O fracaso do sistema soviético

O 9 de novembro de 1989 foi un punto e aparte na historia recente de Europa. O muro de Berlín desaparecía e marcaba o comezo do derrubo do chamado socialismo real existente nos países do centro e do leste do continente europeo.

Tiven ocasión de ver unha entrevista con Alberto Garzón na que este novo líder emerxente de IU reivindicaba a súa condición de comunista sen establecer algún distanciamento ou reflexión crítica con semellante definición

Hai poucos días tiven ocasión de ver unha entrevista con Alberto Garzón na que este novo líder emerxente de IU reivindicaba a súa condición de comunista sen establecer algún distanciamento ou reflexión crítica con semellante definición. Resultoume sorprendente comprobar como unha persoa que tiña 4 anos cando caeu o muro da capital de Alemaña e leva mais de 10 anos militando no PCE, non considera equívoca ou problemática tal referencia identitaria. As palabras de Garzón revelan que os debates abertos ao fío daqueles acontecementos vividos hai 25 anos aínda non están definitivamente pechados.

Coa perspectiva que dá o paso do tempo, é preciso recoñecer que o capitalismo gañou, no século XX, a batalla dos sistemas económicos

Coa perspectiva que dá o paso do tempo, é preciso recoñecer que o capitalismo gañou, no século XX, a batalla dos sistemas económicos. Demostrou posuír unha grande capacidade de adaptación ás mutacións operadas nos tecidos sociais dos países economicamente mais poderosos, aproveitando moitas das oportunidades xeradas pola evolución histórica e neutralizando unha boa parte das ameazas que apareceron nas distintas fases do seu desenvolvemento.

O fracaso do experimento soviético provocou importantes consecuencias: cuestionou a crenza en que a eliminación da propiedade burguesa remataría coa desigualdade e as inxustizas

O sistema soviético promoveu un proceso de modernización diferente do que se rexistrou no mundo occidental. Construíu un poder autoritario e duramente represivo –sobre todo nalgúns períodos- exercido pola elite do partido único e da administración estatal. O réxime comunista da URSS –e, por mimetismo, todos os que naceron após a II Guerra Mundial- unificou as esferas ideolóxica, política e económica baixo a autoridade centralizada do Estado:o grupo social que gobernaba era o mesmo que dirixía a economía e que ditaba a ideoloxía oficial. Precisamente, a conversión do marxismo na ideoloxía oficial dos Estados do leste europeo afectou seriamente ao prestixio dunha das mais importantes correntes ideolóxicas do socialismo democrático do século XIX.

O fracaso do experimento soviético provocou importantes consecuencias: cuestionou a crenza en que a eliminación da propiedade burguesa remataría coa desigualdade e as inxustizas, desacreditou o intento de liberar a actividade económica da tiranía do mercado mediante a planificación e desvalorizou a idea dun cambio social radical e global. Os últimos vinte e cinco anos permitiron constatar que a esquerda social, a pesar da súa importancia numérica e do mantemento da adhesión a certos símbolos e valores socialistas tradicionais, segue vivindo nunha crise de identidade, de orientación e de ideas.

As grandes desigualdades sociais e o extremado individualismo da sociedade contemporánea son as vellas materias pendentes que o actual modelo capitalista non consigue aprobar e que alimentan novos pensamentos críticos

O século XXI comezou case como o anterior. Wall Street repetiu o protagonismo de 1929 co estoupido dun  novo incendio no sistema que presumía de ter aprendido as leccións do pasado. As grandes desigualdades sociais e o extremado individualismo da sociedade contemporánea son as vellas materias pendentes que o actual modelo capitalista non consigue aprobar e que alimentan novos pensamentos críticos que recollen e actualizan os valores e as arelas que acompañaron aos proxectos transformadores dos últimos douscentos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.