directamente á etapa do rigor, mantendo, iso si, unha certa sensibilidade social e expandindo o Benestar nun momento de crecemento e expansión. Ah, e tentando remedar na súa figura a aura cesarista de Mitterrand.

Desde o comezo, o social liberalismo encarnado en sucesivas figuras como Miguel Boyer, Carlos Solchaga e Pedro Solbes marcou o paso. A diferenza entre esquerda e dereita quedou reducida ao destino ulterior -se lembro ben a frase de Solchaga- do recadado a través dos impostos. A política macro de liberalizacións, desregulación e etcétera debía ser virtualmente idéntica. A esquerda pasaba así a ser meramente compasiva desfacéndose dos seus sinais de identidade e abrindo o camiño á hexemonía ideolóxica da dereita apoiada nos grandes medios de comunicación e, se se quere, o control capilar dunha sociedade que ten nos seus xenes o desinhibido clientelismo da Restauración. A memoria histórica tamén é iso.

E niso chegou Podemos. Un pouco como unha especie de Zorro, o instrumento vengador da ira social acumulada. E recompuxo os marcos de intelixibilidade apoiándose na enorme fractura social causada polas políticas en vigor

E niso chegou Podemos. Un pouco como unha especie de Zorro, o instrumento vengador da ira social acumulada. E recompuxo os marcos de intelixibilidade apoiándose na enorme fractura social causada polas políticas en vigor. A crise fixo que moita xente virase á esquerda e que atopase en Podemos unha nova xeración afastada do fétido cheiro a corrupción do réxime, unha nova mensaxe populista no bo sentido -o de Laclau- do termo, pero tamén unha posta a punto do que foi o punto de vista socialista, que parecía pasar a mellor vida. Memoria histórica, unha vez máis. Memoria do socialismo democrático. E, non se enganen, da conciencia social cristiá, dun sentido do ben común que aínda xoga un papel na sociedade española, aínda que os conservadores puxesen todos os seus ovos nas cestas do individualismo posesivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.